Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lumieiras á transcendencia

martes, 10 de mayo de 2016
Os lectores seguramente xa recibiron eloxiosas informacións do pasamento de dúas persoas moi queridas nesta provincia de Lugo, Mons. D. D. Enrique Cal Pardo e D. Arcadio Mon. Souberon habilidosos articulistas comunicar oportunamente estes dous lamentables eventos. Si, habilidosos, porque foron capaces de abordar aspectos sentimentais e intelectuais, dun e doutro falecido, mediante unha coidada atribución persoalmente estruturada dos seus valores cordiais, éticos, estéticos e intelectuais.

Permítanme, pois, que eu intente resaltar algo que estas personalidades foron deixando no decurso das súas vidas, definidas co que denominaríamos “fuga transcendental”, abrindo lumieiras, sobre todo, nas respectivas actividades profesionais, a través das que se outea un enigmático e sublime máis aló, dende o que é pertinente dar un sentido a todo o que nos ofrece o máis acó. Por suposto, a “fuga” non é sempre concienciada nin por vía intelectiva nin sentimental; pero as persoas dotadas dunha sensibilidade especial, séntense especialmente vinculadas a ela.

D. Enrique, Dr. en Teoloxía, dotado dun rico sentido común, poderíamos afirmar que cultivou intelectualmente esa fuga ao Transcendente con rigorosa e coidada metodoloxía teolóxica, dando un sentido práctico e de exquisita elegancia social a esa dimensión teologal constitutiva da persoa humana: Xamais ocultou a súa fe por meras conveniencias sociais; pero tampouco disimulou o respecto a quen non a compartía. Por iso, con exemplares modais asistiron aos seus funerais crentes e non crentes.

Pero no ámbito estritamente histórico, deixou unha labor, como medievalista, considerada polos entendidos, de primeira liña e dun valor incalculable que saberán agradecer as futuras xeracións de investigadores nesta campo. Aquí tamén brilla o seu rigoroso saber e apaixonado sentido da responsabilidade, pasando a un segundo lugar a retórica como historiador, pois todo o que deixa escrito produce no lector unha suxestión de dirección concisa, limpeza e exactitude. E, deste modo, contribuíu a sistematización do coñecemento do pasado medieval, especialmente en todo o relativo a diocese de Mondoñedo–Ferrol.

Aínda que é moi difícil facer un axuste transcendental entre as eternas normas do ben e do mal, e o que os homes consideramos como bo e como malo, non creo equivocarme se afirmo que D. Enrique obtivo froitos sazonados no traballo histórico que lle permitiron, co seu acervo cultural, acadar ese axuste, como evidencia nas orientacións que vai dando nos seus libros. Pois el parece ter claro que a historia é moi vella e ensínanos que, pese aos constantes e frecuentes esquecementos, neste mundo, mañá pode parecernos bo o que hoxe cremos que é malo, e viceversa.

Xustamente por isto, sen perder en ningún momento o sentido da nosa realidade cotián, intúo que mantén un halo de recursos transcendentais – que é preciso non perder de vista –, que lle permiten interpretar os eventos históricos con parámetros hermenéuticos que transcenden a versatilidade deste noso mundo.

Pero se D. Enrique foi un adaíl da Transcendencia, en sentido teologal, D. Arcadio, foino en sentido estético, unha persoa que definiu a súa vida e deulle sentido no ámbito da Música. Así con maiúscula, porque comporta unha certa cosmovisión, unha certa visión do mundo, que tamén transcende este noso recuncho. Só uns exemplos, para subliñar esa proteica susceptibilidade da música ao servizo desta desigual visión. Descúlpenme as referencias, que considero necesarias: Para os coñecidos como psicólogos humanistas (Gordon Allport e A. Maslow, por exemplo) a música, entre outros, é un medio para a nosa auto–satisfacción, integración e auto–actualización; no grupo dos existencialistas estéticos, Jean-Paul Sartre inclúea nunha sección na que se practica a elección e a liberdade; para os existencialista espirituais (K. Jasper, Martín Buber), a música transmite INDICIOS TRANSCENDENTES; para os compositores, como Schoenberg y René Leibowitz, esta arte porta IMPERATIVOS MORALES de austeridade e equilibrio espiritual; (...).

Con vistas a “fuga transcendental” talvez sexa interesante recordar que algúns intelectuais (Schopenhauer, Nietzsche, etc.) ven na música unha arte que non está situada no espazo, como o están outras artes por esixencias da súa manifestación: A música está máis cerrada ao dinamismo interior do seu proceso e ofrece menos impedimentos para unha aprehensión inmediata dela mesma, e incluso autores como Gurney postulan unha facultade especial que nin reside na mente ni no corazón, algo así como se a súa sutileza esixira unha especialísima vía para certa comprensión de matiz transcendental,

Non obstante, os teóricos están bastante comprometidos con esa tendencia “dicotomizadora” do coñecemento e o sentimento, coa que rachou Henri Bergson cando falou do ACTO INTELECTUAL DA INTUICIÓN, no que sentimento e caletre van da man; por iso parece que se pode soster, sen dúbida, que a música ten unha forte conexión coa vida emocional humana, aínda que o “como” no estea moi claro: só acusable e verificable nas específicas zonas que activa no cerebro. Non obstante, isto permite afirmar que o músico outea o transcendente con máis resonancias sentimentais que asisadas inferencias: A dozura e persoal afabilidade de Arcadio verificaban esta propiedade persoal.

Non cabe dúbida, pois, que, sen receo, podemos afirmar que as dúas personalidades referidas nesta colaboración evidenciaron unha especial sensibilidade para definirse e dar sentido as súas vidas no ámbito do transcendental: D. Enrique, respondendo a dimensión teologal, mediante predominantes recursos teolóxicos intelectuais postos ao servizo da cordialidade, e D. Arcadio, cultivando a súa non desprezable capacidade estética no campo da música. Ambos cómodos e entrañables amigos que non esqueceremos, e a quen esperamos que estas modestas liñas axuden a renderlles o debido tributo polo legado que deixan nos seus respectivos ámbitos culturais, iluminando sendeiros á transcendencia, un ámbito que máis ben pode ser experimentado, sentido, que coñecido.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES