Mortes. Semana de mortes. Será porque estivemos na Semana Santa, na semana de paixón. Empezouse co accidente de autobús en Tarragona, no que faleceron 13 estudantes estranxeiras. É igual, coma se foran españolas. Foron 13 vidas rotas, 13 crucifixións que quedarán para sempre no monte Calvario dos familiares.

O martes. O martes, morte familiar que se sigo comentando debería de dar para infinidade de relatos diarios que non proceden, porque en cada un deles a emoción bañaría os meus ollos, e xa chegou ben ese día e cando os recordos asomen á miña mente que, temo, será bastante a miúdo.
O martes, o mesmo martes dobre atentado islamita no metro e no aeroporto de Bruxelas, no que máis de 30 vidas rotas e centos de feridos quedarán tamén para a dor e os recordos de toda a humanidade. Porque hai accións, hai actuacións que van máis alá do entorno familiar. Para uns é fanatismo, para outros é vinganza e para uns cantos
daqueles pos, estes lodos. Para as familias, unhas crucifixións sen sentido ningún.

E o Xoves Santo outro día máis de paixón para todo un personaxe, no bo sentido da palabra. Morría Johan Cruyff, o home que revolucionou o fútbol. A ver, houbo e hai catro grandes no universo futbolístico: Di Stefano, Pelé, Maradona e Messi. Un perfecto póker de xogadores (pero quedaron aí, como xogadores tan só). Mais o comodín para formar o que queirades é, ten que ser Cruyff, pois, a maiores de ser un excelso xogador, que se pode dicir como adestrador. Hoxe o Barça é o que é grazas a el.
Hai semanas que non deberían asomar nos calendarios.