Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A catedral e o grifo

sábado, 21 de mayo de 2016
Para abordar a proposta que traio hoxe a colación, voulle expoñer primeiro un caso, a ver qué lle parece.

Se vostede abre o grifo da ducha (non escribo billa porque me traslada ó fondo da cuba) para espantar a soneira de primeira hora da mañá, sabe que ó cabo do mes, por cada litro de auga morna que sae ben esparexida pola alcachofa, acabará pagando un prezo público que dependerá de varios factores, o primeiro deles será segundo cal sexa o seu concello de residencia e o segundo en función de que o líquido teña sido quentado con gas cidade, gasóleo, leña ou calquera outro combustible.

Aínda que non o cavile cada día mentres dedica uns minutos á súa hixiene persoal, seguramente ten interiorizado, sen embargo, que é lóxico que tamén lle dedique unha porcentaxe dos seus ingresos a colaborar co gasto de diñeiro público que supón que a auga chegue en boas condicións sanitarias ata a súa ducha, chegue na cantidade e coa presión axeitada, así como coa temperatura ideal para non coller unha caterreira, nin para saír de alí coa pel a tiras.

É dicir, aínda sabendo que a casa é súa, que a ducha, a alcachofa e o grifo tamén son seus, e que a auga é un ben público que non se compra nin se vende senón que foi posta pola natureza para goce colectivo, non se lle pasa pola cabeza non pagar porque sabe que polo que lle estarán cobrando a fin de mes non é polo producto -a auga- en si, senón polos custes dun servizo público -tanto de chegada da auga ata o seu domicilio, como de desaugue da mesma ata a depuradora- que temos que pagar entre todos.

Outra cousa é se vostede está de acordo co prezo…, se o servizo é ou non é bo, etc... Pero ese é outro debate.

Pois ben, púxenlle este exemplo clarificador, para abordar de contado a cuestión que hai uns días saltou ós medios de comunicación, respecto de se hai ou non hai que pagar para acceder á catedral de Ourense ou a calquera outro espazo patrimonial onde ofrezan un servizo turístico.

É certo que o patrimonio cultural é, por definición -coma a auga-, un ben de goce colectivo, por máis que sexa de titularidade privada. E que un edificio mantido en pé con diñeiro público tamén ten moito de público, malia que os seus propietarios teñan nomes e apelidos individuais ou colectivos.

É certo todo iso, polo que, do mesmo xeito que acontece coa auga que sae polo seu grifo, cando visita un monumento -e ten que pagar previamente- non está pagando polo que -como a ducha, a alcachofa e o grifo- xa é seu na cota parte que como membro da comunidade lle corresponde. Senón que estará pagando un prezo polo servizo turístico que lle están a ofrecer. E outra cousa -coma sempre- é se o servizo é ou non é bo. Pero iso é tamén outra historia.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES