Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cansei!. Apeo da nórea ou que me arrastren

jueves, 26 de mayo de 2016
Si, cansei de dar voltas perpetuamente arredor do tornillo (parafuso) sen fin dunha nórea de tiro, ou máis ben de sangue, pero das que non se moven cunha soa tracción, senón que necesitan recuas pra movelas, ás que lles tapan os ollos pra que non se mareen e pra que pensen que avanzan sen saír nunca do sitio.

Cansei de tirar pola nórea que desangra ó país por unha arteria aberta que verte a rego e, os elixidos pra taponala, cadora a abren máis.

Cansei de ser acémila cega por imperativo legal. Se me fan comungar con rodas de muíño quero que saiban que sei que comungo con rodas de muíño

Os meus deberes como cidadán non poden matarme a liberdade que non recibín de ningún político, nin poden obrigarme a tirar da nórea de vivir en perpetua campaña electoral, invertendo nelas miles de millóns necesario pró que en realidade fan falta e non pra insultar a memoria dos cidadáns dicindo hoxe o contrario de onte e mañá algo distinto do de hoxe, ou proclamándose alcaldesa de todos e selo só duns poucos contra outros moitos.

Se non me deixan desenganchar polas boas da nórea á que me amarraron sen eu darme conta que me leven arrastro, pero nin a miña conciencia, nin a miña saúde, nin o quinto, sétimo e oitavo mandamento me permiten seguir tirando da martabela da perpetua mentira: europeas, estatais, autonómicas, municipais, goras en decembro, e volta a galear e a chocar durante un mes a ver se nace o pito ou morre de estrés a galiña o 26J.

Se mo impoñen pola forza non me queda máis remedio, pero libremente, nin un euro prós que deciden por min que este país con 47 millóns de habitantes deba manter a 445.568 políticos, 1 por cada 105 cidadáns; mentres outro, Alemania, con 81 millóns de habitantes mantén a 150.000 políticos. 1 por cada 450 cidadáns.

Apéome da nórea de sangue e mando ó inferno dunha patada os tapaollos de acémila cos que me queren facer crer que fan falta todos eses chupasangues pró ben común. Non me gusta xeneralizar, pero son incapaz de personalizar. Que se aparten pra un lado os elixidos aforados que non se limitan a mirar polo seu único e exclusivo ben común ou polo do partido que os sostén onde non deberan estar.

Apéome e deixo de tirar pola nórea que me desangra e me tapa os llos pra que non vexa que o profesional que se mete a político non pode ser bo político, porque é un fracaso na súa profesión. Que se poñan a un lado as excepcións.

Que me leven arrastro, pero libremente non tiro máis pola nórea que confecciona listas electorais con quietos en vez de confeccionalas con parados, pra poder presumir de que aumentan os postos de traballo. Pero non, canto máis quieto e parado mellor, porque se se move, cae da foto ou comete o sacrilexio horrendo de romper a castrante disciplina de voto.

Non. Non tiro libremente máis por unha nórea que me quere facer crer que cando escoito dicir: “Todos contra este ou todos contra estoutro”, non debo pensar que é un insulto e unha descualificación dos votantes desa formación política, coma se eses votantes non pensasen nin contasen. É tráxico. Ó mesmo tempo que despezan a eses votantes andan tras deles pra atraelos.

¿Qué xa caín na rateira ou xa ensinei o plumeiro?. Non, listiño ou listiña esquerdeiro, non. Cando ti aínda non naceras ou andabas facendo prácticas coa mamadeira, pra seres agora doutor na arte da mamandurria, xa o sarxento da garda civil deixara de “evacuar” resumes das miñas homilías á autoridade competente, despois de colgarme o sambenito de comunista e avisar ben avisado ó xuíz de paz de que podía ter problemas por ser meu amigo. E xa os da policía secreta –social?- deixaran de asistir ás actuacións de maxia miñas e de Antón. E todo aquilo pra que?, pra soster entre 105 cidadáns a un polítiqueiro pagándolle dietas mentres moitos están a réxime. Comer de dieta é comer ben. Comer de réxime é comer pouco. O dramático é non ter nada que comer mentres mantés a toda a corruptela de dereitas, do medio, de esquerdas, e de quen mira de que lado vén vento.

Non vou seguir libremente amarrado á nórea. Déitome e que me pisen os que veñen detrás e despois que digan que fun un covarde e un mal cidadán.

¿Qué a onde quero chegar? A ningures! Estou dando voltas, sen saír do sitio, arredor da nórea de sangue e cunha parede ben segura polo lado de fóra para que non poida fuxir, pero aínda non me mareei de todo e sei que xa estou de volta de moitas mentiras armadas mesmo sen imaxinación! Eu e moitos coma min somos da ultramodernidade, porque somos dos resentidos de 16M. Si, o máis novidoso. Os resentidos dos comenenciudos e acomodaticios resentidos de 15M.

Non. Tampouco son apolítico que non lle deixan selo a ninguén. A política, según se di, ou se fai ou se sofres. Son independente, pero non neutral. Teño algo da ideoloxía do Evanxeo coas portas de fóra da sancristía abertas. Pero, como o Evanxeo é moito máis ca unha ideoloxía, axúdame a sentirme libre e a tratar de ceibar e non de amarrar, por máis atados que nos teñades á nórea que desangra ó país. O Evanxeo dí que o si sexa si e o non non. Cando os do poder din si é quizabes; cando, quizabes é non. Se din non, prá próxima que se despidan.

As excepcións que se poñan ó lado pra que as vexamos ben e poidamos contalas.

Logo se contan. Si que se poñan ó lado, porque habelas hainas. Eu coñezo e trato algunha, como coñezo e trato a bos profesionais que accederon á política, pero sen facerse “profesionais” dela. Pra eses a miña gratitude e o meu temor a que, se son moi honestos, ou os botan ou se teñen que botar. Coas excepcións ben amaño e sóbrame todos os outros, pero non serve de nada porque me teñen ben amarrado á nórea. Ata por aí. Ó mellor na última semana do mes de xuño non estou nin escribo e se escribo, podo esquecerme do texto e mesmo mandar o sobre baleiro. Tamén de aquí a aló aínda podo cambiar de parecer. Quen sabe?
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES