Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Rozas (III): Un referente do mundo incluída Cataluña

jueves, 31 de marzo de 2016
Rozas (III): Un referente do mundo includa Catalua Seguindo unha voltiña máis cos recentes proxectos sobre o aeródromo de Rozas, tivemos ocasión de ler e de escoitar que, de momento, vanse investir en Rozas, ou quizabes mellor, con motivo dos proxectos de Rozas, uns 115 millóns de euros pra fabricar drons, helicópteros e avións sen piloto a bordo e non sei cantas cousas máis.

Ata o ano 2002 en que entrou o euro o investimento, falando en pesetas, sería de 19.134.390.000. Só de poñerme a pensalo pégame o mareo e se sigo matinando dez minutos máis acabo sen sentido.

Di o Señor Presidente da Xunta que Rozas vai ser un referente en España, (supoño que incluída Cataluña), en Europa, e aínda no estranxeiro de máis aló de Cataluña e de Europa.

Din outros altos cargos, ou sexa: outros con cargos altos, que se crearán 600 postos de traballo directos e indirectos. Dá que pensar, eh? Hai homes ben listísimos, nin 599, nin 601. Iso si que é precisión e puntería, sobre todo se nos referimos ós postos de traballo indirectos.

E tamén dixo o Señor Conselleiro de Economía, Industria e Traballo, que un dos efectos desta gran inversión, a meirande da Xunta en Lugo e nos seus arredores, será asentar poboación. Fíxate! Fíxate!

O que non dixo o Conselleiro é onde a vai asentar. Habería que entender que no rural, que parece que é onde se di desde tempo inmemorial que hai que fixala para frear o galopante despoboamento. Ben se ve como a fixan desde as administracións, abonda con mirar o trato que se está dando a gandeiros e labregos tamén desde tempo inmemorial. Señor Conselleiro, pensan urbanizar e facer vivendas por alí polo monte próximo ou refírese só ós que asenten nalgún restaurante do Concello pra xantar ou na Feira de Castro pra comer o pulpo os mércores?

Vexo que hai movición no grupo socialista da Corporación Municipal de Castro de Rei pra pedir que se pida que asenten industrias no Polígono industrial de Castro de Ribeiras de Lea e paréceme ben, a falta de que haxa tamén un poligoniño na vila de Castro de Rei. Pero parece que calquera día destes ata se desasentará a Casa Consistorial e será trasladada a Castro de Ribeiras do Lea para non ter que seguir recibindo personalidades no noso particular Guggenheim tamén coñecido como Casa da Cultura, obra mestra dun arquitecto de excepción que naceu por aquí, pero non é de aquí, e non obstante deixou por aquí cantidade de obras públicas a medio rematar sen que ninguén lle pedise contas. Así calquera!

Os terreos sobre os que se construíu o aeródromo, coñecidos daquela como da Gándara ou Granda da Abelleira, pertencían a catro parroquias deste Concello: Duancos, Duarría, Loentia e Mondrid e tiñan unha cualificación como de monte patrimonial de aproveito comunal gratuíto. A superficie expropiada foi de 27.587 metros cadrados, (beiras de 14 fanegas), polas que o Exército do Aire pagou ó Concello de Castro de Rei, anos despois de ocupada, 317.255 pesetas. Descoñezo a parte desa cantidade que foi repartida entre os 38 veciños das citadas parroquias que figuran na relación de afectados, ou se foi repartida integramente.

Coñecidos estes datos, a pregunta que me ven á cabeza é de quen son agora os terreos á conta dos que se vai facer unha inversión tan grandísima? Se xa non están destinados ós fins bélicos pra os que foron expropiados, en quen reverxeron?

Se a Xunta anda polo medio poñendo setenta millóns de euros ou máis neste proxecto, será porque algo tén que ver co territorio onde se asenta iso que vai chamar a atención do mundo mundial. E se a Xunta tén algo que ver, que pinta o Concello de Castro de Rei, ou só está pra que apareza o seu nome de vez en cando en letra pequeniña? Non tería dereito a algunha foto máis nos medios de comunicación no mesmo plano ca outras autoridades o Alcalde deste Concello? E, se pinta algo o Concello dentro do que están as lindes das terras nas que asentarán esas tan punteiras industrias, non tería dereito a ser compensado economicamente dalgún xeito? E, se tivese dereito a ser compensado polo menos na proporción que pagan por deixar plantar eólicos nos penedos dalgunha tenza de monte improdutivo, non deberían ser resarcidos os veciños das parroquias ás que lles foron expropiadas as case 14 fanegas de monte produtivo, ou é que non tiña razón Castelao cando dixo que os nosos montes son os nosos bancos? Non espero respostas inmediatas. E, se alguén me acusa de demasiado interesado ou de querer poñer o carro antes ca os bois, que me explique, se sabe, se as multinacionais Inaer e Indra veñen recaer a Rozas pola súa comenencia ou pola dos parroquianos. Aínda non souben de ningunha multinacional que faga caridades nada máis ca pra desgravar; pero recoñezo que aínda me falta moito por saber.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES