Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Casas literarias: Luís Amado Carballo

martes, 03 de mayo de 2016
O 2 de maio de 1901, no segundo andar da casa número 9 da pontevedresa rúa do Progreso (hoxe Benito Corbal), pé mesmo da igrexa de San Francisco, nacía Luís Amado Carballo.Casas literarias: Luís Amado Carballo

Fillo dunha familia moi coñecida da boa vila, entre os seus devanceiros atopanse figuras do relevo do rexurdimentista Xoán Manuel Pintos, o escritor e xornalista Xosé Benito Amado ou o erudito historiador Celso García de la Riega.

Na casa da rúa do Progreso medrou como fillo único de Luís Amado de la Riega (de Pontevedra) e Consuelo Carballo Pesqueira (Redondela). Dende esta vivenda ía ás clases no Colexio Balmes, na Praza de Méndez Núñez, onde cursou estudos ata 1912, momento no que ingresou no daquela chamado Instituto Xeral e Técnico da cidade do Lérez.

Aquel espazo da vella cidade, tan pretiño da Peregrina, foi o seu mundo natural ata que se matriculou en Compostela na Facultade de Ciencias Sociais e Dereito en 1919. De alí marchou ao ano seguinte á Universidade Central a Madrid, por onde andou un tempo ata que volveu asentar definitivamente en Pontevedra, xa en 1922.

Dende ese momento e ata o seu temperán pasamento o 3 de setembro de 1927 (con tan só vinte e seis anos), os seus lugares de residencia apenas variaron. Pasou, si, tempadas no Pazo de Santa Margarida en Mourente, onde semella que preparou a edición de Proel, andou en visitas por Vigo (onde colaboraba coa prensa escrita da cidade olívica) e veraneou en Vilagarcía de Arousa e Soutelo de Montes, localidade esta última na que parece puido exercer como mestre un tempo, pois obtivera o título de tal.Casas literarias: Luís Amado Carballo

O inmoble do canto de Benito Corbal con Cobián Roffignac acubillou os soños daquel neno, morto mozo, que ideou os amores difíciles de Maliaxe (1922), o testemuño de Os pobres de Deus (1925) e os versos incomparables de Proel (1927) e O galo (1928), este disposto postumamente polo seu íntimo Xoán Vidal Martínez.

Vaia, hoxe, este memorando para o poeta que cantou “Pontevedra”:

Pontevedra é boa vila
dá de beber á quen pasa
a fonte na Ferrería
San Bartolomeu na praza.

No dondo colo do vento
quedous’a choiva durmida.
Lonxe as casas da cibdade
baixan á beber na ría.
Dos beizos escoa a copra
Pontevedra é boa vila.

Cand’o sol cae nas pedras
pescudando un grolo d’agoa
a sombrilla abren os árbores
par’o paxaro ximnasta.
Fervendo luz de lua fresca
dá de beber á quen pasa.

Choutando pol-os clocheles,
entrou o Corpus na vila.
Chora esquencida na rua
a gaita recen nacida.
O ceo vai com’un foguete
a fonte na Ferrería.

Trema no berce da tarde
a vella voz das guitarras
Ô pé da rexa amorosa
veu morrer o toque d’Animas
que bota a pastar nas nubens
San Bartolomeu na praza.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES