Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A gabardina de Moncho Borrajo

martes, 29 de marzo de 2016
Testemuñas da Memoria: A gabardina de Moncho Borrajo


Hai nenos inquietos. Hai nenos tímidos. Hai nenos calados. Hai nenos nugalláns e hai nenos que latrican que nin o demo. Moncho Borrajo era destes últimos. Aínda hoxe, Moncho Borrajo latrica que nin o demo e á velocidade da luz.

De neno, cando pasaba os veráns en Baños de Molgas e como todos es demais nenos, polo xeral, andaban no monte coas vacas ou cavando nos eidos, non lle quedaba outra que buscar a alguén que o entretivese, que o enredase un pouco… ou que o escoitase. Recorría a miña nai. Pois aínda que ela tamén era das que andaban sempre nas leiras (que remedio!), a miúdo dedicábase máis a fochicar na Cortiña, ó lado mesmo do cemiterio. Moncho Borrajo sabía que era alí onde mellor a podía atopar. E para alá marchaba, desde a súa casa, na ponte nova, ata o barrio da Igrexa, ata a Aira de Arriba. Imaxino a miña nai (co que lle gustaban os nenos) mordendo nas meixelas do Monchiño con todo o cariño do mundo, pero ás veces mordía con tanto amor, con tanto querer que chegaba a mancar. Imaxino a Moncho Borrajo dálle que dálle á lingua e a querer saber. E imaxino ós dous rindo a cachón ante as palabras do cativo. Porque, Moncho Borrajo, de rapaz, seica xa prometía.

A confianza do humorista, do showman molgués con miña nai, coa miña familia debíase, por suposto, á confianza existente entre a Dundina (a nai do Moncho) e a Lola da Amparo (a nai dun servidor), a maiores do propio parentesco existente entre unha familia e outra. A confianza foi tal que toda aquela roupa que lle sobraba ou que xa non lle valía ó fillo da Dundina acababa caendo na casa da Lola. Por sorte ou por desgraza, a miña familia nunca viviu na opulencia, nin tan sequera na medianía do bo vivir, máis ben na miseria ou na máis absoluta sinxeleza, e todo caía entón na casa como auga de maio. Imaxinade as prendas de vestir.

Nunca se me esquecerá unha gabardina de Moncho que levou o seu uso nos os lombos dos meus irmáns e fíxose vella sobre o meu ata que non valeu nin para vestir santos, a pobre. “Neno, colle cobertoira”, berraba a Lola. Eu collía sempre a gabardina de Moncho Borrajo. Porque me sentaba ben. Porque non era pesada. Porque era bonita. E porque me cubría.

Como o tempo pasa e todo cambia, o rapaz que buscaba parola ou que buscaba a quen o escoitase, converteuse nun chiscar de ollo en todo o que é hoxe. Pero sei que aínda, de cando en vez, pensa na Lola da Amparo e nas tardes que o entretivo naquel terreo da Cortiña. Como o tempo pasa e todo cambia, o contacto, quéirase que non, foise perdendo, pero sábese que a memoria é o mellor amigo que ten o ser humano.

Coincidín co éxito, co boom de Moncho en Madrid, máis en concreto, na sala Cleofás. E foi a partir de aí onde se “reiniciou” de novo o contacto con el. Lembro que foi dicirlle “son o fillo da Lola da Amparo” para que me abrise as portas de par en par. Recordo o seu patrocino daquela viaxe ás Canarias cuns cantos veciños do concello (que, recoñezo, trouxo o seu aquel, a súa polémica política) para a que preparara un escrito, un relato sobre o humorista e que, por vergonza, nin me atrevín a ler diante del e de todos nin me atrevín a darllo, a remitirllo incluso.
É igual; o meu cariño teno sempre. Polo que me gusta como humorista, como pintor e como caricaturista e, por suposto, polo contacto que mantivo coa miña nai. Só por isto xa merece o meu respecto. E non falo do que significou para min a súa gabardina porque igual me emociono.

Café Bran de Ourense.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania