Ascender sempre
Cabada Castro, Manuel - domingo, 08 de mayo de 2016
A grandiosa festa da Ascensión do Señor abrangue mensaxes e ideas fondas e sublimes. Nela, neste Cristo do que se nos di que ascende ó ceo, vén construírse en certo modo a ponte airosa, ben asentada e segura, entre o ceo e a terra, entre a divindade e a humanidade, entre o noso destino e o de Deus mesmo. Con Xesús, irmán noso e fillo de Deus que ascende ós ceos, a humanidade acada a salvación definitiva. Nela estamos incluídos todos nós xunto coas xeracións pasadas, presentes e vindeiras.
Naturalmente as palabras ceo e terra hai que entendelas de maneira simbólica, non física ou astronómica. Ben sabemos que o ceo de Deus está en tódalas partes, e de maneira especial en todas e cada unha das persoas que o queren. Todos e cada un de nós somos así en realidade templos de Deus. Dicir polo tanto, como fai Lucas, que Xesús ascendeu ós ceos quere dicir que el, trala súa vida, morte e resurrección, acadou a plenitude da súa unión con Deus Pai. Non debemos tomar polo tanto ó pé da letra o relato de Lucas, como se o ceo fose un lugar que estivese un pouco máis arriba ou moito máis arriba das nubes que nos traen a chuvia. É só unha maneira de expresar o grandioso destino de Xesús e de todos nós se somos verdadeiros seguidores de Xesús.
A Ascensión do Señor significa que, posto que Xesús é o Fillo de Deus encarnado ou humanizado, a terra e a humanidade toda están e estarán sempre presentes ante o mesmo Deus para sempre, por toda unha eternidade. Pois Xesús, o Fillo de Deus, é e será tamén para sempre un de nós. Xesús é o Emmanuel, é dicir, o Deus connosco. Por iso, en certo modo, tamén nós poderiamos chamarnos a nós mesmos nós con Deus, igual que Xesús é Deus connosco. En Xesús humanidade e divindade están e estarán sempre estreitamente unidas. En consecuencia, tanto nós estamos con el coma el con nós.
Amósanos así a Ascensión cal é tamén o noso camiño, un camiño ascendente. Xesús dixera de si mesmo que el non só é a Verdade e a Vida, senón tamén o Camiño. Un camiño que todos estamos chamados e convidados a percorrer. Nunha peregrinaxe na que non nos fallarán as forzas do seu Espírito, do Espírito Santo que Xesús nos promete tamén hoxe: Heivos mandar o don prometido por meu Pai.
Trátase dunha peregrinaxe, dunha ascensión, que non realizamos en solitario. Unha peregrinaxe faise máis doada e alegre cando un vai con outros que o acompañan, que lle dan azos e que lle fornecen canta axuda precisa. Os que cremos en Cristo non cremos nel de maneira individual, desligados da crenza dos demais. Formamos xuntos un pobo ou, na linguaxe de Paulo, un corpo con diversos membros. Xesús vai sempre diante de nós, dirixíndonos, animándonos e dándonos forzas.
Na súa carta ós Efesios fálanos efectivamente hoxe Paulo de que Cristo resucitado e ascendido ós ceos é a cabeza da Igrexa. Deus Pai −dinos Paulo− é quen someteu todo a Xesús e quen o puxo por riba de todo como cabeza da Igrexa, que é o seu corpo. Nós somos, polo tanto, membros deste corpo misterioso que ten en Xesús a súa cabeza que o dirixe e estimula. Xesús coida así de tódolos membros do seu corpo místico, no que estamos incluídos nós.
Unha cabeza sen o seu corpo non ten sentido ningún. Sería unha cabeza morta, sen vida. O corpo, separado dela, sería tamén un corpo morto, a punto de se corromper e desaparecer. Por iso a plenitude de Xesús como cabeza do seu corpo só pode ser tal se como cabeza ten un corpo unido a ela e vivificado por ela. Ascensión de Xesús significa, polo tanto, que, se el como cabeza do seu corpo místico xa ascendeu, esa ascensión non será plena ou perfecta mentres non realicemos tamén nós esa mesma ascensión de Xesús e con el.
Estamos así todos chamados e convidados a realizar un esforzo común, ben unidos á nosa cabeza, cara a unha meta grandiosa e fermosa, que ninguén no fondo pode deixar de apetecer. Porque quen non quere vivir sempre?, quen non busca a verdade total?, quen non quere acertar co camiño que o leve a unha meta de felicidade sen termo? Pois ben, todo isto só o podemos acadar manténdonos ben unidos á nosa cabeza.
Estes desexos son, por outra banda, comúns a tódalas persoas. Ninguén carece deles. Por iso, así como a cabeza ten que estar unida ó resto do corpo para que haxa vida e se poida falar dun corpo ou dunha persoa viva, así tamén é o corpo un conxunto unido de membros e de órganos diversos. Cada unha das partes do corpo depende das outras. Do mesmo xeito formamos tamén entre todos un fermoso corpo, o corpo místico de Cristo, cabeza nosa, que nos salva e dá vida. De modo que as mans ou os pés dese corpo non se poden considerar verdadeiramente salvados se só son eles os que se salvan. Desa maneira o corpo deixaría de ser un verdadeiro corpo. Sería algo deforme ou monstruoso.
Ascensión do Señor quere dicir tamén, por tanto, que só podemos ascender, unidos á nosa cabeza Cristo, se nos mantemos unidos non só coa nosa cabeza senón tamén cos demais membros deste misterioso corpo de Cristo. E estes outros membros do corpo místico de Cristo son tódalas persoas do mundo, de calquera cultura, relixión, lingua ou clase social que sexan.
Finalmente, coa Ascensión de Xesús, que vén sendo o cumio da súa Resurrección, estamos consecuentemente chamados todos a agradecer a grandeza de Deus Pai e dos seus proxectos sobre nós. Paulo fálanos hoxe de que deberiamos abrir os ollos para intentar comprender o vigor da potencia e da forza de Deus Pai en relación con nós.
Como se nos amosa este vigor? Paulo explícanolo sinteticamente ó nos dicir que Deus Pai exerceu o seu vigor e a súa forza resucitando a Cristo de entre os mortos e sentándoo á súa dereita nos ceos, por riba de todo principado e potestade, de toda virtude e dominación, e por riba de todo título de honra recoñecido neste mundo e tamén no vindeiro.

Cabada Castro, Manuel