Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Saúde, República! (I)

jueves, 14 de abril de 2016
O 14 de abril celebramos ou simplemente lembramos o 85º cabodano do nacemento da Segunda República. Foi un dos acontecementos históricos que sucedeu en España, celebrado con máis esplendor, alegría e esperanza en todos os pobos, sobre todo entre os pobres, campesiños, clase traballadora, intelectuais, un número para ter en conta de clérigos e tamén, non se espanten,de algún bispo.

Para coñecermos a nosa historia da República e da guerra civil, que acabou con ela, non hai máis remedio que ir ás fontes.

Primeiro, as escritas e documentais, non polos vencedores, senon polos historiadores e investigadores que sacaron dos fondos, escondidos largo tempo, a verdade.

Segundo, as testemuñas de xente que aínda vive, tanto tempo agachadas no silencio e esquecemento forzoso, e que nestes tempos, demasiado tarde xa, que rachou ese silencio, rompeu o medo e falou e aínda sigue a falar, como libros vivos, só é necesario estar a escoita desta xente que na longa noite de pedra tanto sufriu; como exemplo desta segunda fonte poño estes dous libros: Os anos do medo e Un cesto de mazás, que acabo de ler.

Terceiro, a outra fonte é a dos antropólogos que descobren con moito coidadiño e veneración os restos das vítimas que aínda xacen en lugares ignotos debaixo da terra nos montes, cunetas e á beira, fóra, dos cemiterios; e aquí poño como exemplo a equipa de Ponferrada, que hai pouco tempo ven de recibir unha boa axuda dunha persoa do estranxeiro, do contrario tería que pechar a labor, pois xa sabemos que este Goberno en funcións non funcionou nin estaba por esas, e tamén outro exemplo é o de Darío Rivas, que despois de desenterrar á seu pai, vítima do franquismo, retornou para Bos Aires, a súa segunda patria, para denunciar os crimes de lesa humanidade na Querella Argentina, pois aquí non lle admitiron facelo .

A Memoria Histórica ten en conta o consello de Xosé Manuel Carballo, pois non se trata de “levantar a terra e botarlla enriba aos outros”. Non, non se trata pois de vinganza , trátase de dignidade e xustiza para tantas persoas asoballadas.

Todo isto ven ao caso de que aínda hai unha crenza bastante xeneralizada, e non sen razón, pois os suxeitos desa crenza foron, ou fomos,aprendidos por activa e por pasiva durante tantos anos, de que a culpa de todos os crimes e da guerra civil tívoa a II República.

E xa que nestes intres están a tratar o tema da Monarquía ou República nos plenos municipais de Ferrol e Narón con distintos resultados, a desaprobación do primeiro e a aprobación do segundo, non cabe dúbida de que a Monarquía actual está baseada nos principios fundamentais do réxime franquista, máis ben fascista, que a transición non fixo máis que ratificar a súa herdanza e coa aprobación referendada; despois dunha ditadura tan longa, xa nos parecía que gozar da democracia era estarmos na gloria. “Que outra cousa –din os pais desa democracia- se podía facer?”.Ben sabemos que a transición exemplar non deixou de ser un amaño para que o franquismo seguira .

Mais chegou a Lei da Memoria Histórica do 2007, que aínda que resultou ben raquítica na práctica, e esquecida polo goberno actual, condena, emporiso, o franquismo, facendo súa a condena da Asemblea Parlamentar do Consello de Europa (PACE) (17 de marzo de 2006) que así mesmo condena con firmeza as múltiples e graves violacións dos Dereitos Humanos cometidos en España polo réxime franquista de 1939 a 1975.

No art. 8 esta Asemblea pide ao Comité de Ministros: “que proclame unha declaración oficial de condena internacional do réxime de Franco e declara a data do 18 de xullo de 2006 como Día oficial de condena do réxime de Franco no 70 cabodano do golpe de Estado e do comezo da guerra civil”. Mesmo parece que se trata de un arrepentimento por aquela hipócrita actitude de “non intervención” de Francia e Gran Bretaña. Pois deixaran sen apoio á República Española en 1936.

Polo tanto, pregunto, non é para repensar que institucións saídas do franquismo, réxime fascista, entre elas a monarquía, teñan que pasar pola criba de que “o pobo é quen ordena”? Sabemos que son estes momentos problemáticos do paro, das eleccións..., mais o pensar non ocupa lugar, e que non se pode ter medo a que veña o pobo a tomar decisións.

Está claro que se o franquismo, que exterminou a República polo golpe inxusto e criminal de Estado e pola guerra civil que inventaron eles, foi condenado legalmente, é ben certo que a quen non lle pertence decidir o relevo do novo réxime non é ao amaño que tiña xa feito o ditador condenado.

Non sei se me estou pasando ou se a miña exposición leva ben os fíos da argumentación e as conclusións. De todas formas queda outra segunda parte, sen ánimo de cansar ao respectable.
Ferreiro Currás, Anxo
Ferreiro Currás, Anxo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES