Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Non hai sitio reservado prós espectadores

jueves, 24 de marzo de 2016
É martes da semana santa deste ano 2016 pola mañá cando me dispoño a poñer por escrito algunhas ideas que non son fabricadas agora mesmo pra saír do paso, senón remoídas ó longo de anos. Escribo de loito. Durmín tarde e nos espertei cedo, por iso a primeira noticia que tiven este día foi a de varios renovados atentados terroristas en Bruxelas. Quixera estar de loito cos que sufriron e sofren por estes atentados, pero non sei se son capaz, porque, aínda que se di que hoxe non hai distancias, Bruxelas segue quedándome lonxe.

Estou de loito por un mundo capaz de enxendrar e parir terroristas desalmados, xa sexa en nome dun alá manipulado ou en nome de calquera fanatismo degradante e deshumanizante. Estou de loito por un mundo no que a palabra liberdade vai sendo cada día unha casca máis baleira de contido. Estou de loito por un mundo á deriva que aínda non aprendeu e parece que non quere aprender unha sinxela lección de hai 2000 anos.

Estamos na Semana Santa, mentres algúns e algunhas podemitas e achegados non lle troquen definitivamente o nome pra que sexa profundo, público e notorio o cambio que segundo eles tanto necesitamos, pero non atinamos a sabelo formular claramente, porque pensamos que cambio non é sinónimo de condena de todo o pasado.

Si. Estamos na Semana Santa, parcelada en infinidade de semanas santas, moitas delas, polo que vexo, de interese turístico e etnográfico; pero tamén, polo que leo e escoito, poucas de interese relixioso, por máis que caian algunhas bágoas cando non pode saír algunha procesión por culpa da choiva.

Cando vexo na tele algunha desas grandiosas semanas santas, que sen dúbida teñen méritos e valores pero a miúdo moi camuflados, observo ringleiras e ringleiras de espectadores nas beirarúas, cámara fotográfica ou móbil en man pra inmortalizar pra si mesmos e a prá súa parentela o que xa é inmortal desde antes ca eles, pregúntome se pagarían a entra pró espectáculo. Supoño que si, que a pagarían incluída na factura do hotel, do restaurante ou da cafetería e probablemente non lles quede nin una moeda de cinco céntimos pra dar una miseria a un mendigo, porque seguramente nunca escoitaron ou axiña esqueceron aquilo de: “O que fagades a un dos vosos irmáns facédesmo a min”.

Estame saíndo un escrito un pouco cáustico, recoñézoo, e non quixera ferir a ninguén dos moitos que se esforzan por conxuntar vivencia profunda da fe e manifestación máis ou menos folclórica da mesma.

Pero a onde quería chegar é a que na miña non moi aberta e pouco panorámica maneira de ver as cousas, na Semana Santa cristiá non pode haber simples espectadores. Todos somos actores dalgún xeito. E penso que despois de beiras de 2000 anos seguen reproducíndose os mesmos personaxes daquela primeira polas rúas empedradas de Xerusalén.

Non teño atribucións pra xeneralizar nin quero facelo, porque toda xeneralización indiscrimada levan consigo un compoñente de inxustiza. Aínda que non lle importe a ninguén máis ca min, voume mirar no meu espello.

Conforme ó momento e ó lugar, eu tamén son dos que cambia de cadea da TV pra poder durmir tranquilo mentres outros angustiados e esmagados pola dor física ou psíquica súan sangue. Pero algúnha vez tamén teño pasado noites enteiras e seguidas sen durmir a carón de quen sufría .

Tamén, de tanto querer compangar cos que van prá feira e cos que veñen do mercado, acabo coma Pilato perdendo a noción do que é a verdade. Pero algunha vez tamén me move o impulso de dar testemuño da verdade, aínda correndo algún risco.

Non vou repasar os personaxes un por un, pois non quero cansar a ningún posible lector.

Tamén me vexo retratado no soldado raso que por congratularse co xefe, seguramente buscando un ascenso, lle ceiba unha labazada a un indefenso, levado ben atado, ante o” sumo sacerdote” de turno. Pero algunha vez tamén me encaro co covarde que abusa do máis feble.

Tamén gozo vendo tropezar e caer a algúns. Pero tamén algunha vez son Cireneo que axuda a levar algunhas cruces.

Tamén por veces son coma as plañideiras de Xerusalén e véñenseme as bágoas vendo una fotovela, mentres paso insensible por diante de quen non tén pra manter os fillos. Pero tamén algunha vez podo pasar sen algo necesario pra que outro teña un cacho de pan que necesita máis ca min.

Tamén ás veces torzo a cabeza pra aparentar que non vexo a quen me pide que lle tenda una man e lle axude a erguerse. Pero tamén algunha vez son a Verónica que leva impreso na alma o rostro desfigurado quen xa nin tén aparencia humana.

Tamén a veces son o que, despois de negar covardemente a Xesús, foxe despavorido; pero a veces tamén son o discípulo que timidamente se achega ó pé da cruz.

Tamén a veces lle digo a Deus: “A ver, demostra o que podes e se me queres ben. Líbrame deste calvario”. Pero algunha vez tamén lle digo: “Ben sei que me queres e que me están dando a túa forza e a túa axuda pra seguir. Ti vas diante min tamén sufrindo con valentía”.

Tamén ás veces quixera ser coma María, pero non son capaz de reproducir a dor dunha nai co seu fillo vilmente asasinado no seu regazo. Pero algunha vez tamén me sinto ese fillo que cre que detrás da negrura da norte agárdanos a luz da resurrección e que acepta meterse a redentor, aínda sabendo que quen se mete sae crucificado.

Podería dar una longuísima lista de persoas que coñezo e que me dan cincuenta voltas en encarnar os personaxes da segunda parte de cada párrafo anterior, pero cada un sabe de si e Deus sabe de todos.

Escribin no loito, pero non vivo no loito, porque creo que a Primeira Semana Santa pagou a pena e que hoxe, coma daquela, o mal coas súas mil caras que esnaquizan a imaxe de Deus impresa en nós non pode matar definitivamente ó BEN que sempre tén cara de misericordia activa e nunca de resignación pasiva.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES