Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Manuel María (II)

Carballo, Xosé Manuel - jueves, 28 de abril de 2016
MANUEL MARÍA (II)
Xosé Manuel Carballo
Manuel María, á miña maneira de ver e salvo opinións máis autorizadas en contra, era home firme nas súas convicción. Firme, pero non intolerante, e afable, e ata agarimoso, nas súas relacións. Relato, como proba unha das miñas experiencias con el que me gañou de por vida, por se alguén tivese outro concepto del.

Cando eu aínda non o saudara máis de dúas ou tres veces, fomos velo á súa casa en Monforte Paulino Novo Folgueira e máis eu. Paulino era por aquelas datas un mozo estudante de filoloxía hispánica e hoxe, ademais de licenciado en hispánicas, é doutor en filoloxía galega, grazas ó seu esforzo e a Deus. En cambio eu, daquela era un cura novo e ilusionado, do esforzado rural e pró rural, e hoxe, grazas a Deus, son un cura vello, que esmorece como esmorecen as nosas aldeas e coa frustración de que non serviron de moito os esforzos por labregos e gandeiros; porque os seus inimigos son lexión. Xa dicía o Manuel: “Pra escravo o labrador!/ No inverno móllase/ No verán derréteo o calor/ A súa vida é incerta/ Ó sementar non sabe/ se acerta ou non acerta”.

Este non saber do labrego non depende só da natureza. Sabe que un tempo paga ó outro, pero non sabe defenderse dos que hoxe lle ordenan que se poña en vacas de carne, mañá, de leite, pasado, entoléanllas con piensos envelenados e de contado, pechada a explotación e arruinados os donos, mentres entran leite e carne de fóra.

Volvendo ó caso, facíanlle fata ó amigo e fillo de amigos, Paulino, algúns poemas inéditos de Xosé Crecente Vega pra algún traballo académico, e a min, como dicir, falta, falta non me facían, que xa sabía de memoria algúns poemas publicados en “Codeseira”, pero tería de mil amores algún dos descoñecidos
.
Fomos recibidos en Monforte por Manuel e pola acolledora Saleta como se fósemos da familia ou amigos de toda a vida e o Patriarca agasallounos cun feixe de fotocopias deses poemas inéditos, manuscritos do seu propio puño e letra, e cunha separata dun traballo seu sobre Crecente feito prá universidade de Coimbra que se baseaba nalgún deses poemas inéditos doutro dos grandes cantores do rural e da cultura que se agocha nos muíños, nos codesos ou nos soños de quen, recén casado, aspira a ter gando de seu.

Pra ter Manuel aqueles papeis tivo que copialos, (non valía fotocopialos), porque un irmán de Xosé Crecente Vega, que fora mestre, andaba día e noite cos orixinais no peto de dentro da zamarra, convencido de que naquel peto levaba un tesouro. E levábao, pero non valorado en cartos como el pretendía.

Curiosamente, foi Félix Villares, o mesmo que me pediu unha colaboración sobre Manuel María prá súa filla, a revista estudantil “Amencer”, quen se deu feito con aqueles orixinais. Despois, o todoterreo que non se limita a desbrozar por onde pasa, senón que deixa todo ben perfilado e rematado, Ricardo Polín, deulles o tratamento de tesouro inmaterial que merecen, no seu grandioso libro de 484 páxinas, “Folla Bricia. Poesía completa de Xosé Crecente Vega”, editado pola Xunta de Galicia e o Centro Ramón Piñeiro o ano 2002. Aínda así, Crecente Vega segue agardando polo seu día das letras galegas, E, matino eu, sendo tantos os que agardan, por que non celebrar un autor por trimestre en vez de un por ano?

Outro agasallo que me fixo Manuel foi unha peciña de teatro, escrita ex profeso, pró libro “Máis de media ducia de escritores chairegos e o antroido”, que coordinei. Titúlase: “Brevísima farsa do Antroido de Outeiro de Rei da Terra Chá”. Con esta non son sete, senón oito as súas pezas teatrais publicadas. Aínda non foi representada pero, se non me dá tempo a min, deixarei dado orde de que se represente algún día, anque eu xa non estea.

Seguimos véndonos con certa frecuencia e colaborando nalgunhas cousas, como na escenificación da Romaxe de Crentes Galegos na carballeira da Santa Isabel. Pero, quedoume pesar por non telo visitado máis nos seus últimos tempos. Sei que tiña moi asidua e boa compañía, a de Alfonso de Guitiriz que estivo moi preto del ata o final e foi quen correu tamén con parte da organización do funeral. Só con parte, porque alguén pretendía marcarlle ó cura ata os tempos e as rúbricas litúrxicas nun alarde noxento de intrusismo profesional. Ata lle deron orde ó bo crego de que na misa non se dixese: ”Poeta da Terra Chá”, senón “Poeta de Galiza”. Iso puiden arranxalo eu rezando, no “memento de defuntos”, polo Poeta Patriarca da Chaira e, desde ela, de Galicia e do mundo.

Non sabíamos nada desas ordes cando chegaron co cadaleito á capela da Santa Isabel, por iso eu e algún curas máis, agardábanos revestido pra concelebrar a misa; pero Alfonso, compunxido, díxonos dirixíndose a min:
-Non podedes concelebrar, Carballo, porque me dixeron que misase eu só e que o acto relixioso fose o máis irrelevante e breve posible.

Pillei un dos meus cabreos, que teñen un 50% por cento de compoñente teatral, pero que a veces dan resultado, e respondinlle preguntando:
-Deixouche iso encargado Manuel María?
-Non. El non.
-Pois que veña quitarme a alba quen cho dixo. A ti pídenche os do Bloque que lles escribas os discursos ou lles organices as convencións? Pois na Igrexa o que sabe es ti. E quen dá as ordes es ti. E nin ti nin naide me vai impedir misar por un amigo que quería un funeral católico.

Debo aclarar que a referencia ó Bloque foi debida a que me cheiraba que algúns querían acaparar en exclusiva a quen era de todos, cousa moi propia dos que non teñen historia ou queren borrar a familiar e néganse a crer que o mundo empezou sen eles. Que me desculpen os desa formación política que non estean entre eses “algúns” ós que me refiro sen xeneralizar.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES