Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Galicia. Raíces e compromiso

miércoles, 20 de abril de 2016
Semella que os libros non teñen boa prensa hoxe en día. Editoriais e libreiros quéixanse, e non sen razón, de que a xente non le. Dise incluso que os libros non valen nin para os queimar porque “os libros arden mal”, tal como reza un dos títulos de Manuel Rivas, a quen tiven o honor de presentar nun acto público hai só dez días. Hai algo máis de tempo lin unha entrevista que lle fixeron ó político andaluz Julio Anguita e nunha das súas respostas facía o seguinte comentario: “España é un país que se pon diante dun touro, mais ve un libro e sae correndo”... En fin, benqueridos amigas e amigos, como nós vivimos nas periferias da península, podemos quizais deixar de lle dar razón a Anguita e aturar uns minutos á beira do libro que estamos a presentar.

En calquera caso, pódese dicir que é nos nosos tempos case un pequeno milagre calquera presentación dun libro. No meu caso este milagre de hoxe débese, en primeiro lugar, ós esforzos e á xenerosidade dun editor e promotor de tantos proxectos culturais na nosa terra como Bieito Ledo. A el, pois, moitas grazas polo seu taumatúrxico poder. Arroupárame tamén el aquí na Estrada na presentación do libro A rapa das bestas de Sabucedo. Historia e antropoloxía dunha tradición, editado pola súa editorial hai case 24 anos (como corre o tempo!), o día 8 de xullo de 1992. Débolle ademais a el algo tan importante nun libro como é o título mesmo do libro de hoxe, “Galicia. Raíces e compromiso”. Un título que lle acae certamente moi ben. En principio pensara eu noutro: “Galicia como herdo e tarefa”. Mais era un título que o asemellaba algo de máis a outro dunha publicación de Valentín Paz Andrade que leva como título “Galicia como tarea”. Quizais (é só un dicir) esa miña primeira e provisional querenza respecto do título “Galicia como herdo e tarefa” se debese, de maneira subterránea ou subconsciente (claro!), á estreita relación política e humana que tivo dende o ano 1931 un meu tío galeguista e estradense, Xosé Manuel Cabada Vázquez, con Paz Andrade pola súa común pertenza ó “Grupo Autonomista Galego” de Vigo, primeiro, e pouco despois ó Partido Galeguista, do que ámbolos dous foron cofundadores.

A Bieito Ledo débolle ademais algo moi importante nun libro como é o seu prologuista. Pois foi tamén el quen me propuxo o nome de Xosé Luís Méndez Ferrín para tal mester, cousa que naturalmente aceptei encantado mais algo incrédulo. A miña sorpresa acrecentouse ó máximo cando puiden ler despois os eloxios que, para min alomenos inmerecidamente, lle tributaba a este escrito. Obviamente, non fai falla facer aquí loa algunha de Méndez Ferrín por ser el ben coñecido por todos. Moitas grazas, pois, a el, a Xosé Luís.

Por outra parte, o artístico e fermoso deseño en viva cor da portada debémosllo ó ben coñecido pintor Antón Pulido. Quérollo agradecer tamén moito. O libro quedou así, grazas a Antón, ben campado, para que lectoras eu lectores por Galicia adiante poidan sacalo a bailar seducidos pola súa beleza.

Que podería dicirvos eu sobre o meu propio labor neste libro? Pois pouca cousa. Tendo en conta sobre todo que á fin e ó cabo para algúns isto de escribir non leva consigo traballo ningún. Conservo viva aínda na lembranza unha caricatura de hai anos do sabio Mingote que tiven durante moito tempo espetada cun alfinete nun dos andeis onde repousaban os meus libros en Madrid. Ata que a cor das letras e do debuxo foi esmorecendo. A caricatura viña ser esta. Un escritor amósalle nunha libraría o seu recente libro a unha persoa coa que se atopa e dille: “Este libro significa o meu labor dun ano”. Ó que lle responde con atrevida presteza o seu sisudo interlocutor deste xeito: “Pero é que estivo vostede un ano enteiro sen traballar?”.

Nestas estamos, pois. Aínda que hai que recoñecer tamén que o que se fai con gusto non cansa tanto coma cando se está a desgusto. Certamente, non estiven a desgusto neste traballo. Para min alomenos o desgusto sería, máis ben, non poder intentar aclararme sobre algo que interiormente me estaba a remover dende hai tempo. Esta preocupación concentróuseme en min no que constitúe a cerna mesma do tema do libro e que queda condensado nese título: “Galicia. Raíces e compromiso”.

Pretendín, efectivamente, aclararme en certa medida sobre algo, fondo e intenso, que rebulía no interior de min mesmo, mais que non acababa de se reflectir axeitadamente nin en min nin en boa parte daqueles cos que convivía. Nin no modo de pensar nin nos xeitos de procedermos.

O resultado, dito de maneira sintética, é que estaba ou estabamos vivindo desde esquemas mentais e de comportamento que outros, alleos ós nosos intereses e á nosa propia cultura, inocularan historicamente en nós. Cumpría pois, en consecuencia, desvelar, clarificar, analizar, pór ó descuberto tal situación. E, ademais, de maneira proporcionada ó esquecemento sobre nós mesmos que outros induciran ou provocaran en nós. Dito aínda de maneira máis concreta. Era necesario que nos contásemos a nós mesmos a nosa propia historia e que deixásemos de nos guiar pola historia que outros argallaron e en certo modo continúan aínda a argallar, dunha ou doutra forma, para o noso propio consumo.

E cando aquí falo de “historia” non me refiro só ó que normalmente entendemos por tal cousa, senón sobre todo ós efectos que tal historia e os seus relatos foron producindo en nós, no seo da sociedade galega e dos individuos particulares, e que pesan aínda sobre nós. Trátase do efecto ou resultado ó que en definitiva se refería tamén no fondo Rosalía cando en Follas Novas dicía que se sentía “estranxeira na súa patria”.

Era preciso, pois, pensar e analizar tamén os modos de sermos e procedermos. Aquilo que os antropólogos culturais ou sociais denominan a “cultura” dun determinado grupo social ou país e que non se identifica sen máis co grao de saberes simplemente técnicos ou científicos dos que un conxunto humano poida dispoñer. Trátase daquela “cultura” que proporciona cohesión e mutuo entendemento ós que dela participan, que os diferencia dos que participan doutra cultura distinta e que ten a súa manifestación máis evidente na propia lingua.

Deste modo quedan sintetizadas as tres grandes partes nas que se distribúen as análises e as reflexións que estruturan a armazón do libro: “Cultura”, “lingua” e “país”. Evidentemente, non se trata de asuntos mutuamente independentes, pois cada un deles depende dos outros dous e ó mesmo tempo posibilítaos e poténciaos.

En certo modo este escrito, aínda que cun formato excesivo para tales efectos, querería ser en realidade como unha especie de vademécum ou guía práctica para orientármonos os galegos neste complicado mundo noso. Por exemplo, e falando máis concretamente, a historia, máis ou menos violenta sempre, fixo que nacésemos e vivísemos nun país no que, ademais da propia lingua, existise e se movese outra que interfire de feito coa nosa, chegando case, pese á súa procedencia foránea, a converter a nosa en subordinada a ela. En boa parte, o maior ou menor uso da lingua de noso vén sendo en realidade algo así coma un termómetro bastante fiábel da maior ou menor confianza que temos en nós mesmos.

Os percorridos históricos, as anécdotas, as análises, as reflexións, as críticas, etc., por moi sinteticamente que todo iso reciba forma no libro, camiñan intencionadamente cara a unha meta concreta. A de acadar conciencia, tanto individual coma social e política, de nós mesmos. Na actualidade non son poucos os que apuntan a que se bota en falta aínda entre nós a necesaria conciencia de nós mesmos. Mais esta non se chega a adquirir se un prefire vivir alleo ó coñecemento de si mesmo e daqueles cos que convive. Aínda que disto, por outra banda, non é sempre un mesmo necesariamente responsábel, pois é esa mesma situación de alleamento ou dependencia a que obstaculiza de mil xeitos sutís calquera cuestionamento contrario.

Vai facer neste mes de abril catro anos que morreu en Vigo un sobranceiro intelectual galeguista e comprometido activista cultural chamado Xaime Isla Couto. Os seus pais naceran nestas terras estradenses. Así o deixou escrito o seu fillo Xaime: “Meu pai naceu na casoupa máis pobre da aldea, ao pé do pazo de Oca, e miña nai en Arnois”. Pois ben, hai agora quince anos, nun breve discurso seu na Universidade de Santiago, propuña el para o noso país estas tres tarefas: “Repensar Galicia, proxectar Galicia, facer Galicia”. De modo que pensar ou tomar conciencia e actuar, “facer”. Algo moi semellante, como vedes, ó que reza o título do libro: “Galicia. Raíces e compromiso”. É dicir, tomar conciencia das propias raíces que dan vida á nosa existencia como galegos e proceder en consecuencia, é dicir, “comprometernos”, “compromiso”, cun país, cunha cultura, cunha lingua que precisan dos nosos esforzos para a súa conservación e florecemento.

Pola miña parte, non quixen con este libriño senón contribuír, en grao mínimo e á miña cativa maneira, a iso. Moitas grazas a todos pola vosa atenta e benévola compañía!

(Palabras do autor na presentación do seu libro “Galicia. Raíces e compromiso”, celebrada en A Estrada o 15 de abril de 2016).
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES