Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Granxas gandeiras abandonadas

sábado, 30 de abril de 2016
Recentemente puiden ler na prensa galega que en dúas granxas da provincia de Lugo habían encontrado algunhas vacas en estado lamentable, case mortas de fame. E aínda máis, había algúns esqueletos doutros animais mortos na mesma corte. Case non podo cre-lo, non garda lóxica algunha coa Galicia rural, quizais un tanto idealizada, que coñecín na miña infancia nin coa mais desenvolta que coñezo actualmente. Como é posible que hoxe existan gandeiros galegos que deixen morrer de fame os seus animais? Algunha cousa rara debe de estar ocorrendo.

E sigo cavilando, e crendo que coñezo a mentalidade dos campesiños/gandeiros galegos, que sempre coidaron e mimaron os seus animais. Estou sorprendido, mais debo de estar equivocado en algo. Semella que algúns feitos sintomáticos estannos dicindo algo novo, diferente, sorprendente. Que uns gandeiros maltraten os seus animais ata un extremo letal. Ben sei que son dous casos illados, e quizais algúns máis aínda descoñecidos; mais ese comportamento irracional nunca o tiven observado no medio rural tradicional galego. Sempre había solucións, desde a venda dos animais ata o sacrificio das reses no matadoiro.

E seguimos matinando. Posiblemente nestes casos actuais están confluíndo varios factores económicos e sociais que apreixan a bastantes explotacións agrogandeiras: ausencia de xente nova ó fronte da facenda, insuficiente terreo para produción de forraxes, excesivas débedas cos bancos, problemas coa produción, co almacenamento, recollida, venda e prezo do leite. O monocultivo e dependencia total da produción leiteira para o mercado converteu en máis arriscado o patrimonio e modesta economía familiar. Entrar nun xogo mercantil que non se controla e sen protección mínima dos poderes públicos, é un risco desproporcionado para a maioría das explotacións agrogandeiras. En nome da liberdade de mercado, as instancias dos poderes públicos inhíbense, dan bos consellos ou só responden in extremis sementando algúns fardos de diñeiro europeo. Se non se acometen solucións estruturais masivas, demandadas desde fai máis de cincuenta anos, non se albisca unha saída estable e con futuro.

Parolando con algúns labregos-gandeiros, reflexivos e coñecedores do medio natural e social en que se moven, dinnos que xa é tarde para case todo: para atraer e afincar máis xuventude no campo, para soster, ampliar e consolidar unhas explotacións plenamente modernas e integradas no circuíto mercantil, pois cada vez máis modernizar unha explotación supón un custo moi alto sen ningunha garantía de que sexa rendible e sustentable no futuro e nun prazo razoable.

Sen pretendelo estou caendo nun estado de lamentacións; mais aínda confío en que, a pesar das enormes dificultades, moitos labregos-gandeiros logren sobrepoñerse as duras condicións que a economía de mercado lles está impoñendo. Ánimo.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES