Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Vivir da vocación

miércoles, 01 de junio de 2016
Hai tempo que veño defendendo a necesidade vital e humana de que cadaquén se desenvolva no campo profesional que lle marcan os seus ilímites e o seu xeito de ser. Coido que para ser feliz hai que atopar o campo no que nos sintamos a gusto para dar o mellor de nós mesmos. A base da teoría do ilímite é o amor e nese amor temos que desenvolver de xeito interdependente o noso proxecto vital. Cando eliximos o que imos ser na vida temos que ter coidado de non converternos nun fraude a nós mesmos porque ese fraude pode acabar prexudicando á xente coa que convivimos xa que pode ser o branco inxusto da nosa frustración.

Desenvolver unha carreira vocacional é un piar para a ledicia vital de tal xeito que está demostrado que aquelas persoas que traballan en aquelo que as enche son máis felices. Alén disto existe unha cuestión moral que impón a necesidade de que determinados traballos se desenvolvan de xeito vocacional: en xeral todas as profesións que teñen como destinatario a outras persoas esixen vocación; así podemos falar do profesorado, do traballo social, da atención á dependencia, do coidado dos nenos. Estes son traballos que non se poden deixar en mans de calquera xa que, ademais dos coñecementos imprescindibles para a profesión, requírese unha actitude propicia ao desempeño integral da actividade.

Como exemplo do dito, situémonos no campo da atención á dependencia. Por suposto o/a profesional ten que ter uns coñecementos específicos sobre as posibles diversidades funcionais ás que se pode enfrontar pero paralelamente a estas aptitudes ten desenvolver actitudes propensas á comprensión e a inclusión das persoas con diversidade.

Existen traballos vocacionais que teñen un forte compoñente ideolóxico que nada ten que ver coa política partidista, senón cunha concepción social inclusiva que leva á persoa a enfocar a súa profesión como un xeito de crecemento. Para min estes/as son os/as mellores profesionais xa que, procuran no seu traballo o enriquecemento da propia experienciae isto supón unha implicación máis profunda na tarefa que se está desenvolver.

Aquilo que dicía Facundo Cabral garda a gran verdade da vida : “Haz lo que amas porque el que trabaja en lo que no ama, aunque lo haga todo el dia, es un desocupado”. Na medida na que a sociedade e o sistema educativo sexan capaces de orientar vocacionalmente ás persoas a repercusión colectiva da vocación será o propio benestar. Debemos saber que se nota moito cando un traballador fai o que lle gusta e cando está por mera obriga, polo tanto temos que propiciar carreiras vocacionais que contribúan ao progreso colectivo.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES