Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Tranquilo, sosegado... Mestre en todo

martes, 24 de mayo de 2016
Testemuñas da memoria:
Tranquilo, sosegado... Mestre en todo
Tranquilo, sosegado... Mestre en todo
Hai pouco estivo un chisquiño de actualidade a causa dos ex alumnos do colexio dos Milagres cando, estes, lle realizaron unha homenaxe ós paúis Emilio Graña, Manolo Peleteiro e José Luis Nieto. O chisquiño vén porque Sergio Fierro, aínda que non estivo presente (hai cinco anos que faleceu), si o nomearon como un dos que apoiaron a Graña no cisma que mantivo contra altas estancias eclesiásticas e políticas e que rematou coa expulsión do colexio dos homenaxeados. E dos que os apoiaron, pois á parte de Fierro, tamén estaba o director do centro Odilo Cid..

Mais esta reportaxe sobre Sergio Fierro Bouzas non vai versar sobre ese apoio, nin sobre a súa dedicación relixiosa, tampouco sobre a súa actividade no colexio: profesor de literatura, entre outras (antigamente nos colexios os profesores tiñan diversos cometidos; por certo, un dos mellores profesores de literatura que tiven) Esta reportaxe quero enfocala como adestrador do equipo de fútbol de Baños de Molgas. Lestes ben: como adestrador, un cura adestrador.

Sen presumir de altruísta e, por suposto, sen recompensa algunha, O Fierro, xa fóra do colexio dos Milagres, deixaba durante unhas horas os traballos de labranza que estaba facendo na súa casa familiar de Calvelo, na parroquia de Lama Má, e achegábase ata un recanto da Pitediña, en Baños de Molgas, para adestrar ós xogadores do C.D. Molgas.

Ata aquí todo normal, e todo dentro da lóxica dunha actividade que había que realizar e dun deporte que gustaba. A el tamén lle gustaba, pois por varias veces e durante os nove anos que se tirou no colexio dos Milagres, adestrou ós equipos do mesmo de todas as categorías habidas e por haber, tanto de fútbol (onde este colexio foi unha auténtica potencia en toda Galicia) como de balonmán. Pero axiña chegou o insólito, o ilóxico da situación: que moitas tardes/noites a calquera afeccionado que tivera dous dedos de fronte íaselle a alma os pés cando vía, sobre o verde céspede da Pitediña a tres, a catro ou como moito a cinco xogadores adestrando. Recordo unha noite, acabado de chegar de Madrid, asistín a un adestramento (era unha ilusión enorme ter un equipo de fútbol na localidade) e quedei pampo cando O Fierro lle daba ordes a tan só tres rapaces. Eu sabía da actividade, da axuda que realizaba na casa familiar e pensaba nesa hora ou horas perdidas por culpa duns compromisos que tan só el cumpría. O ser humano sempre foi moi propenso a apuntarse a calquera bombardeo, pero á hora da verdade, se te vin xa non me acordo, acochamos as cabezas como as avestruces. Que pensaría el da palabra dun colectivo?

Sabía que morrera e sabía máis ou menos o ano en que acontecera o fatal desenlace, pero foi preparando esta reportaxe cando me sentín abraiado polo seu falecemento. O día 3 de maio de 2010, ás 11.45 da mañá, na mesma porta da residencia dos paúis de Xixón, na mesma rúa, caía fulminado vítima dunha aneurisma. Fora a Xixón para participar no funeral e enterro dun antigo compañeiro seu. Vaia ironía! Como se ve, o destino non anda con caralladas.

Sergio Fierro Bouzas, O Fierro, quizais fose un chisco austero, algo reservado, incluso serio, pero cando acudías a el, alí estaba: atento, ata cordial, sen levantar a voz e dando auténticas clases de educación, incluso naqueles tempos nos que sabían que podían facer e desfacer ó seu antollo; falando na xerga colexial: non era abusón. Recórdoo sempre co brazo esquerdo dobrado sobre o peito e o cóbado dereito descansando na man aberta esquerda, e con dos dedos da man dereita apoiados sobre as meixelas. Así paseaba e así escoitaba as respostas, as explicacións dos seus alumnos O Fierro, tranquilo, sosegado... e mestre en todo. Cura, profesor, labrego, adestrador... unha gran persoa.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES