Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A minoría mendicante

sábado, 26 de marzo de 2016
Sinesio Baudilio García Fernández (1.897-1.983), coñecido polo pseudónimo de Diego Abad de Santillán, foi un militante anarquista, escritor español e figura prominente do anarcosindicalismo, en España e Arxentina (Wikipedia). Entre moitas outras, escribiu unha obra titulada “El organismo económico de la revolución”, que, con un estudio preliminar de Félix García, publicouse en Zero, Madrid, 1978. Na páxina 309 desta obra podemos ler o seguinte, que traducido do castelán ao galego, di:

“En todos os tempos, por encima das CASTAS e das clases, a sociedade tivo unha minoría progresiva que arrastra cara a diante, unha minoría regresiva, reaccionaria, que tira atrás, e unha maioría que vai cara a unha ou a outra, segundo as circunstancias e as influenzas postas en xogo (...). Os anarquistas somos os herdeiros e continuadores da minoría progresiva; a aspiración desta a unha humanidade feliz, coincide co que nosoutros queremos”. (Maiúsculas, miñas).

Fágome eco desta cita porque me gustaría identificar hoxe en España esa “minoría progresiva” e tamén a “casta”, xustamente nun contexto no que todas as agrupacións e partidos políticos se cualifican a si mesmos de “progresistas” e rexeitan pertencer a esa categoría da “casta”. E se esta actitude de rexeitamento pode explicarse como unha estratexia dos mesmos partidos, xeneralizada, é preocupante que non sexa fácil poñela en correspondencia coa complexa realidade socio–política do noso país, precisamente no momento en que os máis lixeiros de verbas parecen incorporarse a ela.

Volvemos a estar envoltos na indefinición de conceptos básicos, co PROGRESO polo medio, e a “felicidade”, da que tanto se fala e sempre queda oculta á percepción de quen está chamada ao seu goce, á HUMANIDADE. E posto que, se o intelixente anarquista constatou, no ano 1.936 (ano no que parece que escribiu a obra á que fixen referencia, publicada no 1.978, en España) a existencia deses tres grupos – progresista, reaccionario e o que se aproveita das circunstancias – algo estraño está a suceder no noso país, no que o evidente é que TODOS se aproveitan das circunstancias: Desculpándose, uns, dos privilexios das castas, e coidándose os outros de mantelos.

O que si temos é unha minoría mendicante, que sae aos corredores de Bruxelas a pedir que lle axuden a adquirir un poder que lle garanta unha situación de privilexio, e como saír coa manta e a caixa ao público xera complexo, non o fai en nome propio (incualificable hipocrisía ...!), senón dos necesitados (que certamente non se pode negar que son moitos) cidadáns españois, para os que conta poder multiplicar os pans e os peces. Sen embargo, no nos deixemos engaiolar, non pertence esta minoría ao grupo do progreso anarquista, senón ao do regreso ao status quo, no que outros pretenden teimosamente manterse: Poda que non falten alardes dalgún radicalismo, para cubrir compromisos e crear desacougos tan inoportunos como contextualmente desharmónicos.

Compre ter moi en conta que, cando os cidadáns non se senten identificados cos valores que os partidos din encarnar, existen razóns, principalmente axiolóxicas en xogo, é dicir, xurde un conflito de valores que facilita toda clase de desvertebracións: Os partidos no goberno adoitan ser insensibles para os valores que verdadeiramente profesan, explícita ou implicitamente, os cidadáns, e estes rexeitan os que aplican aqueles. Ocorre isto de tal maneira que as propostas alternativas dos cidadáns, como por exemplo as derivadas do 15 M español, son monopolizadas por movementos sociais que acaban converténdose en faccións anti–partidos clásicos, aos que cualificaron, aquí no noso país, de “castas”.

A responsabilidade está no corporativismo que adoptan eses partidos políticos, aloxándose das demandas de representatividade dunha sociedade que cada vez séntese máis desvinculada dos representantes que elixiu, e así, non é de estrañar que catalice a quebra dos mesmos, na súa condición de referentes para a sociedade, que só acaban interesando a quen vive deles.

Pero os que prefiren mendigar, e non o pan de cada día, senón a concesión de dignidades con artes indignas, disimulando os comportamentos paradoxais, por contraditorios coa acendida defensa da unidade nacional de España, non deberan ignorar que, como di un autor, “a definición da conduta política lícita e da conduta política ilícita e quen sexa o gardián de tales preceptos son os núcleos fundamentais dunha posible doutrina da xustiza política”. Por conseguinte, os que aspiran a defender esa unidade nacional, non deberían mendigar para ostentala, á porta dos que poñen todos os medios para rompela, pois as vías políticas como oferta de solución, non é correcto que cuestionen as xurídicas, como tampouco que estas se desculpen con aquelas: Pertencen a ámbitos distintos, con funcións complementarias, principalmente neste caso.

Outra cousa é que os gobernos deste noso país (moi preocupados por ateigar de regulacións outros aspectos da vida do cidadán), cunha falta de previsión incomprensible, caeran na irresponsabilidade de non desenrolar normas constitucionais transcendentais para facilitar a labor xudicial, en caso de necesidade, trocando a dilixencia neste mester pola de consentir espoliacións no erario público, que non é menos indigno, e máis gravoso, que saír ao exterior a mendigar, sobre todo cando se propiciou, con certas políticas dunha mal distribuída austeridade, que o fixeran os nosos cerebros e non poucos concidadáns menos cualificados.

É lamentable, e con imprevisibles consecuencias internacionais, que o desprestixio dos xogos políticos nos últimos meses, en mans de competidores que xogan con actitudes de terceira nunha esixente cancha de primeira, estea arrastrando a España a clasificacións que xa había superado.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES