Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Benvido, Señor Bispo!!! Mons. Luís Ángel de las Heras

lunes, 16 de mayo de 2016
Xa tiña eu escrito esta benvida, hai uns días, á espera de que Xosé Manuel Carballo abrira esta fiestra á colaboración do saúdo axeitado a este novo e firme nomeamento do Sr. Bispo de Mondoñedo-Ferrol. Xa que se trabucara da outra vez, e non por culpa súa, esperabamos a segunda parte. Mentres tanto –dicía eu- fágolle pola miña parte a benvida ao novo pastor deste diocese, lembrando o meu paso por aquel anaquiño do lugar de San Xoán de Filgueira, en Ferrol, coa ledicia de compartirmos a Boa Nova do Evanxello e onde algo tamén me custou, sangue non, mais dor e bágoas e cartos, si.

Despistado de min ao ver que a fiestra xa estaba aberta de par en par dende 7 de abril.

Pois agora engado a miña colaboración nesa fiestra multiforme de Galicia Dixital á que can tanta satisfacción nos asomamos.

Coa miña benvida a este novo Bispo, quero compartir co pobo que -segundo din- tocoulle a lotería co seu nomeamento e por iso ei vai a miña ledicia tamén. Emporiso, quixera que, por aquilo de “ningún bispo imposto”, dos primeiros séculos do cristianismo, que o clero, laicos, homes e mulleres, tiveran algo que ver no asunto, e que fora galego, que as verbas foran debulladas coa ledicia do primeiro día e coa sintonía humana e a Boa Nova do Evanxello na nosa lingua. Metería no peto tanta xentiña que espera o seu pastoreo ulindo á ovella con gañas de traer novos aires do noso papa Francisco. Mais coa mesma esperanza do pobo crente e tamén non crente, co bo espírito do novo pastor iso hase de ir amañando, en parte; pois iso esperamos.

E agora vou ao que me toca de cheo por aquilo da Lembranza Histórica.

Na celebración fixo mención dos mártires de Barbastro, os seus irmáns e tamén os nosos. Cando estudei e investiguei o caso tamén eu chorei por aqueles rapaciños cantando e rezando cara o martirio, calquera chora neses casos. Mais ao mesmo tempo dos de Basrbastro, en plena guerra civil, outro irmán seu claretiano, bispo de Navarra, Mons. Marcelino Olaechea, berraba no día da Virxe: “non máis sangue, non máis sangue!”, e tanto non lle fixeron caso que requetés, falanxistas, e cregos, foron ao cárcere, sacaron a máis dun cento e fusiláronos a todos no monte. E aínda chorei máis. O bispo aquel soubo o caso que lle fixeran e tampouco volveu berrar, engurrouse e deixou correr aínda máis sangue. Un crego bo amigo daquel bispo dixo: “e que vires non habebat”, (xa non tiña forzas).

Se tén paciencia vou facer lembranza de dous mártires que moitos desta diocese xa coñecen. Entre outros moitos, os dous eran eran curas. O primeiro foi Matías Usero Torrente, gran entusiasta da democracia da Igrexa dos primeiros séculos, e soñaba coa utopía do Evanxello, un revolucionario para aquel tempo tanto social como cristián e crego, no tempo que exerceu. O 28 de agosto 1936 ao mencer fusilárono con outros paisanos, sen xuízo. O segundo foi o cura párroco de Xestoso, Andrés Ares Díaz, que, parece ser, non quixo darlles os cartos da festa para a guerra, non se sabe se por respecto á República, se polo seu amor á paz e contra da guerra. Neste caso tamén foi un mártir porque o deber do cristián, e non digamos do crego, é cumprir o mandato de Xesús cando lle di a Pedro. “Déixate de espada...”. Por encargo das novas autoridades foron os gardas civís buscalo e fusilárono contra dos muros do cemiterio da Barallobre, despois de recibir o sacramento da confesión “con edificante fervor”, segundo escribiu daquela o párroco Don Antonio Casás.

Eu ben sei que estes dous caeron na ignominia do esquecemento, a Igrexa desbota o estudo da Memoria Histórica deles, e celebra só a memoria dos mártires dun bando. Mais a Igrexa ten un deber paradigmático: pedir perdón e promover o perdón mutuo, como fixo a Igrexa Vasca en xullo de 2009. Por qué nos máis sitios non?. Sempre que saco este tema, emporiso, repito a frase do noso amigo, Xosé Manuel Carballo, crego da Terra Chá: “ao desenterrar uns non botemos a terra sobre dos outros”. Non se trata de vinganza, senon de xustiza e dignidade.

E voulle lembrar as palabras dun predecesor seu, Mons. Miguel Anxo Araúxo: Non había razón suficiente para unha guerra e moito menos civil. E a Igrexa española que tanto se volcou aprol das forzas de Franco procure de ser consciente das súas responsabilidades e pida perdón á sociedade española polo seu pecado público... Todos puxémo-las nosas mans pecadoras sobre esta piel de Iberia. ¡Perdónanos, Señor, e dano-la túa reconciliación! ¡¡Nunca máis guerras!!. ¡¡Nunca máis odios e rencores!!.

Espero non abouralo e sacarlle a ledicia da súa entrada feliz nesta diocese. Con todo ao mellor a oración dos mártires de Barbastro é un anuncio de levar acabo todo o restante.
Ferreiro Currás, Anxo
Ferreiro Currás, Anxo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES