A misión de Justo
Santalla, Iago - miércoles, 04 de mayo de 2016
Justo Gallego de 90 anos leva 50 dedicados á construción dunha catedral en Mejorada del Campo. Unha obra inmensa para un só home ao que lle move a fe na Virxe do Pilar. Resulta sobrecolledor para alguén que non é un gran practicante nin un gran crente ver como alguén consagra a súa vida a semellante empresa.
En Justo, vemos un home culto en canto aos estilos artísticos, un home que sabe o que fai e como quere culminar a súa obra. Antigamente, era impensable que os que empezaban unha catedral a viran rematada e, probablemente, tampouco Justo verá a súa. Aínda así paga a pena deixar un legado que transcenda ás xeracións e fique como unha testemuña da vontade humana.
Justo é un home que soubo crear o sentido da propia vida cunha inversión do propio tempo e recursos nun legado para a posteridade. Como Justo, moitas persoas camiñan creando para o futuro. Elas moven o mundo e deixan constancia do esforzo colectivo da evolución.
É fundamental educar no sentido de misión, deixando ver que a nosa esencia é creativa. Esta esencia non podemos reprimila porque forma parte do espírito colectivo da humanidade. Justo ensínanos a grandeza que supón aproveitar a propia vida. O porvir non se agarda, constrúese día a día dende a firmeza nos valores e a claridade nas ideas; só así, nacen as xenialidades humanas, entregando o propio tempo nun proxecto no que creemos con firmeza. Ser xenio é moi difícil pero crear e legar é unha obriga humana. Por suposto, non todos faremos unha catedral pero o feito de facer e de mellorar a realidade para alguén xa é unha obra inmensa.
Ter unha misión na vida axúdanos a camiñar cun norte, a ser con impronta propia e a practicar a fe en nós mesmos que nunca podemos perder. Quizais, este é o cerne da testemuña que nos dá Justo, que con 90 anos segue, con man firme, levantando a súa catedral.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora