Benvida aos poetas de Xistral
Otero Canto, Xosé - martes, 24 de mayo de 2016
Un ano máis, benvidos e benvidas, bardos de Lugo, nesta sala capitular e neste día de venias a todos os persoeiros da nosa cultura, cos picheis cheos do mellor viño e cos covos fondos, ás costas, portadores de palabras enguetadas coma gambitos de ilusións, substantivando adxectivos, adverbializando verbos e os anzois dos relacionantes coma pantoques curvos de grafías, picando sensibilidades, ofertando tafaradas de incenso en pulsións de fumes elásticos e celmuras ao viño novo co resolio das palabras, señoras de alemparte, manifestándose na bóla de cristal dos nosos vates cando o estro fala sotelando como saramagos tristes ou como ledicias alporizadas, unhas veces a golfaróns nos rechuvazos de nós mesmos e outras como avelaíñas nos sorbeirais da regalía.
Un ano máis, aquí, neste sempre lizquente dezasete de maio, cando Manuel María vía a . . .todalas carpazas/ co lilailo da súa flor e a primavera unha nube de verdor, neste tempo, digo, lizquente, xuntámonos para degraer os seus versos mendiños unhas veces e alporizados e acendidos cando os demiurgos da alma universal e única non tiñan en conta a nosa lingua, o noso espírito, o noso sentimento, o noso relanzo na fala . . .que en definitiva son as choivas dos nosos adentros que fecundan a terra coma gotas do noso sangue.
Grazas a todos e a todas, fecundadores e fecundadoras do noso.
Benvidos e benvidas!
(Texto lido por Xosé Otero Canto o día das nosas letras, na sala de plenos do Concello de Lugo.)

Otero Canto, Xosé
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora