Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O poder metido nunha cartucheira

martes, 17 de mayo de 2016
Testemuñas da Memoria:
O poder metido nunha cartucheira

Calquera clase de poder é a mellor arma existente para dobregar, para asoballar a unha persoa; para achantar, para tiranizar a un colectivo. Antigamente, por exemplo, a igrexa e a burguesía. Na actualidade, por exemplo, os bancos ou os políticos. Nos anos da posguerra, por exemplo, os vencedores, os ricos, os alcaldes, os practicantes, a garda civil, a igrexa (por suposto) e calquera que fora algo máis que o pobre labrego ou o pobre cidadán de a pé. Deixei o poder militar porque é do que vou falar nesta reportaxe.

O poder militar, nos anos 40, 50, 60 e incluso 70, pois era como os descritos ou peores. E se ese poder militar se acompañaba cunha pistola fóra da cartucheira, imaxinade a expresión dese paisano dobregado ou o susto dese colectivo achantado. Un militar coa pistola na man xa eran palabras maiores para describir a escena baixo o punto de vista do apoucado. Non así do propio militar, xa que naqueles tempos era algo habitual que sacaran a arma ás primeiras de cambio para impoñer o seu poder. Agora fai falta saber se ese “poderío” era para ben ou para mal.

En Macendo parece ser que foi para ben o uso de poder dun militar en concreto, xa que os propios parroquianos lle ergueron un pequeno momento por ter precisamente a man lixeira para sacar a pistola. O motivo: o traxecto, a construción da estrada que vai de Astariz (Castrelo de Miño) a A Armada (Cartelle), a OU-304. Semella que moitos tramos da mesma realizáronse “a punta de pistola”. A expresión esta “a punta de pistola” fíxome graza cando a dixo un día o meu sogro. Tanta que axiña imaxinei a escena: o típico pasmón que non quere dar un cachiño de leira para que pase por alí a estrada, e xa vexo ó Coronel, pistola en man, e cuspíndolle máis ou menos un “ou dás o cacho ou te quedas aí teso”.

Usei a palabra coronel como nome (de aí a maiúscula) porque así era como se lle coñecía a Antonio Rodríguez Estévez. Por moito poder que se teña e por moito medo que se meta, en toda Galicia non se libra ninguén do seu correspondente alcume. El non podía ser menos. Pero que non se queixe, xa que O Coronel non era ningún sobrenome despectivo.

Antonio Rodríguez Estévez nacera en Fondo de Vila no ano 1898. Acadou o grao de coronel na arma de artillaría e chegou a ser alcalde de Castrelo de Miño, onde tomou posesión o 26 de xaneiro de 1963 e celebrou a derradeira sesión o 30 de decembro de 1968. Foi á súa morte, acaecida o 21 de febreiro de 1975 ós 77 anos de idade, cando os veciños da parroquia escotaron para plantarlle un monumento e unha inscrición de agradecemento sobre o nicho que ten na mesma entrada, á esquerda, no cemiterio parroquial de Santa María de Macendo.

Imaxino que ós ameazados non lles prestou, non lles sentou nada ben o método que usou para que a estrada seguise o seu camiño. Pero, como todo progreso, ten o seu aquel, e uns saen ben parados e outros saen un pouco escaldados. Aínda que, hoxe en día, non creo que ninguén critique ese “a punta de pistola” do Coronel... polo adianto e pola comodidade de trasladarse desde Astariz ata A Armada ou viceversa.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania