Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Nacionalismo musical

martes, 31 de mayo de 2016
Se nos guiamos pola propia definición de nacionalismo: movemento que reivindica o dereito dunha nacionalidade á reafirmación da súa propia personalidade... podemos chegar sen atrancos a unha música que encaixe perfectamente neses parámetros, unha música que ao escoitala nos traslade sen ambaxes a un territorio determinado. É así que, como lle poñemos etiquetas a todo, no tocante á música temos un termo que define esta tendencia como “nacionalismo musical”. E isto foi o que escoitamos nun excelente concerto da Sinfónica de Galicia organizado pola Sociedade Filharmonica Ferrolá no Auditorio da cidade. Claude Debussy, Alberto Ginastera e Manuel de Falla foron os autores que puxeron as notas a unha noite de música marabillosa.
Nacionalismo musical
Calude Debussy foi considerado un dos principais autores da chamada música impresionista, definición que por certo a el non lle gustaba, pero neste concerto aparece a súa obra Iberia que a poderíamos secuestrar e sen que se dea de conta levala á parcela da chamada música nacionalista porque nela sobresaen matices españois a máis non poder. Din que Debussy so estivo en España unha vez e foi para ver unha corrida de touros en Jerez, pero suficiente para inspirar unha partitura que o mesmo Falla valorou na súa xusta medida. Iberia, música nacional-impresionista? Pois o mesmo si, por que non.

Alberto Ginastera, arxentino, músico academicista contemporáneo, pódese considerar un fiel representante do chamado nacionalismo obxectivo do cal é fiel reflexo o seu Concerto para arpa, cheo de sinais da música folclórica pois aí aparece o folclore como base conceptual e ao tempo estilística.

Como curiosidade é interésente subliñar que o célebre bandoneonista Astor Piazzolla, que tamén recorre á música con raíces, foi un dos seus alumnos e que o afamado grupo de rock progresivo Emerson, Lake and Palmer adaptou o cuarto movemento do seu Concerto para piano e gravouno no seu álbum Brian Salad Surgery co nome de Toccata obtendo o aplauso e admiración de Alberto Ginastera: ninguén foi quen de capturar mellor esta música, chegou a dicir.

E por fin Manuel de Falla; este si máximo representante do chamado nacionalismo musical, un dos compositores españois máis importantes da primeira metade do século XX. Todo un luxo poder contar con el nun concerto nos que habitualmente soe haber carencias de compositores españois e xa que logo o público sempre espera con agrado e expectación a presenza desta música. Nesta ocasión a mostra foi O sombreiro de tres picos do que pouco hai que dicir porque case todo o mundo coñece esta partitura sobre todo a xota con que remata esta obra da que un, pechando os ollos, ata pode imaxinar a coreografía. A Sinfónica de Galicia estivo contundente, plena de potente sonoridade baixo a batuta de Juanjo Mena, e Manuel de Falla estupendamente interpretado.

Falla foi amigo de Lorca e con el afeccionado ao cante jondo. Chegou a ter tamén a Luís Buñuel como director de escena no Retablo de Maese Pedro e ao granadino Gallego Burín como director artístico na peza teatral El Gran Teatro del Mundo de Calderón na que Falla tamén puxo música incidental. Sempre sentín admiración por este compositor gaditano afincado en Granada e curiosidade pola súa relación con Lorca.
Din que en 1937 compuxo un himno para as forzas franquistas con letra de Pemán, pero o certo é que rematada a guerra vai para o exilio en Arxentina onde morre sen aceptar un ofrecemento de Franco para que regresara.

Oxalá a Sinfónica inclúa máis partituras de Falla no seu repertorio para o noso deleite.
Rubia, Xoan
Rubia, Xoan


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES