Lugo, ponte bonito!
Xiz, Xulio - martes, 14 de noviembre de 2006
Hai anos, acudín a Barcelona nunha viaxe de traballo para o Concello de Lugo. A cidade estaba en obras, chea de carteis: Barcelona, ¡posat guapa!: Barcelona, ¡ponte guapa!.
Vintedous anos despois, alguén está a utilizar Lugo, ¡ponte bonito!, para animarnos a estimar o Lugo que estamos a facer.
A min paréceme ridículo o slogan. Bonitos son uns zapatos ou un vestido. ¿Un coche?. Chamarlle bonito a un neno pode orixinar resposta destemplada. E dicirlle a Lugo ponte bonito é, como mínimo, unha cursilada.
Pode ser que o creador da frase non coñecese a súa utilización hai tempo, cunha pequena variante, xa que a orixinalidade senón imposible é difícil.
Pero se Lugo tivese ánima colectiva, largaríalle un xostregazo a quen propuxese tal postura. Iso non se lle fai a unha cidade coma a nosa.
Lugo (por certo: é feminino) pode poñerse orgullosa, alegre, airosa, rebelde, sumisa, triste ou apática
Pode fermosearse, aledarse, moverse ou revirarse. E pode aguantar como aguanta o que aguanta.
Pero bonito, se facemos abstracción de xénero, non ten que poñerse porque xa é máis bonita ca un San Luis.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora