Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Fuxir cara adiante

sábado, 21 de mayo de 2016
Fuxir cara adianteSon cada vez mais visibles as perspectivas sobre un irreversible final de ciclo en Venezuela. Ou, en todo caso, de recomposición do establishment político e institucional. O incerto (e non menos inquietante) é o seu desenlace. Ante o imparable deterioro socioeconómico, o contexto vese gravemente fracturado pola persistencia dunha crise de representatividade e de lexitimidade política, onde os principais actores involucrados (goberno, oposición, organismos e institucións públicas e estatais) intensifican o seu nivel de radical confrontación que escasamente posibilita a consecución de canais de consenso necesarios para reverter a peor crise da historia contemporánea venezolana. Unha crise que igualmente non escapa dos cambios de contexto político que se viven actualmente a nivel hemisférico, claramente regresivos para o “chavismo” ante o recente xiro reaccionario a nivel rexional.

Confirmada a polarización en altas esferas de poder, é evidente que ese contexto traza unha confrontación entre unha presidencia “post-chavista” dirixida por un Partido Socialista Unificado de Venezuela (PSUV) cada vez mais politicamente debilitado, e unha plataforma opositora se ben maioritaria dentro do poder lexislativo trala súa recente vitoria electoral (decembro 2015), pero obstaculizada pola nomenklatura do establishment “chavista” instalada nas esferas de poder institucional. Éstas vense particularmente dominadas polas decisións emanadas dun Consello Nacional Electoral (CNE) e un Tribunal Supremo de Xustiza (TSX) notoriamente favorables ás decisións gobernamentais.

Toda vez, a Forza Armada Nacional Bolivariana (FANB) evita cando menos involucrarse directamente nesta crise política, aducindo razóns de orde constitucional, pero que a gravidade do contexto e os factores de poder existentes lle outorgan un inevitable peso decisivo nesta contenda. Non é por tanto casual que os líderes políticos opositores, en especial o ex candidato presidencial Henrique Capriles Radonski, insten con frecuencia á FANB a decantarse politicamente “entre a Constitución e Maduro”, atizando así un escenario xa gravemente polarizado e incerto, onde as expectativas de atribuír ás FANB un carácter de “árbitro político” decisivo á hora de decantar a balanza (incluso aducindo reminiscencias “golpistas”), dominan un espazo ascendente e preocupante dentro do discurso político.

Un estado de permanente “excepción”
Este contexto define unha situación de evidente desequilibrio nos necesarios contrapesos que deben existir entre os principais poderes públicos e institucionais, obstaculizando a obtención de consensos. Os esforzos de mobilización social realizados recentemente pola oposición, impulsada pola plataforma política da Mesa pola Unidade Democrática (MUD), de levar adiante un referendo revogatorio do mandato presidencial de Nicolás Maduro neste 2016, vense agora obstaculizados polo súbito decreto de Estado de Excepción impulsado polo propio Maduro o pasado 13 de maio.

Un decreto que foi inmediatamente rexeitado por decisión da Asemblea Nacional (de maioría opositora) así como severamente criticado dende o exterior polas súas presumibles implicacións de carácter represivo dentro da radicalización da confrontación política venezolana.

Amparado nos obstáculos de carácter político e temporal que o TSX e o CNE tentarán trazar sobre a viabilidade de realización deste referendo revogatorio, o goberno de Maduro aplica unha “fuxida cara diante” contrariada polos irreversibles riscos de agravamento da crise política. Tras reunir en consultas públicas mais de 2 millóns de firmas necesarias para solicitar o revogatorio, a tensión derivada pola represión aplicada por organismos de seguridade de impedir a mobilización opositora cara o CNE para esixir a realización do referendo e rexeitar o decreto de Estado de excepción acaecida este 18 de maio, inevitablemente radicalizará unha crise política onde Maduro vese cada vez mais illado, incluso nun contexto exterior que se encamiña claramente en contra da súa presidencia.

A fortes críticas contra o decreto de Estado de excepción de Maduro proferidas polo secretario xeral da OEA, Luís Almagro (con epítetos de “dictadorzuelo” e “traidor”) así como por parte do ex presidente uruguaio Pepe Mújica, dan a entender o nivel de distanciamento exterior co respecto a Maduro que se ten acadado nos derradeiros meses, non só por parte dos organismos hemisféricos senón de ex presidentes de esquerda que, con anterioridade, teñen defendido abertamente á revolución bolivariana.

Por tanto, pouco favorecen a Maduro as súas xustificacións deste decreto (así como dos obstáculos técnicos e temporais para celebrar o referendo revogatorio) amparándose en presuntas conspiracións exteriores contra a súa presidencia, aducindo sobre un eventual eixe EUA-Colombia-España con conexións coa “oligarquía venezolana”.

Aquí, a erosión de apoios e incluso de lexitimidade cara Maduro pode implicar situación decisivas dentro da crise venezolana. Como sucedera co final de ciclo kirchnerista na Arxentina, a caída da presidencia de Dilma Rousseff en Brasil e os avances nun proceso de impeachment que permitiron a asunción dun goberno transitorio en mans de Michel Temer de carácter claramente tecnocrático e reaccionario coas políticas do PT, supón un golpe estratéxico en materia exterior para Maduro.

Esta perspectiva é evidente tomando en conta que, ata agora, as presidencias de Lula e Dilma foron precisamente as que maior peso tiveron dentro de organismos rexionais (UNASUR, MERCOSUR) como avaliadores e apoios políticos para o “chavismo”. Non é, por tanto, casualidade que o propio Temer inmediatamente despois de ocupar a actual presidencia transitoria post-Dilma en Brasilia, degradara publicamente a importancia da UNASUR e da ALBA como actores relevantes para a resolución de crises políticas, apostando por unha posición xa anteriormente presentada polo presidente arxentino Mauricio Macri.

Crise social e de representatividade
Decretado o Estado de excepción como mecanismos de apoio á tese da “guerra económica” e o decreto de emerxencia nacional exposto en xaneiro pasado por Maduro, a tensión e radicalización da crise venezolana intensificará os seus canais toda vez a MUD e os sectores opositores a Maduro (incluso dentro do “post-chavismo”) apostan polo revogatorio da presidencia de Maduro como a aparente única estratexia de resolución da crise.

Cun “chavismo” politicamente fragmentado, sumido na inercia, na regresión e na incerteza, a MUD e os sectores opositores avanzan moderadamente a través dunha estratexia de desgaste onde a gravidade da diagnose socioeconómica moi probablemente xoga como o factor mais decisivo.

Porque, por riba da crise política, o contexto venezolano ofrece mais ben a súa peor fractura social e económica. Segundo o Observatorio Venezolano de Conflictividad Social (OVCS), entre xaneiro e abril de 2016 rexistráronse en Venezuela un total de 2.138 protestas e 166 saqueos ou intentos de saqueos. Só un 2% desas protestas ocorreron un contexto de confrontación de calado político(1). Cun promedio de 18 protestas diarias, as mesmas vense motorizadas pola agravante escaseza de alimentos e produtos básicos, pola imparable hiperinflación e unha taxa de homicidios de 58 por cada 100.000 habitantes, unha das mais elevadas a nivel mundial.

O deterioro da vida cotiá do venezolano ten visos de crise humanitaria e dun foco de inestabilidade rexional que comeza a alarmar aos organismos internacionais. Diversos indicadores de ONGs venezolanas estiman o carácter de afondamento dos problemas sociais, móbiles principais das cada vez maiores protestas e do clima de tensión e desesperanza que se vive en diversas capas sociais.

Segundo estas enquisas, un 37% da poboación reporta que destina entre 5 e 8 horas diarias en colas para acceder a alimentos, mentres un 48% dedica entre 1 e 5 horas para esta actividade. Así, a escaseza de alimentos e de medicinas alcanza xa o 75% e 80% respectivamente(2), toda vez a precariedade económica da paso á consolidación dunha economía ilegal e de contrabando, fortalecida igualmente polos severos e asfixiantes controis estatais dentro dunha economía deprimida e en constante recesión.

Todo isto aborda un clima de crise de representatividade e de lexitimidade política na que diversos sectores xa incluso advirten de eventuais pactos PSUV-MUD orientados a recompoñer e reconstituír un novo establishment político venezolano(3), reeditando así a caduca bipolaridade AD-COPEI que dominou o espazo político venezolano anterior ao “chavismo”.

Esta crise de representatividade ante eventuais pactos en construción nas altas esferas políticas afloran como detonantes dentro das protestas sociais incrementadas pola falta de alimentos, a corrupción institucionalizada e a pésima calidade dos servizos públicos, evidenciando así un desencanto cidadá in crescendo coa súa oferta de liderados políticos, así como ante as incertezas sobre a asunción de novos actores e movementos que demandan os seus espazos de participación e de representación política, aparentemente obstaculizados polas respectivas elites de poder.

As voces cada vez mais discordantes contra Maduro dentro do PSUV e dalgúns estamentos políticos e militares(4) así como as cada vez maiores críticas dende exterior, evidenciando o nivel de illamento do seu goberno, cobran peso ante unha oposición politicamente reconstituída nunha plataforma unitaria pero que, inercias, intereses e obstáculos aparte, busca afianzar a súa iniciativa a través da convocatoria dun revogatorio aínda incerto. Todo isto define un irreversible cambio de ciclo político en Venezuela, cuxos visos son tan confusos como escasamente perceptibles, nunha “fuxida cara diante” onde a confusión semella a única certeza.


NOTAS:

(1) “Las protestas invisibles que hay todos los días en Venezuela”, BBC Mundo, 17 de maio de 2016. Ver en: http://www.bbc.com/mundo/noticias/2016/05/160517_venezuela_protestas_descontento_all.shtml

(2) PENFOLD, Michael, “La imposibilidad del cálculo político en Venezuela”, Analítica (Venezuela, 19 de maio de 2016. Ver en: http://www.analitica.com/opinion/la-imposibilidad-del-calculo-politico-en-venezuela/

(3) “Los problemas de los políticos no son los problemas de la gente”, La Razón (Venezuela), 16 maio de 2016. Ver en: http://www.forolibertad.com/los-problemas/

(4) MALAVER, Manuel, “Generales chavistas y maduristas se enfrentan por la salida de Maduro”. 10 de maio de 2016. Ver en: http://factormm.com/generales-chavistas-y-maduristas-enfrentados-por-la-salida-de-maduro/ . Xa antes das eleccións parlamentarias de decembro pasado, gañada contundentemente pola oposición, ascendía no espazo político venezolana unha especie de categoría política definida como “chavistas no maduristas”. Para maior información, consultar os seguintes enlaces web: https://politikaucab.net/2015/05/21/mayoria-chavista-se-define-no-madurista-segun-sondeo-de-la-ucab/ e https://politikaucab.net/2015/06/04/chavistas-no-maduristas-los-nuevos-actores-politicos-parte-1/
Mansilla Blanco, Roberto
Mansilla Blanco, Roberto


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES