Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Persecución relixiosa en China (II)

viernes, 15 de abril de 2016
Os Protestantes

Resumindo a información do libro “A condición dos cristiáns no mundo”, e segundo estimacións plausibles, en China hai actualmente entre 50 e 100 millóns de cristiáns evanxélicos que se reúnen en casas ou apartamentos para celebrar o seu culto. Unha auténtica nebulosa que o poder estatal chino non logra controlar. En 1949 había en torno a un millón de protestantes e uns tres millóns de católicos en China. E despois de trinta anos de comunismo de Mao, en 1980 calcúlase que existían, baseándose no crecemento demográfico, uns tres millóns de protestantes; e hoxe son como mínimo máis de 50 millóns, estimando as comunidades oficialmente rexistradas e os miles delas clandestinas.

O punto de partida
A partir dos anos 1980, coa apertura política e reformas do novo líder Deng Xiaoping, a liberdade relixiosa tamén se veu favorecida. Coa mengua da intensa ideoloxía comunista e a emerxencia dun capitalismo especificamente chino, o diñeiro converteuse no novo deus que o pobo venera actualmente. Ó mellorar o nivel de vida e a pesar das grandes diferencias sociais, a sociedade china está buscando novas fontes de sentido. Esta busca espiritual tradúcese nun crecemento masivo da relixión budista e por un gran crecemento numérico do protestantismo evanxélico. Na década de 1990 deuse unha eclosión sen precedentes de igrexas e templos en todo o país, tanto no medio rural como nos grandes centros urbanos de cada provincia. E este apetito espiritual estendeuse progresivamente a todos os estratos sociais: campesiños, artesáns, intelectuais, profesores, empregados, obreiros, estudantes, etc.

Oficialmente, o proselitismo está prohibido; e desde os anos 1950 os cristiáns están obrigados a rexistrarse no “Movemento das tres Autonomías”, un organismo estatal para controlar e cortar os lazos das comunidades cristiás chinas coas igrexas protestantes americanas xulgadas como “imperialistas”. A pesar de todos estes intentos de control, as estimacións máis realistas consideran que hai na China como mínimo uns 50 millóns de protestantes; e que polo menos a metade destes 50 millóns non está rexistrada oficialmente e que vive en ruptura total co sistema de rexistro oficial das relixións. E de aí a gran dificultade do goberno comunista para vixiar esas Comunidades sen existencia oficial e diseminadas en todo o amplo territorio chino.

Unha busca colectiva de valores
A busca insaciable de valores e de autenticidade para moita xuventude está asociada á modernidade e á innovación. As nocións de caridade e xustiza provenientes do cristianismo seducen ós universitarios e ós homes de negocios. Existen “clubs de cristiáns homes de negocios” que os fins de semana alugan un hotel e invitan as autoridades locais e a centos de cristiáns para presentar proxectos que levan a etiqueta de cristiáns, como selo e garantía de honestidade. Permanecerán estes movementos a longo prazo? Hai que ser prudentes. O pasado aínda recente das relixións tradicionais ten consecuencias inesperadas na nova práctica relixiosa actual dos fieis. O chino medio interpreta os textos bíblicos en función dos seus antecedentes relixiosos tradicionais. En toda nova crenza dormen as relixións tradicionais do medio rural. A aparición de novos deuses poden aportar novas cousas boas, pois os chinos son facilmente multe-relixiosos e aceptan aspectos positivos das diversas relixións.

O xornalista que nos transmite esta información dinos textualmente: “no mesmo seo do partido comunista coñezo cadros, soldados, policías e mesmo xenerais que non están nin poden estar rexistrados agora en ningunha Igrexa local, pero son cristiáns sen estar bautizados. Unha vez que se retiren, comprometeranse máis abertamente; pero mentres tanto prefiren manterse seguros”. Esta actitude de sutil prudencia lémbranos a que xa encontramos en diversos textos sobre as conversións ó cristianismo dos diversos banzos militares e estratos sociais do imperio romano.

Tolerancia con control e descontrol
Podemos falar de represión relixiosa contra os protestantes en China? Si e non, dinos o xornalista informante. Os protestantes están baixo vixilancia do Partido comunista e do Estado, como todos os grupos sociais e relixiosos en China. Existe un tácito acordo entre os xefes das comunidades relixiosas e os gobernantes locais para que todo funcione en harmonía. Si non se traspasan determinados límites, hai sempre unha marxe de manobra e tolerancia. Certo que aumentaron os incidentes entre comunidades protestantes e autoridades locais; mais hai que ter en conta que as comunidades creceron excepcionalmente durante os últimos dez anos. Multiplicáronse as “House Cherches”, casas ou apartamentos igrexas, porque non hai bastantes templos para tantos fieis recen incorporados. Os protestantes oficialmente rexistrados teñen uns vinte seminarios, pero necesitan máis, aínda que o réxime comunista cre conter a expansión dos protestantes limitando o número de seminarios. O resultado está sendo a multiplicación dos seminarios subterráneos, ás veces incluso coa aprobación dos poderes locais... porque o diñeiro é capaz de movelo todo.

Desde 1950, desde a China de Mao, non hai ningunha denominación relixiosa oficial; mais na realidade existen numerosas comunidades, abertas ou subterráneas, que están ligadas a igrexas protestantes estranxeiras, como son os baptistas, os presbiterianos, os anglicanos e moitas outras igrexas evanxélicas chegadas dos Estados Unidos, de Taiwán, de Corea do Sur e doutros lugares. A cifra mínima de 50 millóns de protestantes parece ser un cálculo realista, situación que o Partido e o Réxime comunista, ó parecer, xa non logran controlar.

Os estudosos da realidade social de china pregúntanse polo por que ou razón de que as comunidades evanxélicas teñen tanto éxito en todo o territorio chino, crecendo máis que os católicos. Danse varias razóns, mais as fundamentais parecen ser que os protestantes están máis tolerados polo réxime por non ter unha autoridade e obediencia exterior ó país, por ter unha interpretación libre da Biblia, por formar pequenas comunidades independentes entre si que son máis invisibles para o Réxime; e polo tanto máis clandestinas e incontrolables. Todo isto é un reto para o Partido Único e para o Réxime que non están seguros de ganar esta batalla ou xa non ven a necesidade dun control ideolóxico rigoroso.

Noutra pequena achega veremos en conxunto cal é o desafío dos cristiáns ós réximes comunistas e cales poden ser os desenlaces finais a medio e longo prazo. A observación deste fenómeno de coexistencia en varios países é de suma importancia para albiscar un posible futuro de coexistencia pacífica entre crenzas relixiosas e réximes comunistas.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES