Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os poetas Manuel María e Manuel Rodríguez López

jueves, 26 de mayo de 2016
En verbas de Salvador García-Bodaño, Manuel María e Manuel Rodríguez López forman parte da Promoción do Abrente (unha das tres promocións de poetas dentro da ampla "Xeración dos 50”) xunto con Uxío Novoneyra, Xohana Torres, Xosé Fernández Ferreiro, Abuín de Tembra, Manuel Álvarez Torneiro e Antón Avilés de Taramancos. Méndez Ferrín sitúa ós dous poetas dentro da máis ampla Xeración das Festas Minervais.
Os poetas Manuel María e Manuel Rodríguez López
Iste é un dos moitos nexos de unión entre o Poeta da Terra Chá e o Poeta de Paradela, que disfrutaron dunha cordial amistade en vida e que, despois de deixarnos fisicamente, comparten tamén o feito de ver honradas as súas obras en numerosos actos de recoñecemento público.

Manuel María, nado en 1929, era tan só cinco anos maior que Manuel Rodríguez. A pesar da escasa diferencia de idade, ambos tiñan un estilo poético ben diferenciado. Así o deixou escrito Manuel María en carta a Manuel Rodríguez López datada o 18 de Outono de 1968:

“… Recibín o teu libro POEMAS POPULARES GALEGOS. Moitísimas gracias. Xa tiña un exemprar que me percurei na “Celta” un día que fun a Lugo. Pois xa dende a miña estadía en Barcelona, pola brevísima conversa que tivemos, sabía que iba saír o libro. Os teus poemas, ben galegos por certo, están, como sabes, lonxe da miña pobre estética, si é que teño alguna. O libro está na liña da nosa poesía mais tradicional ó meu xeito de ver, especialmente na de Curros e tamén na de Rosalía. O dominio ou domeamento da forma é tamén evidente. Os poemas gustáronme. Coido que hai que ser poeta, e bó poeta, para escribilos. Pero eu, e falo sinceiramente e de un punto de vista personalísimo, preferiría mais novedade e libertade na forma. Non en van pasaron pola nosa poesía, dende hai anos, Manuel Antonio, Amado Carballo, Cunqueiro, Aquilino Iglesias Alvariño, Celso Emilio… Coido que ese “apegamento” a forma crásica é un herdo dos teus anos de seminarista que compre desbotar. O verso libre tamén é crásico. Tan crásico como o medido e mais ó xeito i apropiado para espresar o sentimento i as intuiciós poéticas da nosa época.
De tódolos xeitos o que va dito mais que una censura é una louvanza. Esta chea de estilos distintos coido que son un ben e non un mal. O que haxa poetas apregados ó xeito tradicional e poetas que degoran polas novedás é moi bó. E dí da gran vitalidade, cada día meirande, non só da nosa poesía, senón tamén da nosa literatura…”.


Distintos estilos literarios, si, pero empregados en temáticas comúns. Nun luminoso ensaio publicado no especial 25 Aniversario do falecemento de Manuel Rodríguez López, o Profesor Xesús Alonso Montero, Presidente da Real Academia Galega, define a Manuel María e Manuel Rodríguez López xunto a Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro e Darío Xohán Cabana como os autores precursores de poemas “demóticos”· sobre a problemática sociolingüística en Galicia “nos que o autor gaba a nosa lingua, non pola súa musicalidade ou por ser o código poético de Alfonso X o Sabio, senón polo feito de ser a lingua da xente popular, da xente que padece a historia”. Engade o Profesor:

“Anterior a Darío Xohán Cabana, non posterior a Manuel María, Manuel Rodríguez López –quizais só alentado polo celebérrimo poema de Celso Emilio – escribe, emigrante en Barcelona, versos sobre a condición social do idioma galego non exentos de orixinalidade. E escribe en galego porque se identifica coa dignidade moral inherente á condición social dos falantes dese idioma”.

O propio Darío Xohán Cabana, autor da edición e limiar da Poesía Completa de Manuel Rodríguez López, refírese a “un nacional orgullo que nos conmove” na poesía do paradelense, engadindo:

“Manuel Rodríguez foi, si, un poeta do suburbio e da fábrica, e tamén un poeta da nostalxia campesiña, un poeta patriótico e civil, un bardo na gran tradición nosa que informan Manuel Curros e Cabanillas, cos que tanto ten que ver, mesmo na música do verso. Dentro desa relixión viviu a súa vida enteira, curta de máis, tronzada no medio da madurez. Entendeu tamén este Manuel de agora a poesía á maneira dos grandes vates populares da era que inaugurou a Revolución Francesa, aqueles coma Rouget de Lisle ou Eugène Pottier, que compuxeron as cancións máis cantadas polos pobos do mundo, polos damnés de la terre”.

Manuel María e Manuel Rodríguez López tamén padeceron xuntos un importante revés relacionado coa poesía. Era o ano 1969 cando a colección Val de Lemos dirixida polo Poeta da Terra Chá ía publicar un libro do Poeta de Paradela de temática obreira. Lamentablemente non foi posible debido a que o libro non pasou a “consulta previa”, así chamada entón á censura, evitando implacablemente a publicación do poemario de Manuel Rodríguez, que finalmente vería a luz en 1979.

Deixou escrito Manuel María en carta datada o 14 de Nadal de 1970:

“… Eso da censura pola experiencia que eu teño é una cousa que nunca sabes a que carta quedarte. Hai cousas que ti pensas que pasan i outras cousas que pensas que non pasan e pasan. I o mellor tamén depende da persoa que mande o libro i o sitio en donde vai ser pubricado …
… Nestes intres en Galicia hai una verdadeira inflación poética, tan grande que a ún case lle da vergoña escribir versos. Teño noticia que en “Salnés” teñen 18 libros agardando turno. Eu eiquí teño unos oito ou nove. Cada vez a poesía véndese menos. Coido que é debido ó estado de saturación a que chegamos. Por eso penso que hai que intentar outro medio de espresión. Eu polo menos vou intentar facelo...”.


A censura do seu libro supuxo un importante impacto no Poeta de Paradela, que nunha entrevista en 1977 dixo: “Recibín unha nota da Dirección General de Cultura aconsellando que non se publicara. O título ía ser “Soldada Mínima”, e o tema era obreiro. Isto conlevou que deixara os poemas, e me adicara a escribir en prosa”.

As últimas dúas frases da carta de Manuel María tamén deberon influir en Manuel Rodríguez, como se deduce do comentario que o Poeta de Paradela lle fixo ó Poeta da Terra Chá ó enviarlle por carta algúns dos seus escritos en prosa o 19/12/1980:

“…Mándoche “cousas” miñas, que sei que aprecias e sempre me lembrarei que ti me animaches a seguir. Agora son corresponsal de EL IDEAL GALLEGO, firmo MANUEL ORESTE R. L. (nome do Xuzgado)…”

Sempre poeta, Manuel Rodríguez recobraría a súa inspiración poética nos derradeiros anos da súa vida, nos que escribiu o seu derradeiro poemario “Onte e hoxe vivencial” e traduciu ó galego L’Atlàntida de Verdaguer.

O catro de novembro de 1990, meses despois do pasamento do Poeta de Paradela, Manuel María participou na localidade natal do seu amigo nun acto de homenaxe no que este Concello lucense presidido polo alcalde José Manuel Mato Díaz recoñecía a valía de Manuel Rodríguez López nomeándoo Fillo Predilecto de Paradela e poñéndolle o seu nome á Casa de Cultura do Concello. Manuel María dixo:

“Nesta homenaxe na que está todo o pobo de Paradela no vello camiño de Santiago vamos lembrar hoxe dun xeito moi especial e dun xeito tamén moi entrañable, co corazón, que é como se fan estas cousas, a aquela gran persona, a aquel galego apaixoado e a aquel poeta, aquel home homilde que foi polo menos o que lle deu voz a esta terra dentro do concerto da lírica galega por outro lado tan rica e que queirámola ou non a queiramos, asumímola ou non a asumimos, é a nosa. A nosa mellor lembranza para Manuel Rodríguez López”.

Manuel María é agora un máis dos moitos amigos personais e epistolares de Manuel Rodríguez López que foron homenaxeados no Día das Letras Galegas. A longa lista tamén inclúe a Ramón Cabanillas, Ramón Otero Pedrayo, Celso Emilio Ferreiro, Ánxel Fole, Xosé María Álvarez Blázquez, Ramón Piñeiro, Uxío Novoneyra e Xosé Filgueira Valverde. Somos moitos os que temos a ilusión que Manuel Rodríguez López tamén forme parte desta selección de persoeiros nun futuro non lonxano. Pero, sen ter que esperar por ese Día, o certo é que o Poeta de Paradela xa ten un espazo permanente e destacado nas Letras Galegas gracias, entre outras moitas iniciativas, ó Proxecto Manuel Rodríguez López liderado por Xulio Xiz e Antonio Giz e ó Certame Literario Manuel Oreste Rodríguez López de Paradela liderado por José Manuel Mato Díaz.

Os textos completos da correspondencia epistolar entre Manuel María e Manuel Rodríguez López, o ensaio do Profesor Xesús Alonso Montero, o limiar de Darío Xohán Cabana, a obra completa de Manuel Rodríguez López e a grabación de Manuel María en Paradela pódense ver, entre outro moito material, na web de Manuel Rodríguez López:

http://manuelrodriguezlopez.org/
Rodríguez López, Santiago
Rodríguez López, Santiago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES