Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Día mundial sen tabaco?

jueves, 02 de junio de 2016
Polo visto o día 31 de maio celebrouse o día mundial sen tabaco. Polo visto, por decisión da Organización Mundial da Saúde (OMS) celébrase tódolos 31 de maio. Non sei cando empezou esta historia nin me vou parar a sabelo, chégame con saber que no 1988 xa se celebraba. Eu fumei ata decembro do 2005 e nunca respectei este día como non respectei moitos outros que me veñen impostos comenenciuda e trampulleiramente. Non o respectei pra non pasar ese día desesperado co síndrome de abstinencia e logo, recuperar o 1 de xuño o atrasado.

Estou convencido de que o nome “sen tabaco” está mal posto a propósito pra despistar. Debía ser “sen fumar” dado que cada día e a idades máis novas se fuman outras herbas que non son tabaco e dado tamén que o tabaco é malo pola nicotina que pode causar tanta dependencia como a heroína e polo benzopireno da combustión que é canceríxeno. Pero ademais está ben demostrado cientificamente que cada cigarriño leva beiras de 300 sustancias máis, aromáticas algunhas, e canceríxenas e aditivas moitas outras, das que non fala abertamente a OMS.

Dun tempo a esta parte noutros países, pero tamén no noso, que é o que agora me interesa, as autoridades competentes perseguen ó fumador, soben os paquetes das distintas marcas con tódolos seus impostos directos e indirectos, propágase por tódolos medios que os fumadores son uns apestados que apodrentan á sociedade e arruínan o país. E, todo, polo visto, coa fin de evitar que os fumadores se vaian suicidando un pouco máis cada día.

Pero ó mesmo tempo as nosas autoridades sanitarias miran pra outro lado ante as multinacionais tabaqueiras que nos están asasinando. Por que será? Parece que podería dar resposta incluso algún presidente dos Estados Unidos -e noso- elevado a tan alta dignidade coa eficaz axuda de multinacionais tabaqueiras.

Algunha vez algún fumador gañou algún preito aló nese sitio onde a xustiza é tan cara e tan teatreira a algunha tabaqueira, pero o asunto non debeu chegar a crear xurisprudencia, porque parece que morreu o conto.

Aquí, onde a xustiza non é tan cara, pero é menos cega, porque ve por un ollo, alternando o dereito ou o esquerdo segundo conveña, un amigo, mellor dito, un irmán, co que comparto operación de larinxe, de nome Manuel Antonio García Fraga, presentou hai uns tres anos denuncia contra as autoridades sanitarias incompetentes por seren cómplices de que nos asasinen. Non pretendía indemnizacións pra si, senón solución pra outros. Atopouse co escepticismo de varios organismos e co desaconsello da xunta provincial da Asociación Española contra o cancro (AECC) da cidade onde vive, que non é Lugo, pero que podía ser en calquera sitio, porque as administracións de diñeiros que non son seus tenden a mercar, para taparlles a boca, a asociacións e ongs por un mísero prato de lentellas.

Apoiámolo algúns amigos, poucos, e sobre todo avogados e médicos que fixeron un estudo moi pormenorizado que teño diante.

Pasado o debido tempo, a Audiencia Nacional fallou que non considera que os demandados cometesen delito penal, pero deixou entreaberta a porta pra seguir sobre a posible base de deixación de funcións ou incumprimento incorrecto das mesmas. Esa porta da Audiencia está un pouco desplomada e cos recortes das administracións á administración de xustiza ninguén a plomou, de modo e maneira que pouco a pouco foise pechando ela soa e o caso quedou arquivado.

Este ano 2016 a OMS descolgouse coa coñita do empaquetado neutro, que non vou comentar.

Fumadora ou fumador, ¡se queres podes! Eu fumaba arredor de tres paquetes diarios ata o 12 do 12 do 2005 ás 7,20 da tarde. Axudoume un acupuntor, tiven que querer e foime moito menos difícil do que pensaba. Se o tivese feito hai anos a miña calidade de vida e a da miña familia, por culpa miña, serían moito mellores. ¡Non esperes que te curen ou te maten! ¡¡Cúrate, que ti, se queres, podes!!
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES