Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lembranza agarimosa e dorida dunha gran persoa: Salustiano Pedre Lobeiras

jueves, 14 de abril de 2016
Lembranza agarimosa e dorida dunha gran persoa: Salustiano Pedre Lobeiras Escrita en castelán, en Granada, por Francisco Martínez Sánchez (Pacurri) e vertida ó galego por Xosé Manuel Carballo, unidos no sentimento polo amigo despedido e por un novo traballo en equipo despois de máis de corenta anos. Os dous, compañeiros de curso e os dous membros dun gran equipo de formadores no Seminario de Mondoñedo arredor dos anos setenta.

A morte camiñaba disfrazada só dous pasiños detrás de ti, querido Salustiano. Que sempre camiñaches lixeiro. Só a delataba a dor dos últimos momentos nos días de paixón e, de súpeto, saltouche diante, asustoute e morriches, amigo. Así, o martes de Pascua, desde a miña fe cristiá, puiden escoitar a voz do Rei, sen trono de atronante maxestade, que che dicía, pouco máis ou menos: “Ven, bendito do Pai, porque fuches varón máis ca xusto, xa que á hora de dares pan e auga, de acolleres e visitares, de chorar con quen choraba, non te paraches a calcular dereitos, senón que deches e décheste sen medida…”.

A túa personalidade cristiá foise fraguando, minuto a minuto entre tenruras, no crisol do teu inmenso corazón.

Ti fuches un home de ben que sempre camiñaches dando as costas ós moi merecidos honores. Sempre imbuído dun profundo respecto á alteridade das nosas xentes, inclinado reverente ante o sacrosanto sacramento da rica e irrepetible identidade de cada fillo de Deus.

Comezaches a aprender a venerar este misterio no seo da túa familia, sinxela pero ben vertebrada polo amor, en terras de Couzadoiro anainado por un clima de agarimosas afectividades e de profundas crenzas.

Logo, pasaches deixando un ronsel de brillante académico polo Seminario de Mondoñedo e pola Escola de Maxisterio da Coruña. A túa entrega pastoral no Viveiró, en Caranza de Ferrol, en Cariño e ultimamente na parroquia coruñesa de san Nicolás deu, dá e seguirán dando por moitas primaveras máis froitos saborosos.

O teu labor docente, de mestre, sobrepasa con moito as estreitas lindes das aulas.
Todo fala dun pasado de respecto e de nobreza, sinxeleza, xenerosidade a mans cheas, talento e tesón! Pegadas que marcaron un camiño, no que sempre trataches de situarte á beira coma quen non está; pero así, caladiñamente, a min aleccionáchesme moito. Fuches tamén meu mestre.

Moitas veces, amigo, brindáchesme o gozo de entrar na túa intimidade, onde puiden encontrarme co “Lucho” sempre comprometido en abrir futuro no delicado mundo da amizade, onde te revelaches digno activista da máis auténtica e respectuosa pedagoxía. Ben o souberon descubrir os teus alumnos “oficiais”. Non oficiais fomos todos os que te tratamos. Non hai máis ca repasar as “cousas” que dixeron de ti e che dixeron a ti a través de facebook: “Fantástico profesor, e mellor persoa… Sempre disposto a dar a man…Presentouse ante nós como mestre, pero nós quixémolo coma se fose uno máis de nosoutros… Foi especial por ser alguén sen igual… Cariño chora, somos máis orfos neste día…”

O teu espírito dinámico foi a fonte desa enerxía admirable que alimentaches entre terra, mar e ceo, simbiose que configurou a túa vida. E todo isto unido á túa radical consagración a Xesús de Nazaré, o Cristo, como referente supremo das túas ansias de liberdade. Ese rico tecido interior facía de ti, Salustiano, unha persoa profundamente enraizada no mundo e ó mesmo tempo case monástica.

Durante anos fuches copartícipe nas tarefas sociais e pastorais de Cariño. Todo un reto á túa incansable vocación educativa. Recordo a inmensa sensibilidade de que dabas mostras ante as campañas de axuda a Guatemala, ó pobo saharaui, a Rumanía, a Mans Unidas… Recordo os cursos de formación para mulleres, as colonias de verán para os nenos, a Escola de Catequistas, o movemento xuvenil Nordeste, as xuntanzas de reflexión con motivo do Concilio Pastoral de Galicia… Recordo a túa incuestionable axuda, como impulsor da conquista do Instituto, da Asociación de Veciños, da segregación municipal…

Fuches parte da miña cabeza, das miñas mans, dos meus pés e do meu corazón, concienciando ó pobo do seu propio destino. E fuches unha desas voces imprescindiblemente impaciente e loitadora que me animaba a seguir adiante a pesar dalgún que outro atranco que nunca faltan a quen quere renovar ou inicial algo novo.

Sumido na dor pola túa ausencia inesperada, a miña reflexión vai máis aló do horizonte que nos separa e fago meus os versos de Khalil Gibran: Non é a miña presa como a do vento, pero debo partir... O río chegou ó mar, e unha vez máis o gran mar apertará ó seu fillo contra o peito… E mentres eu … Sufrín inmensamente a aurora da túa morte…

Acórdate, Lucho, da miña finitude e permíteme un brinde silencioso nese infinito regazo onde me agardas para seguir gozando da nosa vella amizade. Graciñas por todo. Non te poderei esquecer nunca. Sería una imperdoable deslealdade.

(Algún dato biográfico de Pacurri:)

Francisco Martínez Sánchez, coñecido tamén por ‘Pacurri’, ingresou con 11 anos no seminario de Mondoñedo o 1955. Estudou en Mondoñedo, Madrid e Lyon. Despois duns anos como formador no Seminario foi cura de Cariño e logo, camiñando por outros vieiros, dedicouse á pedagoxía, materia na que é doutor pola Universidade de Granada onde reside. Entre outras cousas é poeta e segue dando mostras de, como el di, padecer alerxia á intolerancia e confesar en todo momento a súa adicción a Xesús de Nazaré.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES