
O músico dos Vilares, José López Díaz, Pepe de Cristos, recibeu de mans de Arantxa Álvarez, vocalista de Los Satelites e tamén vilarega, o premio Trapeiro de Honra 2016, que concede cada ano a asociación socio-cultural Lareira de soños a unha persoa ou entidade destacada da parroquia de Diaz Castro. No acto, ademáis da familia do antigo clarinetista e saxofonista das orquestras Armonía e Chedeiro acompañaron a Pepe de Cristos o vocalista da antiga formación da Armonía Ricardo Rivera, que interpretou unha peza ao saxo, e cantou o pasodoble de Guitiriz, a alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, o presidente de honra do clube de prensa de Ferrol e autor do libro das orquestras de baile de Ferrolterra, Man Castro e a impulsora do proxecto Lareira de soños, Pastora Veres.
Nun acto cargado de emoción e complicidade, Pepe foi homenaxeado conxuntamente coas orquestras de baile da posguerra e a todolos músicos daqueles tempos.
Arantxa Alvarez agradeceu o legado daquelas orquestras en tempos tan duros e difíciles para que as orquestras galegas actuais sexan consideradas as mellores e puxo a Pepe e aos seus compañeiros como exemplo a seguir pola súa vocación, entrega e compromiso. Ricardo Rivera fizo un repaso de anécdotas daqueles tempos, Man Castro falou das numerosas formacións existentes e da precariedade coa que desenvolvían as súa actividade comparadas coas actuais formaciós musicais. Regina Polín fixo unha loubanza da grandeza de Pepe de Cristos desde a súa humildade e Pastora Veres adiantou a pasaxe do seu libro adicada a José López Díaz.
Pepe agradeceu a homenaxe emocionado e alegre polo recoñecemento, máis aínda por non contar con él, comentou.
Lareira de soños agradeceu a todos a súa colaboración e puxo a Pepe como modelo de artista, veciño e gran persoa, representativo da parroquia dos Vilares e en xeral da vocación artística chairega.
