Soñar e tecer
Santalla, Iago - miércoles, 25 de mayo de 2016
Nestes tempos incertos nos que o individualismo vai parello ao clasismo para facer de novo unha sociedade estamental (ao xeito moderno), temos que reivindicar ben forte o noso dereito a soñar. Tal e como dicía António Gedão o sonho comanda a vida, polo tanto unha persoa que soña e pensa é o ventre dun futuro en xestación. O futuro dunha sociedade que se quere libre para ser e vivir precisa de moitos ventres librepensadores deconstruíndo realidades.
Moitas veces dende o ámbito político ou económico infravalórase o soño ligándoo ao fantástico, ao imposible ou ao utópico e desprezándoo na honra dun realismo cínico e parcial. A pesares deste desprezo, se reparamos no devir histórico (máis alá de certos modelos fracasados e moi difíciles de defender) comprobaremos que a evolución social camiña cos pés na terra cara o horizonte do benestar considerado dende diversos ámbitos utópico. Isto quere dicir que outro mundo é posible se construímos día a día soños colectivos.
Se Ulises volve, Penélope tecerá en definitivo pero a volta de Ulises precisa un brazo forte no temón...
Só fica unha dúbida: onde está ese brazo forte capaz de liderar a viaxe dos soños colectivos cara a realidade, permitíndolle a Ulises regresar e a Penélope tecer o seu porvir de xeito definitivo?

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora