Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Poesía galega no Brasil

lunes, 13 de junio de 2016
Este vello recanto do Finisterrae segue a producir adhesións literarias e emotivas que nos reivindican como cultura milenaria. O meu último Poesía galega no Brasildescubrimento neste sentido constitúeo a obra de Luciano Maia, poeta nacido en Limoeiro do Norte (1949), no estado de Ceará, Brasil.

Maia acaba de publicar Aldea lonxana (2015), volume de impresión brasileira, mais editorializado en Galicia, pois o selo baixo o que ve luz é o da Asociación Cultural Eira Vella de Betanzos.

Dende o propio título anúnciase xa a galeguidade da obra, o que tamén confirma a imaxe da capa (unha fotografía do lugar de Roibeira, apenas a quilómetro e medio do propio Betanzos). Agora ben, esta pegada galega vai alén e acaba por ser o verdadeiro imo do libro, tal como anuncia na súa propia estrutura bipartita: “Dez poemas galegos” e “Outros poemas”. Deste xeito, o que Aldea lonxana integra é un auténtico micropoemario composto por unha decena de textos de escrita e ambientación galegas e o complemento doutras composicións misceláneas que se engadiron para conformar o corpo final da obra.

A querenza de Maia pola escrita na nosa lingua vén de vello. De feito, esta decena de poemas galegos son o resultado da adición de cinco novas composicións a un feixe previo doutras tantas que xa se publicaran por vez primeira en 1984 formando parte do libro Sol de espavento, textos Poesía galega no Brasilque logo o escritor volveu inserir noutras publicacións. O quinteto que agora se engade nace dunha recente visita de Maia a Galicia, onde estivo no xaneiro pasado por terceira vez (a primeira ocasión na que nos visitara fora en 1997).

Os poemas galegos de Maia transparentan a dirección da súa temática dende o rótulo mesmo: “Aldea lonxana”, “Foliada”, “Alba lucense”, “O neno e a gaita”, “Cantiga partíndose”, “Lonxanía”, “O poeta en Santiago”, “Santiago de Compostela”, “Soneto de adeuses na Galicia” e mais “Na cara do mar”.

Por tanto, a poética de Maia é aquí o resultado do cruzamento de influencias varias entre as que cómpre salientar: dunha banda, o substrato da literatura galega de tradición oral e mais certa airexa neotrobadorizante e, doutra, as influencias de autores como Rosalía, Pondal, Cunqueiro e, sobre todo, o Federico García Lorca autor dos seis poemas galegos, omnipresente ata o punto de que moitos destes versos de Maia son unha homenaxe a modo de refactura.

A saudade de esgazo interior, a melancolía do emigrante, a orfandade da gaita sen o gaiteiro, as lembranzas dunha aldea atemporal, o fascinio do Lugo antigo e a Compostela eterna ou a visión do atlántico unindo as beiras vitais son algúns dos motivos recreados por Maia, habelencioso sonetista, tamén degustador das albas, pastorelas e demais cantigas de amigo e, xaora, do romanceiro máis xenuíno.

Aldea lonxana conta cun breve prólogo explicativo do autor e mais “Unhas verbas para os dez poemas galegos de Luciano Maia”, reveladora aproximación de Xesús Torres Regueiro que, xunto á análise da poética de Maia que para as lapelas do libro escribiu Durval Aires Filho, completan este volume.

Feliz nova a de que Luciano Maia, colaborador de A Xanela ―a revista voceiro da Asociación Cultural Eira Vella―, dese ao prelo Aldea lonxana, onde fica patente a súa simpatía pola nosa lingua e a súa literatura, da que é un agradecido embaixador nas lonxincuas terras de Fortaleza, no inmenso Brasil.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES