Glotopolítica e ineficacia
Regueiro Tenreiro, Manuel - viernes, 01 de diciembre de 2006
Enténdese por glotopolítica, etimoloxicamente, a política das linguas, por tanto, de xeito xeral, é o conxunto de estudios e planificación feitos sobre a lingua na sociedade. Esta rama da socioloxía fornécenos de todo tipo de perspectivas sobre o uso social das linguas, cambios de uso, ascenso e descenso de idiolectos, etc.. En principio, parece que este tipo de estudios e moi interesante; pero máis atractivo é o uso que se esta a facer na actualidade destes saberes glotolingüísticos. Trátese de comprobar como as técnicas do uso social da linguaxe se está a poñer ao servicio da ineficacia na xestión tanto privada como pública. Estase a facer moito máis destacable na xestión das cousas públicas.
Unha historieta anecdótica pode empezar a ilustrar este título un tanto... rebuscado. Érase unha vez un sempre atarefado xefe de Gabinete de Prensa dun nunca ben recordado Conselleiro. Este xefe traía sufocados os seus colaboradores e funcionarios coa consigna seguinte: hai que estar ao loro, e cando apareza algún problema nos medios, hai que estar preparados para saír aos medios. O verbo saír era o martelo nas orellas de colaboradores, e do funcionariado daquela Consellería, de tal xeito que algún deles afirmaba estar en estado de saído. Isto non é máis que unha anécdota que aínda está a pasar tódolos días (poñémolo en tempo pasado para que soe máis a conto, porque sería para botarse a chorar se non fora un conto). Saír aos medios, e estar nos medios non sería malo, se non fora para ocultar a ineficacia na xestión. Esta glotopolítica encubridora da ineficacia ten formatos diversos, aínda que todos concorrentes en explicar a ineficacia. Repasemos o que pasa cando se produce un problema, faise un denuncia... ou hai algo que sigue sen funcionar; os formatos de reposta, desde o centro directivo ou responsable correspondente, gradúanse e mestúranse en función da importancia:
. Comunicado.
. Nota de prensa.
. Declaración dun cargo intermedio.
. Debate ou tertulia tele/radio-coordenada axeitadamente.
. Entrevista conveniente adubadiña ante medio de comunicación amigo.
. Rolda de Prensa de responsable do fracaso e do seu equipo.
. Comparecencia parlamentaria.
. Comisión de estudio (antes de investigación). ¡E... volta a empezar! Se fora preciso.
Podía parecer todo esto unha esaxeración, pero as realidades de cada día están aí e poden palparse, lerse e sobre todo verse ou escoitarse. ¿Ten vostede un problema que saltou á prensa? Non se despreocupe que atopará todo tipo de explicacións (= glotopolítica), pero poucas solucións (= ineficacia). ¿Exemplos? Non hai máis ca ler os mesmos medios aos que saen", preferiblemente, tódolos días. Dos lumes do verán ¡mellor non falar! Seica o Prestige sigue a soltar petróleo, ¡tranquilos, que xa están a soltar pola boquiña! Pero ¿fan algo? Si...., manifestacións. Fai moito tempo que se fala da situación sanitaria, especialmente na atención primaria, incluso houbo folga. ¿Percíbese que se teña feito algo (eficacia)? Sen embargo, sabemos así foi dito na prensa- que vaise negociar, ou falar (glotopolítica) nas mesas de negociación; pero a situación sigue igual (ineficacia). Sendo estes exemplos claros, os casos máis rechamantes estamos a velos nas, mal chamadas, campañas de promoción, por exemplo, creo que alguén se estará a preguntar ¿qué é eso da mexillón terapia! Pois non se empeñe en sabelo, porque simplemente é a promoción da ineficacia na solución dos problemas pesqueiros. Se non é iso ¿qué é?
Velaquí a ecuación da glotopolítica ineficaz:
Problema denunciado = discurso multiplicado
A consecuencia de tanta palabrería e tanta ineficacia é o crecemento da desconfianza sobre a seriedade -ineficacia- das promesas, anuncios, e programas da política -glotopolítica-, a última enquisa feita aos universitarios así o indica ¿non si?.

Regueiro Tenreiro, Manuel
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora