Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pasaba como unha sombra por Madrid

martes, 19 de abril de 2016
Cada vez que escoito a palabra cultura, penso no Juan da Angelita. Cada vez que leo algo sobre a comparación do fútbol coa cultura, penso no Juan da Curva. Juan Carballo Martínez, o Juan da Angelita, non digo que fora un home culto. Juan Carballo Martínez, o Juan da Curva, digo que lle gustaba a cultura a rabiar. O fútbol non lle gustaba, pero aínda así asistía a algúns partidos… “polo ambiente”, me confesaba moitas veces; “eses puros, esas caras, eses xestos, eses berros, incluso eses insultos…”.
Pasaba como unha sombra por Madrid
Pero se o Juan da Angelita asoma nesta reportaxe é polo gran detalle que tiña cando viaxaba a Madrid desde o seu Baños de Molgas natal. Ía practicamente todas as pontes ou fins de semana longas que podía. Pero (aí o detalle), non llo dicía a ninguén; a ninguén dos veciños e amigos que vivisen en Madrid, que nos anos 80 eran bastantes. Non sei; o normal dunha persoa era predicar ós catro ventos que acababa de chegar á capital de España, o normal era visitar a todo coñecido habido e por haber. Mais, precisamente, o Juan da Curva quería evitar os típicos desexos: “pásate por aquí”, “vén comer con nós”, “pasa a tomar un café”, “lévalle este paquetiño á familia”, etcétera.

Por que Juan Carballo Martínez quería pasar como unha sombra ou como unha nube polos madriles? Porque (aquí vén o detalle cultural) este amigo meu só se achegaba a Madrid para ver teatro, para asistir a algunha estrea cinematográfica, para visitar museos, para contemplar exposicións, xeralmente de pintura, e para presentarse a calquera outra actividade que puidese impregnar a unha persoa de certa cultura, de certo saber. Se visitaba a alguén, sabía que perdía unha mañá de exposicións ou unha tarde teatral e cinematográfica. Por iso non quería avisar a ninguén. Ou a case ninguén.

Non é por gabanza, pero tiven a gran sorte de que cando era eu o que non ía de ponte ou de fin de semana longa a Baños de Molgas, chamábame para quedar. Por que a min si? El ben sabía que eu estaba só, nunha pensión de mala morte, e porque a min gustábame as mesmas artes culturais que lle gustaban a el. E aínda que non me gustara algo (por descoñecido), apuntábame ó seu bombardeo cultural porque sabía que con el nunca sairía escaldado. Eu sabía que ía beber da súa cultura, dos seus gustos, que eran exquisitos. Eu quería beber do seu saber.

Quedabamos a xantar nun VIP da rúa Fuencarral e, alí, xa planeabamos os pasos a seguir, ese día e os seguintes. Ás veces xa me chamaba el desde Baños de Molgas para que fora sacando as entradas dalgunha obra teatral ou dalgunha estrea cinematográfica. Nunca se me esquecerá na vida as nove horas que nos tiramos nunha cola para ver a exposición de La Venus del espejo, de Velázquez, que chegara ó museo do Prado procedente da National Gallery de Londres. Nove horas!

E falo en pasado, non polos acontecementos que ocorreron no pasado, senón porque el, o Juan da Angelita, xa hai anos que non está con nós, que non está comigo (culturalmente estará sempre). O bicho levouno moi novo, demasiado novo. É desas persoas das que si berro: “non hai dereito!”. Aínda lle quedaban moitas pontes para pasar como unha sombra por Madrid, para beber da cultura. Juan Carballo Martínez, o Juan da Angelita ou o Juan da Curva ou o rapaz que non lle dicía a ninguén que ía a Madrid para que o deixaran empaparse de cultura; un gran tipo.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES