A festa do 17 de maio
Carballo, Xosé Manuel - jueves, 12 de mayo de 2016
O Farruquiño, coma Manuel María, tamén é labrego porque labrego naceu, e toda a súa xente de labregos foi. O mesmo ca Manuel e ca min tamén é chairego, ou baluro, coma quen di. Ningún dos dous, nin eu tampouco, puidemos escoller a nosa mai antes de nacermos. Déronnola escollida.
Farruquiño, os primeiros anos aceptouna sen problemas, na súa inconsciencia, como a cousa máis natural do mundo, pero conforme lle foron aprendendo a ter o uso de razón máis acorde co momento, escoitaba e percibía expresión de desprezo contra aquela mai coa que convivira na súa primeira infancia en paz e harmonía. Ata na igrexa, cando o levaban, percibía desprezos.
Chegaron a dicirlle que aquela non era súa mai verdadeira, senón unha pobre ama de cría que vivía de aleitar ós que logo, ó teren cartilla no banco e culturizárense, axiña a esquecerían. Tamén lle dixeron que tiña Otra madre más rica, más culta y más señorial que la paleta que le pariera.
Xa ó chegar á escola obrigárono a non dicir nin unha palabra durante as horas de clase referente á que el crera de boa fe súa mai queridiña. Así e todo, nos momentos de recreo ou cando non estaba presente a mestra nacional, que estaba tamén sometida ó imperativo legal, non podía esquecela, nin os seus compañeiros tampouco.
O Farruquiño puido acceder ó ensino medio e alí falábanlle cada vez con meirande intensidade e convicción das virtudes e grandezas da súa segunda mai, sen mentar para nada á primeira, salvo algún profesor fichado e con sona de comunistoide e de revolucionario. Ó sumo deixábanlle entrever que lle fixera as beiras, pero por pouco tempo o mesmo Rei Afonso X, o sabio, porque ela era moi xeitosiña prás expresións líricas por riba das épicas.
Coa fin de que quedase ben cando tivese que presentarse en público e de evitar mofas e befas ou de que puidesen sospeitar das súas baixas orixes, penalizábanlle as lembranzas da mai que o enxendrara na relación cos demais e co mundo e fixeron o posible por trocarlle o seu acento de plebeo aldeán inculto de Outeiro polo achulapado de Chamberí.
O Farruquiño non chegou a facer carreira, porque non se lle acaía dicir: "Venerable anciana" en lugar de: agarimosa velliña, nin: "Me duelen mucho las vértebras lumbares" no canto de: Non resisto máis de dor dos cadrís.
Na mili escoitaba tódolos días arengas cominándoo a que se desprendese dunha vez da matria, pra defender coma un valente á patria contra a conxura xudeo-masónica.
Ó ir madurando sentiuse un malnacido por chegar a renegar da mai que o parira, engaiolado por outra que, por algún tempo, crera superior. Pero como tamén lle fora collendo apego a esta segunda, por razóns de convivencia, seguiuna respectando, aínda que aló no máis fondo de si, na que verdadeiramente atopa seguridade é na primeira. E está convencido de que, aínda que lle veu dada, se tivese oportunidade de escoller, escolleríaa, porque era a máis axeitada á ideosincracia da Terra na que nacera. Por iso a mai que o pariu nacera alí e conservárase a pesar dos desprezos e ata persecucións de mandatarios que confunden a enriquecedora unidade coa castrante uniformidade.
Co paso dos anos tamén se foi notando o aprezo de grandes colectivos culturais, conversos, por aquela pobre que noutrora parecera inculta e, mesmo, moitos dos que antes a aldraxaran trocáronse en seus ferventes admiradores, aínda que en familia seguisen falando castelán.
E decretouse unha festa tódolos dezasetes de maio de cada ano, en lembranza dunha Rosa, (ou Rosalía, pra non confundir), filla amantísima da mesma mai, pra honrala. Á festa déuselle o nome de "DIA DAS LETRAS GALEGAS".
A min ninguén me consultou, nin falta que fixo, pero preferiría que se chamase: DÍA DA FALA GALEGA, porque, se ben é certo que moitos defenderon esta mai cos seus escritos, non sempre a defenderon nin a defenden co agarimo de cada día. Non é o caso de Manuel María que loitou con tódolos medios por defender e ennobrecer a esta mai. Pero o Farruquiño, e coma el moitos labregos, mariñeiros e obreiros tamén a mantiveron e a manteñen viva a pesar de que non a escriban e lles custe lela, porque ninguén lles ensinou no seu debido tempo.
O caso é que o Farruquiño, e coma el moitos máis fillos fieis á mai, non desde a intolerancia impositiva, senón desde o agarimo, nunca recibiu invitación prá festa do "DIA DAS LETRAS GALEGAS", e aínda que a recibise ó mellor non a entendía, porque non fixo aínda ningún cursiño de normativización lingüística, nin sequera de iniciación e ninguén lle recoñece oficialmente que a súa fala-mai sexa a galega, debido a que case nunca di: Nembargantes, nin tampouco mudou o "e" polo "i". Poñamos por caso, el nunca di: As tortelas fanse de patacas i ovos i as patacas a cotío están no garajem. Non. El na súa burremia aldeán segue chapurreando: As tortillas fanse de patacas e ovos e as patacas ás veces están no garaxe.
Ademais, por mediados de maio o Farruquiño ten que andar ensilando se non están moi enchoupados os prados e non está pra festas, aínda que ó Manuel ben seguro que lle gustaría velo pola Festa.

Carballo, Xosé Manuel