As terras de Lugo teñen unha marcada diferenciación, desde a alta montaña á longa beiramar, da Ribeira Sacra aos vales de Sarria e Monforte. E de xeito singular a Terra Chá, que Manuel María creou como comarca en 1954 co seu poemario, sendo o único poeta do mundo que incidíu na xeografía a base de poesía.
Nesa comarca, berce de poetas, cunha fala especial que Paco Martín estableceu cando dixo que o seu Ramón Lamote era profesor de chairego, resulta que se fala un galego especial, con características propia que o fan plenamente identificable entre calquera outro dos diversos galegos do noso país.
E como toda comarca xeográfica é divisible en fraccións máis pequeñas, o mesmo ocorre coa Terra Chá, na que destacan as terras de Valuria, que corresponden co actual concello de Castro de Rei, que tamén naceron gracias á preocupación de xentes que rescatan anacos de historia e de vida.
Valuria é a terra dos Valuros, con b ou con v, especiais seres humanos que na Idade Media proliferaron por estas terras, dos que se coidaba tiñan poderes especiais, andaban á esmola ou recibían diñeiros con malas artes, tiñan mala sona entre os poderosos e a Igrexa tíñallela xurada
A historia gardou memoria daqueles seres que preocuparon aos poderes establecidos, ata chegar aos nosos tempos, coa axuda de investigadores que depuraron a lenda e pescudaron nos feitos daqueles seres que destacaban polas súas artes e coñecementos.
E naceron os novos valuros como grupo de teatro e grupo folclórico
E agora nace o libro Valuria que ven facer con esta terra un papel similar ao que o Terra Chá fixo pola Chaira
E foi Xosé Otero Canto, profesor e poeta nado na Ponte de Outeiro, o que escribíu un feixe de poemas que falan de Valuria, as súas xentes e a súa historia, que xa se presentou en Castro de Rei e en Lugo, e este venres se presenta na Casa da Cultura de Vilalba.
A Terra Chá é un elemento físico, con historia e lenda, con milleiros de persoas asentadas nela, e Valuria é un territorio sentimental, creación poética, rexida por seres mítico-máxicos que só viven nos nosos corazóns. Pero aínda así, ou especialmente por iso, Valuria existe, que eu vin o libro que conta a súa historia, e seguirá vivindo mentras haxa alguén que lea este libro singular.