Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Agora sí

martes, 31 de mayo de 2016
Dado que tiven unha visión crítica -e no caso do goberno español continúoa tendo- respecto da ausencia dun axeitado eco reivindicativo da nosa historia de irmandade con Cuba e do papel xogado polos nosos antepasados na illa, tanto no século XIX como na primeira metade do XX, por parte do goberno autónomo e mesmo polo Parlamento de Galicia como expresión oral da voz colectiva do pobo galego cando o pobo cubano saltou ós medios de comunicación todos do mundo coa visita do presidente dos Estados Unidos, debo agora, logo do regreso do presidente da Xunta a Compostela, matizar algunhas palabras escritas e felicitar sen ambaxes ó "noso" presidente polo lugar no que esta fin de semana colocou a Galicia como pobo aberto ó mundo, cosmopolita e sobre todo irmán daqueles lugares que un día foron quen de axudar a matar a fame corporal e mesmo intelectual dos galegos cando a nosa terra era pobre e analfabeta.

É certo que todo tivo lugar no marco do encontro dos representantes da galeguidade no mundo. Pero tamén é certo que de alguén tivo que ser a proposta de que fose a Habana -e máis concretamente, o vello centro galego- o lugar de celebración de tan simbólico evento e, polo tanto, dou por suposto que a Secretaría Xeral de Emigración algo tería que ver no asunto, cousa que evidentemente honra ó meu conveciño e tocaio de nome, Antonio Rodríguez Miranda.

Descoñezo, sen embargo, a letra pequena dos acordos acadados entre Alberto Núñez Feijóo e Raúl Castro e en qué tipo de realidades futuras se van converter tanto para os galegos de aquí e como para os de acolá e mesmo para os cubanos que, sen teren unha vinculación especial con Galicia, saben dela e dos galegos e, polo tanto, queren entrar en España cruzando a porta dunha casa amiga como é a nosa.

Si, leo neste mesmo xornal que as áreas "agroalimentaria, biotecnolóxica, enerxética, transporte e turismo" van ser algunhas nas que se concreten colaboracións efectivas entre o empresariado de aquí e o futuro empresariado de acolá.

Leo iso e felicítome por elo porque tal colaboración redundará na mellora social dun pobo que tanto lle deu á Galicia doutrora e co que a Galicia de hoxe ten unha débeda histórica que está moralmente obrigada a saldar.

Pero iso -é dicir, os resultados- chegarán co tempo. Polo que hoxe, o único que quero é felicitar ó presidente da Xunta porque como galego sentinme honrado de ver ó presidente do meu pobo sentado na vangarda da política internacional respecto das grandes expectativas que a evolución social de Cuba está a xerar, non só en toda América Latina, senón tamén en Europa, como moi ben se encargou de demostrar hai meses o presidente de Francia.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES