Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As guerras contra a cultura

viernes, 13 de mayo de 2016
No lado menos temperado do mapa todo vai caendo baixo a picaraña dos fanáticos e dos credos do odio. A penúltima noticia é como a guerra de Iemen golpea o patrimonio histórico de Saná. A última ocorre agora en Palmira, Siria, onde o chamado Estado Islámico está a destruír e minar con explosivos os mausoleos da cidade monumental. Oriente Medio semella unha ferida aberta pola que sangan as persoas. E a cultura.

Nestas guerras non morren os guerreiros. Eles disparan e os civís poñen os mortos. Nenos, mulleres e vellos enchen as listas dos masacrados. As armas falan e de paso varren a cultura humana, os fermosos, irreemplazables vestixios do pasado, as mellores creacións da nosa herdanza.

En Iemen, bárbaros armados disparan contra outro patrimonio da Humanidade: as casas do barrio Al Qasimi, construídas con adobe e troncos de palmeira no século XI. As fachadas ocre con debuxos brancos semellan tecidas por palilleiras de Camariñas. A muralla de adobe é o cofre que garda este tesouro de cultura con seis mil quiñentos edificios singulares, cento tres mezquitas, catorce casas de baños. Esa fermosísima postal, esa xoia da paisaxe humana islámica, está a ser destruída. Guerreiros impunes fan exercicios de tiro contra a cidade vella ateigada de xente. Quen freará a estes atilas que causan tanta dor, que verquen tanto sangue, que borran tantos séculos de cultura, que rouban tanta beleza?

A guerra contra persoas indefensas. Guerreiros matando civís. As bombas estoupando en Saná, un dos asentamentos urbanos continuamente habitados máis antigos do mundo. Os primeiros adobes colocáronse hai dous mil quiñentos anos. E hai casas de Al Qasimi que levan en pé, e habitadas, desde hai mil anos.

As bombas traen tamén, ademais da morte de persoas e destrucción da cultura, malas sementes de odio para moitas xeracións. Ninguneada a Onu, inútiles as condenas da Unesco, poucas esperanzas quedan para estas sociedades. A xente que poida escapará do inferno para alimentar a enchente de xente cara a ningures, se cadra a Europa que defende o seu benestar. E mentres, en Iemen, o país máis pobre da península arábiga morreron xa dúas mil persoas, moitos miles máis de feridos e centos de miles de desprazados. E un país, outro máis, nesa paisaxe de ruínas onde está prohibida a primavera.

Desde as celosías de madeira e follas de alabastro das casas que permanecen en pé, pódese contemplar a paisaxe rota deste tesouro arquitectónico sen valor militar. Cidades históricas, mezquitas, fortalezas, mausoleos, encoros, todo vai caendo baixo a pezoña dos fanáticos.

En Libia, en Irak, en Siria, agora en Iemen medra o lume devastador da guerra contra as persoas. E contra o mellor das persoas, a súa cultura.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES