Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un carboeiro vasco na terra da chispa

martes, 03 de mayo de 2016
Testemuñas da Memoria:
Un carboeiro vasco na terra da chispa

A prensa cinematográfica e os afeccionados á sétima arte sempre foron moi propensos a elaborar listas das mellores películas, dos mellores actores, actrices, directores, etc. A isto sempre me neguei porque se digo “Cidadán Kane” cómo vou deixar fóra “O acoirazado Potemkin”? e se digo Spencer Tracy cómo non vou dicir Laurence Olivier? Non obstante, recoñezo que non me importa unha lista, unha clasificación para o cine español. Aquí non teño ningunha dúbida: “Tasio”. E xa adianto que si, que as hai mellores e incluso moito mellores (de Bardem, de Berlanga, de Buñuel). Pero a “Tasio” téñolle un cariño especial; quizais pola sinxeleza con que o director Montxo Armendáriz conta a historia dun carboeiro vasco. Vin a película, de estrea, no cine Conde Duque de Madrid, o 21 de setembro de 1984 e nela descubrín ó actor Patxi Bisquert. Hoxe en día aínda é a película na que máis éxito tivo, e penso que sigue sendo a súa mellor actuación.

Nunca imaxinei que 25 anos despois lle chocaría a man a aquel rapaz. Aconteceu exactamente o 11 de febreiro de 2010 na casa de cultura da Valenzá. Patxi Bisquert presentaba a súa curtametraxe “Terra de millo”, unha bonita historia dos felos de Maceda como símbolo de liberdade, ós que sigue no seu percorrido por eses camiños da serra de San Mamede. A piques estiven de deixar pasar a ocasión. Lembro que todo o día pensara nunha reunión da ANPA no instituto dos rapaces e no último suspiro amargoume ir alá e optei polo cine, sen imaxinarme que ía parrafear, parolar co director da curtametraxe. Pero é que cando entrei ó salón de actos e vin que tan só estabamos tres ou catro espectadores (ó final seriamos algún máis, é dicir, seis) fóiseme a alma ós pés. Imaxinei, supuxen ó momento cómo estaría Patxi. Deume tanta pena que, a pesar da miña timidez coa xente que aínda non teño confianza, non me quedou outra que achegarme ó actor para desculpar ou para xustificar un pouco o baleiro da sala.

E así foi como coñecín ó carboeiro vasco e como souben un chisco da súa vida na terra da chispa, onde tiña unha Casa Rural na parroquia de Armariz, concello de Nogueira de Ramuín, acondicionada tamén para facer de asadeiro-sidraría. Lembro, así mesmo, o día que se me presentou na Cámara Agraria de Maceda para seguir conversando e para que lle abrise un pouco as portas dos concellos desta vila e de Baños de Molgas, onde quería seguir proxectando, dando a coñecer a súa curtametraxe. Despois, como o tempo pasa e todo cambia, o contacto foise perdendo (fóra dalgún que outro correo electrónico) ata que iniciei estas testemuñas da memoria e axiña pensei que o actor vasco podía perfectamente ter cabida aquí. Niso estamos.

Patxi Bisquert naceu en Zizurkil (Guipúscoa) e chegou a Ourense no ano 2001 porque coñecera “a unha galeguiña”, como di el, nuns encontros de cine en Santiago. Optaron por acabar vivindo no medio rural, máis concreto en Armariz, “porta de entrada a esa marabilla natural que é a Ribeira Sacra”, segundo a súa confesión, ata o mes de novembro do ano pasado, que marchou de novo para a súa terra e tamén para o medio rural, porque el, Patxi, naceu e pertenceu sempre ó medio rural.

Tampouco podía eu imaxinar que, véndoo en “Tasio”, tivese problemas para seguir traballando no mundo da sétima arte. Emporiso, sábese que o mundo do cine tamén é moi traidor e, por unhas e outras cousas (a que máis se intúe é por causas políticas, xa que de mozo tivo os seus achegamentos ó radicalismo vasco), os produtores e directores non confiaron moito nel. Así, logo da década dos 80 (a máis frutífera), os seus traballos cinematográficos distanciáronse considerablemente uns dos outros e, para máis aquel, con tan só pequenos papeis. Pero Patxi Bisquert soubo tirar cara adiante e entre Pascuas a Ramos non lle caeron os dentes: traballou como metalúrxico, na construción, na hostalaría, na escritura de guións, dirixindo curtametraxes, vendendo libros e el mesmo escribiu unha novela titulada “Rosa” e publicada no 2012. Sei seguro que ó carboeiro de “Tasio” aínda lle ten que chegar o seu gran momento, pois todos sabemos que a veteranía é un grao e a pesar dos seus traballos esporádicos, a súa experiencia non pode pasar inadvertida para aqueles que fan cine. E oxalá volva polas nosas terras para seguir latricando, barallando con el. Todo un personaxe.

Café O Chicote da Valenzá. Martes, 6 de outubro de 2015.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania