Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ars dedicandi: Antonio Noriega Varela

martes, 29 de marzo de 2016
Ás 19:00h. do 27 de marzo de 1947 morría no seu domicilio da rúa Pardiñas en Viveiro o poeta Antonio Noriega Varela. Deixaba tras de si unha intensa vida e unha importante obra, principalmente etnográfica e, sobre todo, poética.Ars dedicandi: Antonio Noriega Varela
Como vate, Noriega foi autor dun único libro que foi facendo medrar ao longo dos anos e que, polo camiño, mesmo variou de nome. A primeira edición chamouna Montañesas e publicouna en 1904. Volveu facelo, co mesmo título, en 1910. Logo viñeron dúas versións case idénticas de 1920, unha edición posterior de 1929 e, finalmente, a testamentaria de 1946, poucos meses antes do pasamento.

A dedicatoria que aquí se recupera estampouse nun deses volumes de 1920. Sucede que existen dúas versións da mesma obra, que comparten tripa, pero que se diferencian polas cubertas. Unha delas presenta unha ilustración de tapa realizada por Castelao que representa unha paisaxe nevada na que destaca, en primeiro plano, un cruceiro alumado por un farol. A outra, de tons alaranxados, reproduce unha escena costumista na que semella haber unha esmoleira a canda un cativo ao pé dunha igrexa. Tamén se diferencian por reproducir unha a canda o título o nome completo ‘Antón Noriega Varela’ e indicar outra, sucintamente, ‘Por Noriega Varela’, feito que ten a súa explicación e que daría para outro post.

O ars dedicandi reproducido obra nun exemplar con esta última cuberta. Ars dedicandi: Antonio Noriega Varela O dedicatario é o escritor e académico Antonio Couceiro Freijomil, quen foi durante moitos anos Inspector de Educación, de aí as alusións de Noriega Varela, mestre de profesión, a este como ‘xefe’.

A dedicatoria está asinada en Trasalba o 6 de febreiro de 1922, a onde Noriega foi destinado como docente en 1913, localidade na que permaneceu ata 1926. Alí profundou na amizade cos de Nós, especialmente con Otero Pedrayo, con casa forte naqueles eidos, o que explica que fosen estes os que, como reza o colofón, imprimisen o libro no obradoiro ourensán de Antonio Otero o 15 de xullo de 1920.

Non sei cal foi, tal como expresa a dedicatoria, o “dictamen austero, de superior excelencia” que de Do ermo Couceiro Freijomil puido manifestar a Noriega Varela. Sei si, que a Historia emitiu xa o seu veredicto, convertendo o poeta nunha das voces fundamentais da lírica galega de todo tempo.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES