Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Juguetes para niños ciegos

viernes, 08 de abril de 2016
Pra falar do por agora último libro de Luz Darriba, empezo con palabras que dixen hai corenta meses… E aínda que non quero nin poido presumir de ver a distancia no futuro, válenme para entrar en materia con Luz e o seu libro “Juguetes para niños ciegos”.

Era novembro de 2012, e en Lugo (Sargadelos) e na Casa Habanera de Guitiriz, presentábamos “Toda la gente errante” de Luz Darriba…e eu decíalle a Luz que aquel libro seu, “o primeiro, sobre a xente que camiña buscando e buscándose será a túa tarxeta de presentación máis humana, máis sincera…” e concluía afirmando: “Esto, ata o próximo libro, que agora que vas ser avóa vai entrar en funcionamento outro mecanismo de sensibilidade creativa que te vai facer temible. O próximo libro, prognostico, vai ser tremendo. Aínda que este sexa difícil de superar”.

Como era de esperar, o novo libro de Luz é tremendo. Nun primeiro momento creo que lle dixen que era “arrepìante”. Foi o primeiro calificativo que se me veu á mente, e non sei se son xusto ao xulgalo así, pero definir cunha soa palabra a este libro “luminoso”, resúltame moi difícil por inabarcable, como inabarcable é a figura, o talento e a obra de Luz Darriba.

Cando falamos de Luz, como nos gusta expresar nun concepto o ser e o facer dunha persoa, decimos que é “artista multidisciplinar”, o que quere dicir que é artista en múltiples facetas, artista en todo. E é verdade.

Para que Luz chegara a Lugo tivo que haber unha conxunción astral (mellor “social”) moi especial e prolongada, que a fixo nacer en Montevideo duns país que escapaban da dictadura franquista, pasar pola difícil Arxentina onde medrou en cultura e en arte, e volver a España cando este país volveu ser habitable para as xentes libres que precisan voar.

E Luz en Lugo resultou como un lóstrego polo impacto luminoso, como unha aurora boreal, como un facho aceso para abrir camiños inmateriais que nin siquiera sabíamos que existían.

Recentemente estiven folleando outro libro de Luz Darriba, publicado en 2005, titulado “Amurallando soños”, no que se resume literaria e gráficamente aquela obra de xigantes que foi rodear de libros os 2.150 metros da muralla de Lugo. Foi unha toleada rodear a muralla de libros. Fai falta estar moi tola (artísticamente falando) para plantear algo así. E fai falla estar moi corda –chámeselle realista, pragmática, imaxinativa, traballadora- para conseguilo. Conseguiuno. E fixo historia.

Magoa que estamos no tempo en que estamos… Porque a Luz tiñan que estala disputando as diversas administracións que teñen que ver coa cultura para facer arte con maiúsculas, para revolucionar espazos e celebracións, para que Lugo fose unha explosión de arte… pero son malos tempos para a lírica. E para a épica. E para a dramática. Son malos tempos para a creación. E aínda así esta muller sempre está a flote, sempre abríndonos os ollos a novos eidos da imaxinación, contaxiándonos, facéndonos partícipes dan súa revolución artística.

E despois de navegar polos infinitos mares da plástica, deulle por adentrarse en terreos literarios aínda que só fose para demostrar que os camiños da arte son innumerables, e que o artista para iso utiliza o universal poder da intelixencia.

“Juguetes para niños ciegos”, este tremendo libro de Luz Darriba, é unha historia humana que fala de pobreza, de soidade, de ilusión, dun tempo escuro que nos parece xa inexistente, porque cada vez estamos máis lonxe do que ocorre de verdade nas inmediacións das nosas vidas… Como se os espellismos de progreso, de benestar, de mellora, de evolución nos fosen alonxando daquel mundo triste que algunha vez nos envolveu, vivimos ou entrevimos de lonxe, e nos arredara de realidades incómodas…

A socieddade creou a imaxe do chamado “lazarillo”, para representar ao acompañante dun cego, ao que lle presta os ollos para poder moverse polo mundo. E o máis coñecido dos compañeiros de cegos é sen dúbida Lázaro, o que –coas súas confesións- pasou á historia como “El Lazarillo de Tormes”. E que polas peripecias vividas, pola fame e polas penurias, polas argucias e por sobrevivir, deulle aos “lazarillos” unha imaxe de vividores, de pícaros… a fin de contas desta historia arranca a chamada “novela picaresca”.

Pero “Juguetes para niños ciegos” non é unha novela picaresca. É unha novela que reflicte un tempo e un país… En Galicia ou en calquera outro lugar. Un pobo pequeno ou unha aldea grande, na que aínda existen vencedores e vencidos, na que os vencidos son pobres e os vencedores beneficiados pola fortuna, na que un neno cego pode recibir como agasallo un neno acompañante e desde entón conformarse unha nova unidade de dous para vivir unha existencia regalada, na que unha simbiose total vai facendo evoluir a vida dos dous protagonistas… ¿Ou xa é un só o protagonista?

Quizais considerar “novela picaresca” as confesións personais de Lazaro –Lazarillo- de Tormes é quedarse curto, ou botar unha ollada moi superficial a esta creación literaria de hai cinco séculos… porque mirando un pouco máis adentro resulta que un atopa unha moi fonda ironía e fortísima crítica da sociedade daquel tempo, dos vicios e hipocrisías, especialmente dos máis chamados a dar exemplo público, polo que a Inquisición considerouna “agresiva” para os seus intereses, dispuxo que non era conveniente a súa difusión e prohibiuna.

A novela de Luz Darriba, como o Lazarillo, ten máis dunha lectura. E se só ten unha, quere dicir que non é posible leela dun xeito superficial, ou ter unha visión superficial da situación, senón que o lector resulta abducido – non sei se é a palabra adecuada, pero entendo que ese é o resultado- pola novela, polo relato, polo camiño que segue o lector, paso a paso, na vida de dous rapaces, na vida complexa en común, nos ramalazos de resistencia individual, na confluencia de dous sentimentos unidos para sempre. No lecer e na traxedia. Porque unha cita fálanos da “recompensa de los siervos leales: ven a formar parte del gozo de tu Señor”. Ese sería o lecer. Pero tamén a conclusión deste noso “lazarillo” é lapidaria: “Contigo nunca he sabido quien soy. Contigo no soy nada”.

Hai numerosas citas de Mateo, Pedro, Timoteo… todas transcendentes, espirituais, como chamando á meditación sublime antes de comezar a narración humana… como querendo mirar desde máis lonxe, máis en profundidade, o que acontece; dándolle transcendencia lonxana á aparente cotidianeidade, mesmo vulgaridade dos acontecementos de cada dia.

O papel protagonista correspóndelle por aparente definición a un neno cego, quedando reservado un papel secundario para quen vai ser o seu axudante, a muleta na que apoiarse para camiñar polo mundo. E sen embargo eses papeis desenvólvense e complícanse, e trastócanse, e confúndense… e confórmase un só protagonista conxunto, resultado da dependencia mutua… dependencia física e anímica, de portas que se abren para acceder a mundos novos para un e para outro dos rapaces que viven dentro desta novela.

Camiñar dentro desta novela pode resultar doloroso para persoas extremadamente sensibles, pero tamén reconfortante para os que queiran saber como era o mundo que coidamos ter abandonado para sempre. E a situación complícase, explícase… pero non de todo. E entra en xogo a intuición, a imaxinación, que permite ver máis fondamente do que un ao principio vislumbraba.

Sempre teño a tentación de comparar con outros libros que me impactaron.,. e a sensación que tiven ao rematar a lectura destes “Juguetes” resultou tan dura e realista como “Las ratas” de Miguel Delibes, ou como “La familia de Pascual Duarte” de Camilo José Cela. Pero non precisa Luz de comparacións para que o seu traballo destaque, para que esta obra brille como un astro de primeira magnitude.

Para os que xa a leeron, estean ou non de acordo co que digo, é intelixible o que planteo. Para os que non a leron, agardo que os anime a entrar nesta non picaresca novela, e se deixen conducir por unha prosa fluída, clara, fonda… que me fixo recordar –extraña asociación de ideas- unha sección que había na vella revista de humor “La Codorniz” que se titulaba “tiemble después de haber reído”.

Pero non é para rirse –en ningún momento- o contido do libro, non. A dureza da situación está presente desde o comezo. Pero aínda que a lectura vaia predispoñendo ao lector, polo “crescendo” das situacións, non poderá evitar que ao final un escalofrío recorra a súa espiña dorsal, sabedor ao fin de verdades difíciles de asumir.

Insisto, para rematar, no que dixen da primeira novela de Luz Darriba naquel novembro de 2012… "eu quero expresarlle a miña felicitación, o meu ánimo, e un chisquiño de envexa – permíteme alomenos un chisquiño- porque xa me gustaría saber escribir historias así".
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania