Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Xistral de versos

martes, 17 de mayo de 2016
“Xistral, alto monte, da nosa terra o máis alto, onde as voces innumerables do mar aínda o alcanzan. Dende alí, un feixe de mozos contémplanos… Empuxade, empuxade dende o alto cos Xistral de versosvosos ollos abertos ao misterio, a ese pobre barco noso, vello e morto en terra; empuxádeo cara a ese mar co que aínda soña. E que outra vez apareza tras del ese ronsel sobre un mar aparentemente en repouso”.

Con estas palabras de salutación nacía Xistral, a revista lucense que o daquela mozo de sétimo de bacharelato Manuel María Fernández Teixeiro botou a andar coa axuda dun seu amigo: Manuel Antonio Sopena Somoza, alias Pérez Amor, prematuramente malogrado. Corría 1949 e no ermo publicista galego da Posguerra tal aventura xuvenil ía converterse nun fito simbólico.

Xistral foi unha publicación modesta, apenas un feixe de follas impresas a unha tinta, sen máis colorido que as vermellas letras do título, pois tampouco insería ilustración ningunha. Tan só chegaron a saír do prelo dous números: o primeiro, de oito planas; o segundo, dunha ducia. Un, tirado do prelo da Imprenta Palacios; outro, das Gráficas de Gerardo Castro. Nin un nin outro puideron pagalos os seus idealistas promotores e tiveron que acabar custeándoos os familiares, de aí que tivese tan curta vida.

Mais, malia ao exiguo da súa duración, en Xistral viron luz os versos en galego de Luís Pimentel (tan difíciles de atopar na prensa da época), de Álvaro Cunqueiro (quen escribe dende o seu Mondoñedo natal, inmerso entón nunha sorte de exilio interior), de Iglesia Alvariño (tampouco pródigo, precisamente), de Clotilde Paz (unha voz feminina en galego en tempos ben facareños) e, xaora, do propio Manuel María, quen se estreou como poeta tanto no noso idioma coma en castelán.

Xistral de versosDoutra banda, Xistral contou con textos de profesorado e amizades do Manuel María daquela hora, como, poño por caso, Carlos Fernández Otero, quen asinou as súas colaboracións como Carlos de Pelegrín e, anos máis tarde, houbo de converterse nun dos máis conspicuos discípulos de Noam Chomsky e figura senlleira do xenerativismo norteamericano co nome de Carlos Peregrín Otero.

A revista Xistral foi tamén o xermolo da futura colección homónima, que a primeiros dos 50 capitanearon Ángel Johan e novamente Manuel María. E hoxe en Lugo publícase dende o ano 2000 unha cabeceira co mesmo nome, en lembranza e homenaxe daquela xeira histórica que abrira en plena longa noite de pedra o escritor de Outeiro de Rei.

Os que queiran achegarse de primeira man a este oasis literario que supuxo Xistral están de en hora boa. O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades vén de publicar unha edición facsimilar da revista baixo o coordinación do profesor Luís Alonso Girgado e Laura Piñeiro Pais. A obra conta, amais, con breves pero informativas notas introdutorias de Claudio Rodríguez Fer e o amentado Alonso Girgado, alén dunhas declaracións verbo da cabeceira que no seu día fixera o autor de Terra Cha.

Foron, pois, premonitorios os versos daquel primeirísimo Manuel María dedicados a Ramón Piñeiro: “Soedá durmida nos currunchos/ que voltarán mañá”. E claro que volve toda aquela melancolía de palabras, de soños e azos xuvenís que xa forma parte da nosa historia literaria recente.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES