Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A muller que sempre choraba coa risa

martes, 31 de mayo de 2016
Testemuñas da Memoria:
A muller que sempre choraba coa risa

Hoxe, aquí, nesta reportaxe podía aparecer calquera dos miles de funcionarios que hai espallados por toda a xeografía española e que deixaron ou deixan familias nos recantos contrarios desa mesma xeografía; desde aquel que traballa en Madrid e con algún fillo de meses en Ourense, ata o meu compañeiro Camilo, que vai para 15 anos que está en Maceda e coa súa familia en Ames, á beira de Santiago. E quen di funcionarios di outros empregados. E quen di familia é dicir fillos. Estar separados de pais ou irmáns ou incluso cónxuxes pode levarse máis ou menos ben, pero os fillos xa son palabras maiores, xa pena o corazón polas distancias.
Digo que podía falar de calquera deses miles. Mais tan só vou falar de María Luisa Pérez-Chirinos Martínez, Marisa. Porque é unha persoa e amiga especial. Ela, xunto con catro máis (nos que me inclúo), formamos unha piña tan singular nos anos oitenta, en Madrid, máis en concreto, na Delegación de Facenda, que me sería un pecado mortal non sacar nestas reportaxes a ningún deles. Os cinco botamos cinco anos tan extraordinarios, tan particulares que darían para un libro ou máis. Para máis. Hoxe mesmo non sei os libros que escribín sobre esa relación de amizade, de compañeirismo, de traballo e de lecer.

Marisa sae á palestra desta reportaxe porque, dos cinco, era a única que tiña a cabeza ben amoblada e perfectamente colocada sobre os ombreiros. Para algo lle chamabamos xa A Avoíña, pois era a que realmente velaba por nós. A Avoíña con tan só 27 anos! E sae á palestra, por suposto, porque foi á única á que lle tocou apandar co destino, moitas veces cruel, de moitos funcionarios. Ós cinco anos da nosa relación, e cando aprobou a oposición (entraramos de contratados) saíu destinada para Xirona, alá na fin do mundo ou no quinto carallo. Deixaba en Madrid a unha cativiña de tan só dous anos; xusto cando eu tamén empezaba a gozar con ela (sempre me fascinaron e me fascinan os nenos) porque coincidiamos os dous nun par de quilómetros camiño das nosas vivendas.

E se para min foi un pau o traslado forzoso da miña amiga, imaxinade o que tivo que sentir ela cando a separaron da carne da súa carne, do sangue do seu sangue. Nada menos que a Xirona! Imaxinade os miles de funcionarios que estiveron e están en situación semellante. Por iso digo moitas veces que a vida de funcionario non é tan bonita como a pintan. Si, certo, hai traballos ben peores e en situacións paupérrimas. E non fai falta remitirse ós anos da penosa emigración. Pero se falo dos funcionarios, se falo de Marisa é polo que significaron e significa para min. É certo que ás veces rañamos a barriga (sen ter culpa, pois depende do traballo ou da mala distribución da propia administración), pero tamén ás veces aturamos o que Deus non quixo dunha ou doutra maneira... aguantando contestacións inadecuadas, cabreos que non veñen a conto ou sen arte nin parte, críticas por un posto de traballo seguro. Seguro que Marisa, agora mesmo, lle atoparía un comentario sinxelo e tranquilo a estes ruxerruxes. E ó momento xa se lle bañarían os ollos con bágoas... de risa. Nunca vin a unha muller que se rira tanto e tan alegremente! Sempre choraba coa risa! Por certo, axiña conseguiu (tanto ela como o home coa nena) o traslado para Burgos e alí aconteceu o dos contos: que foron felices e comeron perdices. Do que me alegro enormemente.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania