Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A sede branca

sábado, 09 de abril de 2016
A primeira vez que lin a Ismael Ramos acababa de facer dezaseis anos. A sede brancaEstudaba entón no IES Virxe do Mar de Noia e presentara uns seus textos a concurso. O resultado foi que acabou sendo distinguido nos Premios Minerva daquel ano tanto na modalidade de narrativa coma na de poesía. Corría o mes de abril de 2010 e eu xa tiña claro que alí había unha voz que cumpriría seguir con atención.

Nas convocatorias do 2011 e 2012 Ramos volveu ver recoñecido o seu talento con novos Premios Minerva e, polo camiño, souben que tamén o galardoaran no Ánxel Casal e no Francisco Añón. Mais aínda, por volta do 2013 eu mesmo axudei a premialo outra volta no Certame Literario de Ames.

Paralelamente, vin como remataba o instituto e comezaba a estudar Filoloxía Galega, como principiaba a enviar colaboracións a Dorna, Grial ou Luzes, obtiña o Xuventude Crea de Poesía e como era antologado en escolmas de novísimos, poño por caso a Antoloxía de referencia que prepararon Xavier Lama e Branca Novoneyra para a Editorial Bubela.

Todo este tempo agardei pola chegada do primeiro libro de Ismael A sede brancaRamos de distribución comercial. A espera deu froito: Xerais acaba de tirar do prelo Os fillos da fame, poemario co que o poeta nacido en Mazaricos gañou hai uns meses o Premio de Poesía Johán Carballeira do Concello de Bueu.

Ramos foi depurando a escrita neste último lustro ata atopar unha modulación que adeprendeu dos timbres tanto galegos coma foráneos. Léndoo un deixa aloumiñar o ouvido coas citas e homenaxes a grandes de noso como Celso Emilio Ferreiro, Xohana Torres ou Xosé Luís Méndez Ferrín, tamén a outras voces como Chus Pato, Ana Romaní ou María do Cebreiro. Mais tamén pairan sobre dos seus versos os imaxinarios de poetas neoiorquinos como John Ashbery ou Louise Glück e doutros escritores británicos como Philip Larkin ou Virginia Woolf.

Os fillos da fame é un libro sobre a familia, tamén sobre a fame, literal e espiritual. Sobre as feridas, sobre as derrotas e os baleiros. Sobre as praias, as resacas e as marés que deixan as crebas da orfandade. Sobre as mulleres que temen a soidade e os nenos de soños avesos. Sobre os bares decadentes e a prohibición de enfermar. Sobre o amor e a viuvez. Sobre o frío que fende as cidades e engurra os corazóns. Sobre o sangue e os rapaces da montaña. Sobre a casa e os seus cuartos sen fillos. E sobre o mar, o azul que non se pode negar, a ribeira que acompaña as medras.

Nestas páxinas hai unha vontade firme de habitar o territorio do eu que se foi configurando no paso da infancia-adolescencia á etapa adulta, precísase facer reconto do camiño andado, determinar o corpo, a vergonza, e saber qué fume enche o sangue, onde a potencia do cereal na boca dos peixes.

A estética de Ramos pobóase de gaiolas de paxaros, areais, leóns e templos en ruínas de deuses idos, da complexa figura do pai, das feridas múltiples, de vísceras e plumas, de fames e infames, de mortes que deben ter un lugar porque o mar é frío de máis, de mares e ultramares, de pantasmas e anulación da linguaxe.

Sólida publicación esta de Ismael Ramos en Os fillos da fame, que se acompaña na contracuberta dun texto de convite de lectura asinado por Carlos Maquieira e adorna a súa tapa cunha redeira e granítica ilustración de Ana Teresa Barboza. Seguiremos atentos ao que virá. Entre tanto, fillos da palabra, saciemos a fame nestes versos que nos lembran que o amor é o mar e que hai sedes tan brancas como a dos homes no medio do océano.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES