Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O home que marchara segar o pan

martes, 05 de abril de 2016
Castellanos de Castilla, / tratade ben ós galegos; / cando van, van como rosas; / cando vén, vén como negros. Os versos da gran Rosalía de Castro quedaron curtos con respecto á vida de Cesáreo Pérez, o home, ou mellor dito, o rapaz que marchou á seitura para Castela, e non volveu como negro… volveu morto. É certo que a súa morte non se produciu por culpa dunha fouce, dun golpe de calor, do traballo, nin tan sequera por un roubo ou por vinganza. A súa morte pódese dicir que se produciu por alegría.
O home que marchara segar o pan
Ironías da vida. Non o mataron en ningunha batalla da Guerra Civil Española e si o matou a felicidade pola conclusión da mesma, da contenda que dividiu a España en dúas. Porque Cesáreo Pérez, e a pesar de deixar na súa aldea de Ramiras un bebé dun ano, marchou á seitura, coma calquera fillo de veciño por aqueles anos, sendo aínda un cativo, pouco máis que un rapazolo.

Ó pouco de chegar a Castela, no continente africano, o xeneral Francisco Franco dixo “aquí estou eu”, e choutou o charco ata España para iniciar unha masacre entre irmáns. A contenda pillou a Cesáreo nas terras secas de Castela e substituíu, tivo que substituír á forza a fouce polo fusil.

Coma calquera soldado dispararía e dispararíanlle. Non temos noticia de que matara a alguén. Pasaría os seus medos (seguro!) e as súas miserias (segurísimo!), pero finalizou a guerra enteiriño e, imaxino, cos típicos soños de amargura, desconsolo e ignorancia. A aquelas idades, naqueles anos, con practicamente media España analfabeta, que sabían eles por que se loitaba, e o que era peor, por que se loitaba contra veciños, contra familias, incluso contra irmáns de sangue, polo mero feito de estar uns nun bando e os outros no outro. Pero Cesáreo loitou coma os demais… e librou. Marchara da casa feito unha rosa e volvía de Castela negro pero contento… ata un pobo de Salamanca.

Debido a que as viaxes eran longas, na distancia e no tempo, e a sede moita, meteuse nun bar cuns cantos compañeiros para aliviar esa gorxa seca que o sol castelán, a calor castelá queimaba a cada segundo que pasaba. Entre a ansiedade da sede e a alegría da fin da guerra, e sendo aínda mozos como eran, non optaron por sentarse a unha mesa ou incluso acomodarse no mostrador, senón que, quen máis quen menos, iniciou unha pequena troula na que as cadeiras movíanse, as mesas tremían e as patadas dos xoves soldados repartían estopa ó aire. Cesáreo viu nun recanto algo así coma uns cartóns que non sabía moi ben qué tapaban. Era igual. Non é o mesmo darlle unha patada a unha parede que a uns cartóns medio amoreados.

O soldado de Ramiras, o mozo que tan só marchara á seitura para ganar o xornal que nunca ganaría na súa casa, na súa aldea, lanzou a patada con toda a alegría posta na súa bota, con toda a alegría pola conclusión dun inferno, que, a ese ritmo da foliada, axiña sería un simple recordo, quizais moi amargo, pero recordo tan só.

O estrondo, o estoupido lanzou os versos de Rosalía de Castro ó recanto do seu libro Cantares Gallegos. Porque desde aquel momento, Cesáreo Pérez non volveu a Galicia coma un negro, senón coma un morto. A bomba, o artefacto que estaba acochado entre os cartóns segou de súpeto a vida do veciño da parroquia de Macendo. El, que tan só marchara segar o pan, que tan só marchara á seitura…
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES