Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ceibes de medos

domingo, 01 de mayo de 2016
A nosa Igrexa, que ten os seus alicerces en Xesús, tivo que pasar por non poucas dificultades internas (non só persecucións exteriores) no seu nacemento e desenvolvemento. A mensaxe de Xesús era tan nova e liberadora que aínda agora, moitos séculos despois, non nos resulta doado comprender ben a súa mensaxe e sobre todo levala de maneira consecuente á práctica.

A primeira lectura dos Feitos dos Apóstolos é unha pequena mostra das dificultades e resistencias que existían. Non era fácil liberarse de costumes e prácticas, ritos concretos, prescricións e demais normas herdadas do Antigo Testamento para se entregar con alegría e agradecemento á aceptación da “boa nova”, da “alegre nova” de Xesús. “Nova” no seu dobre sentido, de noticia ata agora descoñecida e tamén no de algo que non ten que ver con cousas “vellas”.

Agora o que prima é practicar a fraternidade, o amor e a liberdade que se derivan da mensaxe de Xesús de sermos irmáns del e fillos do mesmo Pai Deus. A nosa salvación vén ser un don gratuíto de Deus, que non se acada á forza de practicar ritos baleiros. Dadas -como digo- as resistencias e inercias antigas, a Igrexa tivo que chegar inicialmente a certos compromisos concretos (entre cristiáns de orixe pagá e de orixe xudía), aínda que sen renunciar ó contido fundamental da mensaxe liberadora de Xesús. É o que dá a entender aquela decisión que se adoptou e da que se nos di, non sen se reflectir nela un novo aire ou estilo de proximidade ou amizade entre Deus e a humanidade: “Decidimos, o Espírito Santo e mais nós, non vos impoñer máis cargas cás precisas”. E a continuación enuméranse esas cargas concretas, mínimas en todo caso. Este feito en si mesmo non deixa de ser curioso: acostumados como estaban os cristiáns de orixe xudía a aturar cargas e ritos relixiosos, parece que os seus lombos non se sentían a gusto sen algo da antiga carga.

En calquera caso, o conxunto das lecturas de hoxe quérennos deixar claro que o específico do cristianismo vai por camiños novos. As palabras que Xoán nos pon no evanxeo en boca de Xesús pertencen tamén, coma no domingo pasado, ó discurso (se o podemos chamar así) de despedida de Xesús. Respírase en todo el un aire de familia, de intimidade, de confianza, de paz, que constitúen verdadeiramente o que podemos chamar a verdadeira atmosfera cristiá. Aquí non hai nada de imposicións alleas, de ameazas, de medos ou cousas semellantes. Ó revés. Deus faise, grazas a Xesús, un máis entre nós. Alí, nesta primeira igrexa nacente dos apóstolos e discípulos de Xesús, están con eles o Pai, o Fillo, o Espírito Santo. Todo é unha fonda relación de amizade mutua. Todo é horizontalidade e proximidade. “Non vos angustiedes, nin teñades medo”. Porque a “paz” é o don que Xesús nos dá: “Déixovos a paz. Douvos a miña paz”. Esa mesma paz de Xesús á que quen preside a eucaristía se refire inmediatamente antes de dármonos mutuamente a paz. Cando na celebración da eucaristía realizamos ese xesto de dármonos a paz, non nos damos mutuamente a “nosa” paz particular, senón a de Xesús, a que El nos deu e nos está a dar sempre para ofrecérmola pola nosa parte ós demais.

Deste xeito os cristiáns podemos gozar da alegría e felicidade de termos sempre a Deus en casa. Se nos achegamos ó interior dunha igrexa, é precisamente para renovármonos e fortalecérmonos mutuamente entre todos nesta fe nun Deus que se fixo amigo e familiar noso onde queira que nos atopemos, sexa dentro ou fóra dunha igrexa. Resulta sorprendente este case incríbel térmonos a Deus en casa, tal como aquí nos pon Xoán en boca de Xesús neste memorábel discurso seu: “Se alguén me ama, gardará a miña palabra, e meu Pai amarao, e viremos onda el, e faremos vida con el”. É dicir, Deus Pai e o seu Fillo Xesús fan vida connosco se o amamos. De maneira que o templo ou os templos de Deus somos, desde a aparición onda nós de Xesús, nós mesmos, edificios feitos de ósos e membros humanos, non de pedra, cemento ou ladrillo. Para dicilo dalgunha maneira, Deus, o Deus trinitario (Pai, Fillo e Espírito) ten o seu domicilio, a súa residencia, no interior de calquera persoa, home, muller ou neno que o queren e aman, en calquera lugar do mundo. Dunha maneira moito máis fonda e real que cando eu digo que vivo na rúa Sanjurjo Badía e vós en calquera outra rúa desta nosa “fermosa cidade”, tal como a cualifica o noso actual alcalde.

Cómpre que de cando en vez reflexionemos nestas cousas, pois son realmente moi consoladoras, moi dadoras de paz, unha moi eficaz medicina contra calquera tipo de angustias ou medos nas nosas vidas.

Isto que estou a comentar atopa ademais un complemento esclarecedor no texto da Apocalipse da Segunda Lectura. Fálase alí da Xerusalén celestial, asemellada, na linguaxe simbólica que neste libro se utiliza, a unha gran cidade. Mais o que a Xoán lle chama a atención nesta cidade é o seguinte: “Nela non vin –di el- santuario ningún, porque o seu santuario é o Señor Deus, que todo o sostén, e mailo Año”. Algún comentarista deste relato da Apocalipse dinos con algo de graza que a nós non nos estrañaría que se nos dixese que nesa celestial cidade non hai “bancos ou supermercados” mais resulta que se nos di que ¡”non hai templos”!

En fin, temos, pois, que tomar boa nota de que nin na terra nin no ceo hai templo ou santuario algún no que habite o Deus anunciado por Xesús, o aquí chamado Año da Apocalipse, a non ser nós, nós mesmos, ascendidos como estamos á dignidade de irmáns de Xesús e de fillos adoptivos de Deus. A grandeza de Deus desborda calquera templo no que o pretendésemos apreixar. De maneira que nel, no noso Deus, estamos todos e cada un dos que verdadeiramente o amamos, ou, se preferimos, está El “facendo vida” no interior de todos e cada un de cantos o amamos e queremos.

O gran pai da Igrexa, Santo Agostiño de Hipona, utilizaba nos seus escritos tanto unha coma outra maneira de considerarmos a relación de Deus con nós ou a nosa con el. Para Agostiño Deus era “máis intimo a nós que a nosa propia intimidade” e ó tempo absolutamente “superior” a calquera suposta grandeza nosa. Deus está, pois, en todo e todo está en Deus. Se aprendésemos a ver a Deus deste xeito, comprenderiamos tamén mellor o fundador da Compañía de Xesús, o noso Santo Ignacio de Loiola, cando nos animaba, tal como se expresaba el, a “ver a Deus en tódalas cousas”.

Se así o fixésemos, empezaría tamén a nosa terra a emitir ecos ou recendos celestiais -que tanta falta nos fan-, aqueles que Xoán nos describe ó nos falar da Xerusalén celestial.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES