Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O disputado voto do señor Caio

viernes, 03 de junio de 2016
Na novela de Miguel Delibes dous vellos son os últimos habitantes dunha aldea perdida. En Galicia temos tantas que o escenario ben poidera ser galego. Só en Lugo e Ourense temos 8000 lugares mortos biolóxicamente.
Conta Delibes que no abrente da democracia os partidos, coa febre do voto, tentan chegar ata o último recuncho do país, ata a aldea máis afastada, ata o lugar onde sobrevive o señor Caio cun veciño, outro vello co que non se fala.

- Se falades con ese, excusades de facelo conmigo.

Porque os dous vellos levan décadas sementando rancores, erguendo valados, cavando trincheiras, trazando liñas vermellas contra a convivencia.
Chama a atención que despois de catro décadas de democracia, e doutros corenta anos de ditadura, a xente máis nova, os partidos que se levantaron contra a vella política volvan á linguaxe do frentismo, das liñas vermellas. Se negociades con eses non ides negociar connosco.

Aquela nobre indignación que fervía nas prazas contra os malos políticos, contra un sistema económico inhumano que sacrifica á maioría, contra a indecencia duns políticos estercados de corrupción, cristaliza en partidos que en vez de tender lazos siguen, con entusiasmo cainita, afiando coitelos.
Hai tres tipos de fendas que dividen o corpo social. O da decencia e o da indecencia. O do centrismo e os nacionalismos, e o de esquerdas e dereitas. Suponse que os novos partidos serían quen de vacinarse contra a indecencia e tender pontes para salvar as outras divisións. Pero cando se miran no espello do conto, como a raíña malvada, corren o risco de ver reflectida a vella política.

O señor Caio non quere falar co veciño. Pero os novos partidos non poden ter acumulado en tan pouco tempo tanto rancor, tanto resentimento que lles impida tender a man, falar, negociar, chegar a acordos co contrario ideolóxico, cando só deberían ser incompatibles coa indecencia da corrupción.

Insistir nas liñas vermellas é deixar o paso libre aos provocadores. Coñecemos ese camiño: xa foi percorrido por aqueles Gil, Grillo, Le Pen, Berlusconi. E agora por populistas e xenófobos aquí en Europa ou polo lingoreteiro Trump acolá.

Partidos tan novos non se poden comportar como o señor Caio e o veciño. Non poden deixar espazo aos provocadores, aos que converten os partidos en sectas, aos que apostan polos dogmas no territorio onde deberan estar vetados: a política.

Pero o que vemos é como os soños se dilúen cando topan coa realidade, mentres na cidadanía estase a producir un fenómeno notable, o elitismo al revés: cidadáns que coñecen todas as respostas e políticos torpes, cidadanía sabia e partidos parvos. E partidos novos con defectos de vellos: se falas con ese excusas de facelo conmigo. Chámanse Podemos, Cidadáns. E parécense ao señor Caio.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES