Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

En San Pedro de Marmancón imos estar de festa

sábado, 11 de junio de 2016
Hai poucos días cumprín 79 anos. Na Escola de Espiritualidade de San Pedro de Marmancón, en Papoi, sorprendéronme cunha merendola xeitosa. Fina incluso fixo filloas cun gusto exquisito.Ten mans de santa esta muller para eses mesteres. Pero aínda é máis grande a bondade interior. Fun testemuña directa da súa profunda valía cando os acompañei na enfermidade e pasamento de Fito. E así podo dicir do resto. Ese día só puideron estar: Dora, Carmucha, Concha, Arianne, Mari Carmen, Marisol, Mª Jesús, Susa, Ángeles, Fina, Nieves, Teresa, Sita, En San Pedro de Marmancón imos estar de festaJosefa, Carmen. Moitos outros ben quixeran. Velaquí unha foto, incompleta.

Que hai detrás de todo isto? Penso que o mellor para situarse é recuperar memoria cun artigo da miña autoría no Diario de Ferrol do 29-07-2009.

Marmancón. Grupo de Teatroterapia

«San Pedro de Marmancón é unha parroquia pequena e descoñecida do gran mundo mundial. Igrexiña propia, das máis antigas de entre nós e ben fermosa por certo. Cemiterio de seu. Un elemento común de grandísima cohesión social. Todos sabemos canto vincula o camposanto na nosa Galiza. Todo moi coidado.

Pertence ao concello de Ferrol. Linda con Mandiá, Covas e Esmelle. Papoi tal vez sexa a parte de máis sona por Ferrolterra. Poucos en número de casas e mesmo de habitantes. Pero non insignificantes. Porque da súa significación encárganse eles mesmos. Quen se non? De non ser así, esmorecerían, pois a ninguén lle importaría a súa supervivencia. Saben afirmarse no propio, alentan con forza e constrúen a cotío a súa autorrealización como persoas e como colectivo.

Son moi ben levados entre eles e moi acolledores, cun estilo propio de convivencia e de moi boa relación.

A Asociación de Veciños é “a súa casa grande”, sempre aberta a todas as iniciativas de lecer e de acollida universal. Ten moita vida de seu. Sempre favorecedores de iniciativas de progreso e de ampla solidariedade.

É neste ambiente onde debemos situar a actividade da teatroterapia.Todos entendemos máis ou menos o que ven sendo un grupo de teatro. Xente que se asocia para representar unha obra, sexa ou non da súa autoría. A finalidade pode ser a de levarlle unha mensaxe a un público, con arte escénica, ou mesmo un divertimento ou o reflexo da expresividade do colectivo e dos membros que o compoñen.

E iso da terapia? Si. Nós creamos unha Escola de Saúde. Desde anos atrás vimos profundando en todo o que supón mellorar a autoestima, a relación empática de axuda ao outro, a liberación de complexos, etc... Desenvolver as capacidades sociais. A expresión libre. A toma de conciencia dos nosos sentimentos. Auto-confianza. Escoita activa. Control da ansiedade. Expresión corporal. Intelixencia emocional. Estar en contacto co camiño para desenvolver as propias metas. Sentido e importancia do xogo, etc...

Inspirámonos en certa maneira no psicodrama de Jacob Levy Moreno (1898–1974). El sostén que é ben pasar da actuación verbal á acción, logrando que o paciente non estea illado senón que sexa tratado dentro dun grupo. Moitos dos exercicios de aplicación práctica vense moito mellor se os sometemos a unha representación, nun laboratorio experimental, que nos permita volvermos sobre nós mesmos e sobre as circunstancias que nos rodean.

Desde aí, ábrese un proceso continuo e continuado de aprendizaxe, de discusión en grupo, de autoexploración, de descubrimento das nosas calidades ocultas, de aprender a autovalorarnos e tamén a desenmascararmos as nosas propias apreciacións negativas que tanto dano nos fan ou as ideas fixas polas que tantas veces nos autobloqueamos, etc...

Partindo da propia realidade e do autocoñecemento avanzamos nun proceso de liberación de nós mesmos para non ficar paralizados fronte á chamada continua de medrarmos como persoas, independentemente da idade que poidamos ter.

Neste traballo do grupo entran persoas. Non individuos escollidos por ninguén. Todos nós valemos para algo, todos somos importantes. Na sociedade ninguén sobra. En cada idade podemos aportar unha riqueza distinta e necesitamos unha aprendizaxe diferente. Por iso acollemos a todos, con tal de que veñan voluntariamente ao grupo e teñan intención de crer en si mesmo, con ganas de medrar por dentro e por fóra para avanzar no medio e nas contornas da propia situación.

Teatro para representar? Non o excluímos como elemento propio de autoafirmación. Pero a finalidade esencial é avanzarmos na autorrealización. E a xulgar pola asistencia, dado que estamos en pleno verán, non estamos desanimados. Todo o contrario. Vai ben».

Desde daquela pasaron anos. Todo foi evoluíndo e nós tamén. Nin todo o que recibimos está falto de razón nin os sucedáneos son a clave das fonduras da nosa vida. Nos tempos que están a correr é preciso facer luz de liberdade e liberación. Moitas veces andamos a bandazos. Desde fanatismos ao baleiro existencial. Por iso vimos necesario desenvolver unha Escola de Espiritualidade no senso polisémico da palabra. Os valores espirituais son tan amplos como a vida mesma e a transcendencia. Naturalmente que aí dentro están tamén os valores relixiosos e por suposto os cristiáns. Porén, tampouco podemos pecharnos á dinámica do mundo actual. E nesas estamos e andamos. “Examinádeo todo; e retede o bon. (Tes 5:21).En San Pedro de Marmancón imos estar de festa

Alguén escribiu de nós así: “Exemplo de arquitectura relixiosa, máis popular que culta, aínda que na orixe fose unha construción de templo románico e contase no pasado cun interesante retablo barroco. Planta rectangular, dunha soa nave e presbiterio. Muros de cachotería, revocados de branco, menos nunha ampla franxa horizontal da fachada principal, onde sobresae o arco de medio punto da porta con grandes doelas e decoración de bolas. A cuberta a dúas augas. Conserva a antiga pía bautismal de granito do país”.

Sabémonos herdeiros ben contentes dunha tradición multisecular. A nosa parroquia poida que sexa do século IV ou V. O 29 e o 30 celebraremos con gozo o noso señor San Pedro. E estamos ben fachendosos. Se pensades en virdes, a misa será ás trece horas. Como deber ser. Vémonos na romaría.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES