Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Vou dicir o que penso

martes, 05 de abril de 2016
Non é que habitualmente non o faga cando me poño a escribir esta columna. Nin moito menos. Non é tan difícil. Con só tentar ser un pouco honesto con un mesmo, está máis de medio camiño andado. E se un ve que ó querer dicir o que pensa pode facerlle a alguén algún dano, con estar calado ten todo feito. Non hai moitas máis fórmulas para manter unha coherencia intelectual básica no exercicio da escritura. Ou, polo menos, iso é o que -nunca mellor dito- eu penso.

Pero isto non vai dunha reflexión intimista e de análise de principios fronte a escritura periódica dunha columna xornalística. Non. Vai de algo moito máis prosaico e que estou seguro de que o ha de aburrir moito menos, xa que está moi ligado a esa actualidade política que estas últimas semanas está chea de encontros transcendentes, de sucesos transcendentes e mesmo de anuncios de declaracións transcendentes, coma a que seica hoxe desvelará o actual presidente da Xunta respecto do seu futuro persoal e ó mesmo tempo político, polo tanto.

Por iso non é que hoxe vaia dicir dun xeito excepcional o que penso. Senón que o que vou dicir é o que agora mesmo penso respecto do dilema "feijooniano", denantes de que suceda.

E o que penso -esbozado hai uns días nestes mesmo espazo- é o seguinte: Sinceramente creo que ese eu emocional que todos levamos dentro e que a el tamén o acompaña a cotío coma unha sombra, pídelle un xiro. Pídelle, por exemplo, explorar novos vieiros profesionais alén dos focos mediáticos e dos lentes fotográficos do día a día institucional e público. Incluso me dá a min -e vaia por diante que non pasa de ser, iso que chamamos intuición, o que me avala- que tamén lle debe estar pedindo dende hai tempo, novos aires, novas latitudes e novas xentes.

Sen embargo, o outro eu racional, relativista e descrido que o define pola outra beira, débelle estar amosando cada noite, nesa pasarela sutilmente iluminada que todos temos a un metro da almofada, o candado e a cadea que o manteñen preso polas circunstancias, por esas cabronas circunstancias do momento que non só o teñen engaiolado, senón que lle impiden poder iniciar o voo sobre horizontes alleos.

E é que a vida pode ser así de paradóxica e puñeteira. Pois xusto cando, despois de considerar ter feito os deberes "cum laudem" contra vento e marea, hoxe podería chegar á súa parroquia e pronunciar un discurso titulado "Aí vos queda!, resulta que a súa xestión favorable -agora incluso avalada polo Ministerio de Facenda- e o máis favorable aínda panorama político galego totalmente descabezado de referentes que hoxe por hoxe lle poidan facer sombra, resulta -repito- que lle van impedir pronunciar un contundente "marcho!" e substituílo por un resignado "quedo!"
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES