Arxentáreo Señor Bono
Otero Canto, Xosé - martes, 05 de abril de 2016
Entramos na casa do Señor Bono a traveé dos técnicos das cámaras de TV La Sexta Noche e vemos o señor bonus-a-um cunha larga chilina ou trapo enrodelado ao pescozo para sacar o frío tan só do embigo, mais non o das éngoas: trapo que ao parecer é signo ou sinal de prestancia, necesario para todo aquel que queira gobernarnos.
O Señor Bono non quere que a xente se descamise, aínda que noutrora ao seu partido chamóuselle o dos descamisados, título que hoxe tan só rexentan os de Podemos.
Se a casa que eu vin é a do Señor Bono, tal e como dicían, o primeiro que nos ocorre é que quedamos sorprendidos pola inxente cantidade de prata que soporta ese edificio, prata na mesa, prata na vitrina, prata no comedor. . . Contei ata dezaseis caixas de prata enriba dunha única mesa, cafeteiras de prata, almofías de prata, cuncas de prata, argalladas de prata e. . . pratos de prata.
O Señor Bono terá algo de arxentino e por iso lle gusta a prata, arxenta pagada dos seus cartiños, arxenta mercada e supoñemos que tamén a arxenta dalgún agasallo. Hai que ver a súa afección pola prata!
Vaia imaxe a dun home que convence como prata, que escintila nos seus ollos e ata o cámara oficiante con sabedoría- faille lampexos de luz neses ollos redondos coa refulxente prata. Non me estraña que ao Señor Bono lle gusten as gravatas, señor arxentífero que arxenta tan ben as palabras, tan só lle falta algún dente de prata, aínda que non sei se nalgunha ocasion poida poñer xemelgos de prata e reloxo e pasador de prata para a gravata da que é adicto, e . . . chamaríate á orde se non a levases.
Canta prata! Nótase que PODEMOS aínda que deoste decontino contra os que levan o nome do poder anque a maioría non poidan como el pode.
Señor Bono, non só de prata viven os ollos, poña tamén algún libriño enriba da mesa por aquilo do que dirán.
O seu sempre afectísimo, Xosé Otero Canto.

Otero Canto, Xosé
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora