Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A democracia nos partidos politicos

viernes, 10 de noviembre de 2006
As medidas da saúde democrática dun país acostuman a “comprobarse” en dous datos, a saber: a participación cidadá nas diferentes convocatorias políticas, especialmente electorais, e a afiliación aos partidos políticos.

Dado que estamos nunha democracia representativa tamén debía contar a “calidade” democrática no funcionamento dos citados partidos políticos. Efectivamente non acostuma a manexarse moito ese ítem, porque dáse por suposto. Ven ao caso o anterior porque neste tempo asistimos a un debate organizativo no seo do B.N.G (Bloque Nacionalista Galego). Os acontecementos veñen moi relacionados con esta antiga cuestión que imos tratar en dous momentos:
(1) estado xeral da cuestión, e (2) a situación actual.

(1) Estado xeral da cuestión
Estase a teorizar de novo sobre a necesidade de mellorar a calidade democrática e para esto semella que o método é instaurar unha democracia máis participada. Aínda se concreta máis: é preciso instaurar a democracia directa.

Existe e persiste o mito da democracia asemblearia da antiga Atenas, a este tradicional mito é ao que queremos invocar para mellorar a nosa vida democrática. Claro está que este mito, como tódolos mitos, ten moitísimo de fabulación. Así, como detalle sobranceiro, podemos dicir que na “ágora” ateniense tiñan dereito a participar unha mínima parte da poboación, elite / aristocracia da que vivían os “mestres da palabra e tamén do enredo”, é dicir, os mestres sofistas.

Resulta que o gran novo mito moderno: a tecnoloxía podía botarlle unha man á democracia, e purificar a esta “bela” e vella dama das cadeas do elitismo. Este é o gran argumento da democracia directa e tamén a súa gran falacia.

É patente para calquera que se interese por temas políticos, por debates, pola vida dos partidos –se ten uns coñecementos de usuario de computadoras e do seu manexo- pode participar activamente na vida democrática. ¡Endexamais tivemos tantos medios para participar! Este é o gran argumento dos que defendemos a democracia activa e activada: ¡máis democracia, máis e mellor participación!

No enunciado do argumento están as súas debilidades que son precisamente: interese, saber e manexo. Hai moita xente desinteresada polos asuntos da política, dubídase da “competencia xeral” que casi todos temos sobre as decisións dos asuntos públicos, e finalmente o manexo dos medios informáticos non está ligado aos asuntos e debates dos partidos políticos, senón ao “divertimento” e relación persoal. Ante este panorama ¿qué fan as executivas dos partidos?

(2) Situación actual
Retomamos este tema desde a perspectiva das facilidades e retos que plantean “as tecnoloxías da comunicación” cara a unha rehabilitación dunha democracia máis viva, participativa, directa, e incluso asemblearia.
Ante a avalancha da comunicación, a presencia máis viva das “redes”, e as demandas de información as executivas dos partidos políticos intentan manter ao público en xeral, e á súa militancia en particular “conectadas / enganchados”. Podemos observar ese esforzo nos programas nos medios, tamén nas páxinas, chats , blogs..., e -sobre todo- nos intentos dos lideres de “pisar calle”; pero a realidade tamén mostra outra faciana:
O aburrimento sobre temas políticos vese nas cifras crecentes de abstención, o saber de asuntos políticos é ben simple; non imos chegar a falar -ao estilo de G. Sartori- de un homo videns (= persoa que se deixa levar polos mass media), senón de falta de tempo para “afondar” en temas políticos. Do manexo, ou continuo e machacón intento de manipulación, por evidente, non habería máis que mostrala cada día. De maneira que, segundo serios estudios de politólogos, o mellor perfil que atopamos da militancia dos partidos políticos é o de quen sigue as directrices da súa formación política; pero a penas posúe criterios políticos definidos e, moito menos, ben razoados.
A esta situación chegouse, ademais da complexidade social moderna da que é moi difícil ter “saberes amplos”, pola mesma estructuración da democracia en xeral, e da organización dos partidos modernos en particular: a democracia representativa. Por eso, unha minoría -as executivas dos partidos e os grupos parlamentarios- representan e “guían” ao conxunto da súa militancia e “informan” (¿fan propaganda!) ao resto da poboación.
Nesta estructuración dos partidos, sempre atopabamos a alguén do círculo do Bloque Nacionalista Galego quen presentaba como carimbo da súa formación: o seu funcionamento asembleario. Certamente admiraba este -suposto- funcionamento porque equivalía a “ir contra corrente”. Nos últimos meses vemos como esta situación está a debaterse no seo do mesmo bloque de diferentes partidos. A alternativa céntrase en seguir co sistema asembleario, ou optar pola realidade de funcionar coma os outros partidos. ¿Qué opción vencerá? Non queremos ser pitonisos, pero cómpre “mollarse” e opinar (estamos nunha sección de opinión). Creemos que, a pesar das resistencias a calquera cambio, vencerá a alternativa modernizadora, e farao por estas razóns:
* É unha proposta do Consello Nacional.- O peso do poder sempre se nota, en especial se ese poder ten parte no goberno e “uns orzamentos” para xestionar.
* Acapararon a mellor imaxe.- Esta imaxe é a de modernización e achegamento eficaz á realidade do pobo. Eficacia e modernidade son “iconas” difíciles de vencer.
Regueiro Tenreiro, Manuel
Regueiro Tenreiro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES