Interésame, de sempre, a poética de Carlos Negro pola súa singularidade. Nun campo literario onde os

produtores adoitan transitar polo enlevado estético e a transcendentalidade significante ou a deconstrución fragmentadora e a atomización do sentido, que unha voz se ofreza transparente, sen pretensións crípticas e apostando polo ludismo literario e a desacralización dos discursos, resulta tremendamente refrescante.
Pode comprobarse a fluencia do modo Negro na lectura de Masculino singular, o seu máis recente título, publicado por Xerais, un volume que, ao meu ver, completa unha triloxía de revisión de arquetipos que o de Lalín abrira con Makinaria (2009) e Penúltimas tendencias (2014).
En Makinaria denunciábase a tolemia neofuturista dun mundo de rapaces entregues ao deus da velocidade, as motos e coches celerísimos e mortais de necesidade, sartegos rodantes lacados polo absurdo do alcohol ata o coma etílico e outros excesos tan desnecesarios. En Penúltimas tendencias o péndulo basculaba ao outro extremo e propuña un auténtico programa para a disolución da tiranía do fashion & cool & chic & sexy, contra as servidumes que impón o talle 36 e o imperio da silicona, os edulcorados Disney, os consultorios sentimentais da Superpop e toda a faramallada rosa que asolaga a mente pastosa de tantas (tamén de tantos, xaora).
Agora Masculino singular repensa o concepto de masculinidade, dialogando criticamente coas inercias

tradicionalistas dos falocráticos machos alfa e o patriarcado máis recalcitrante, mais tamén cos excesos androcidas e eunuquizantes, reivindicando espazo para un home anovado, coa tenrura como guieiro e a anos luz de calquera violencia xenérica.
Hai en Carlos Negro unha esculca autodefinitoria manifesta dende o comezo (velaí o poema significativamente titulado Código de barras co que se abre o libro, descrición do home que se é e, sobre todo, que non se é) e tamén un interese certo por desmontar todas as imaxes socialmente prefabricadas da masculinidade adoita, a trapela ideolóxica do Just for men, o sexo salvaxe e invasivo de Pinturas rupestres ou Museo de historia natural (Homo erectus) e, mais visiblemente que en ningún outro texto, Tratado de anatomía para mercados de carne, brutal denuncia da cousificación sexual da muller.
Este moi consciente programa de desactivación do (in)consciente colectivo machista profunda tamén nos roles educativos marcados xenericamente, os xoguetes diferenciados para nenos e para nenas de Toy Story 1 e Toy Story 2 e mesmo as correntes afectivas ocultas de Batman & Robin e as potencialidades de X-Men.
Nese proceso indagatorio de redefinición da masculinidade Negro sulca o proceloso mar do metaliterario para abrir a dialéctica con Xosé Luís Méndez Ferrín e afirmarse Sen pólvora e cun ramo de magnolias, con María Xosé Queizán e recalibrar a Metáfora da metáfora, con María do Cebreiro para cruzar con ela a única porta que non vía ou con Ana Romaní para abranguer alternativas ao devalo das mareas últimas, mais tamén para reescribir en contrafacta a Rosalía (Vaguedás 2.0) ou Homero (A cólera de Aquiles (manuscrito apócrifo)).
Abondoso en textos por adición, poemas cuestionario, caligramas, poemas anuncio, enquisas líricas e mesmo poemas visuais, Masculino singular non renuncia ao humor e a ironía como ferramentas de punzante subversión. Porque convén reflexionar ata dar con corpos semánticos non estruturados, non definidos por códigos reprodutivos e ser, por fin, heterosexuais non agresivos para o seu contorno afectivo. Todo un desafío.